martes, 4 de julio de 2017

Léxico sobre a configuración do terreo

Tense escrito moito sobre os valores paisaxísticos de Galicia; a paisaxe sempre tivo protagonismo na poesía galega a través do tempo. Tamén as relacións entre o home e a paisaxe (por ex. nos grandes mestres U. Novoneyra e Manuel Mª). A paisaxe é variada, como xa dicía no século XIX Francisco Añón no seu himno "A Galicia". A galega é unha paisaxe verde e chea de vida, como pintou Rosalía, destacando o contraste coa negativa visión da paisaxe castelá (no poema "Castellanos de Castilla" de cantares Gallegos). Medramos nunha paisaxe e ela forma parte de nós. A paisaxe implicará uns modos de vida peculiares en cada caso. Manter a harmonía e o equilibrio entre humanidade e paisaxe é un dos maiores retos do mundo actual.Un paso relevante para apreciala é coñecela.

Fixándonos nestes autores e nalgúns máis da nosa literatura imos destacar unha lista de palabras que nomean elementos que configuran o noso medio e poñerémolos por orde alfabética para unha consulta máis doada.

aba (=ladeira) parte lateral dun monte
acantilado costa con terreo abrupto con moita pendente.
areal praia
arroio corrente de auga procedente da choiva
atol illa coralina en forma de anel
baía/badía enseada entrada do mar na costa máis pequena ca o golfo.
bancal terreo en escalóns para reter a terra e evitar a erosión (por ex. nos viñedos; socalco)
beiramar costa, ribeira; zona próxima ao mar.
braña terreo lamacento onde nace auga
cabo parte saínte da costa, que penetra no mar.
canón val profundo escavado por un curso de auga
cantil acantilado
caverna espenuca, gruta, cova cavidade profunda na terra ou nunha rocha
cavorco gabia ou escavación profunda producida pola auga das arroiadas
chaira terreo  extenso chan; palnicie.
con rocha na beira do mar
congostra camiño fondo entre paredes; corga
cordal conxunto de montañas; serra
corga congostra
croio (coio) pedra redonda erosionada; seixo
costa ribeira do mar; terreo con desnivel, costento, costaneiro.
cume/cumio parte máis elevada do monte; curuto
cunca (ou conca) terreo polo que discorre un río
delta terreo onde se acumula a terra na desembocadura dun río.
desfiladeiro paso estreito entre montañas; gorxa.
devesa bosque con árbores autóctonas e pasto.
encoro depósito que se forma no curso dun río e que pode ser natural ou artificial; presa.
engroba gorxa, desfiladeiro
esgrevio dise do terreo moi irregular, accidentado.
esteiro zona da costa onde desemboca un río que queda cuberta pola preamar.
farallón penedo na beira do mar
fervenza caida de auga desde unha altura considerable; cadoiro, salto.
fonte manancial, lugar onde nace auga.
foz desembocadura dun río
fraga devesa, bosque con árbores autóctonas.
furna cova na beira do mar
gándara terreo con vexetación de monte baixo
golfo gran porción de mar que entra na terra entre dous cabos.
gorxa desfiladeiro
illa terra rodeada por todos lados de mar
insua illa no medio do río
itsmo faixa estreita que, a través do mar, une dúas partes de terra con máis superficie.
ladeira aba ou faldra da montaña; parte lateral.
lameiro prado húmido
laxe pedra en láminas; lastra; emprégase para pavimentar o solo.
lomba pequena elevación do terreo
lousa pedra de pizarra; emprégase para cubrir os tellados
outeiro pequena elevación do terreo
pena pedra grande e dura; penedo.
penedo pedra grande e dura de grandes dimensións.
península terra rodeada de mar e unida a outra por unha parte estreita
planicie chaira
regato curso de auga pequeno
ría o mar penetra na terra
rigueiro pequeno regato
río corrente de auga de máis dimensión
rocha pedra grande
seixo pedra redonda e dura; croio
serra cordal, cordilleira; conxunto de montañas
socalco bancal; terreo de cultivo disposto en banzos.
souto terreo de castiñeiros
touza monte con toxos, xestas...
val terreo situado a altitude baixa, plano.
valiña val pequeno
vao lugar dun río por onde se pode atravesar a pé
veiga terreo fértil a carón dun río

Póñovos dúas fotos: na primeira vense os socalcos típicos dos viñedos da Ribeira sacra. Na segunda vese unha fervenza, frecuente na abrupta paisaxe que temos.

Imaxe extraída de Wikipedia: CC - BY - SA (Luimipi~glwiki)


Imaxe extraída de Wikipedia: CC - BY - SA (Lmbuga)


Imos comprobar canto deste léxico aparece no poema de Francisco Añón.


Por ex. menciona veigas, prados, ríos e rías, fontes, arboredas, "pinares", o cume do Pindo ( onde sitúa aos persoeiros ilustres de Galicia), penedos, petoutos, devesas, soutos, regueiros, mariñas, montes.

No de Rosalía "Castellanos de Castilla" aparecen: secos fillos do deserto, as penas duras, pezoñosas charcas, ardente suelo, campos frescos,"llanura", fontiñas, ríos murmuradeiros, Mediante metáforas e antíteses expresa a súa valoración oposta das dúas paisaxes.

Déixovos un vídeo da rapeira Aid onde aparece unha versión deste poema de Rosalía xunto con outros.