sábado, 28 de noviembre de 2015

Sobre Manuel Mª e as Letras Galegas 2016

En xullo de 2015 a Real Academia Galega deu a coñecer quen ía ser o protagonista do Día das Letras Galegas no ano 2016.


 Nos xornais, todos eran a felicitarse pola elección de Manuel Mª, en contraste co sucedido o ano anterior (foi o nomeamento máis polémico que lembro). Isto pode verse en artigos de Sermos Galiza como o seguinte.
Creo que, en xeral, a xente respecta a este autor, coñece máis a súa obra e admíraa, grazas en parte a que moitos textos foron popularizados ao contar con versións musicais. 

Os que tivemos a sorte de coñecer o autor en vida sabemos que foi unha persoa afable, sinxela, pero tamén enérxica na defensa das súa ideas e coherente nas súas actuacións. É un home do pobo e que lle fala ao pobo, cunha linguaxe natural, simple e directa ás veces, mais noutras ocasións con linguaxe máis traballada e con notables acertos expresivos.
Un aspecto a salientar é o de ser un autor moi prolífico. Destaca sobre todo como poeta e cultivou as diferentes tendencias da poesía galega de posguerra: Escola da tebra, poesía paisaxística, poesía social e tamén poesía amorosa. Tamén escribiu varias obras teatrais.
Pertence á Xeración das Festas Minervais ou Xeración de 1950, caracterizada polos seguintes trazos:
- trátase de autores nacidos entre 1930 e 1940, polo que non viviron a guerra de maneira directa.
- participaron nos certames literarios da Universidade de Santiago chamados Festas Minervais.
- teñen formación universitaria e manifestan o seu compromiso político nacionalista uníndose a partidos políticos de esquerdas.
- mostran un forte compromiso coa lingua e manteñen unha práctica monolingüe en galego.

Algúns dos seus textos son xa emblemáticos como o adicado á "Terra Chá" (no que tenta captar a esencia da paisaxe da súa terra natal), que reproducimos:

 A Terra Chá somentes é:
un pobo aquí e outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
(recentemente cantado por Uxía)



ou outro cantado por Fuxan os ventos: "Non canta na chá ninguén"


Para Manuel Mª é moi importante Galicia, e a súa esencia é o idioma, como afirma no poema "A Fala". A fala é "a chave coa que abrimos o mundo", algo máxico que nos permite entendelo e descifralo. A fala mostra quen somos realmente, retrátanos fielmente; nela conflúen o pasado, o presente e o futuro: o ronsel que deixaremos no mundo cando nos vaiamos. É un fermoso poema, aparentemente sinxelo, mais profundo, co que moitos nos sentimos identificados.

Podedes ler o texto e escoitar a versión de Roi Casal en Son de poetas ou no vídeo.


Estes días (maio) tamén saíu en Sermos Galiza un vídeo, en que alumnos de escolas de Nova Zelandia recitan este poema. Non diredes que non chegou lonxe! Só un pouquiño máis alá de Pedrafita!!!







No hay comentarios:

Publicar un comentario