lunes, 3 de abril de 2017

Participando no Correlingua

No presente curso animamos os rapaces a participaren nos concursos do Correlingua. Houbo que pelexar un pouco, pois ao comezo o alumnado de 3º de ESO mostrouse disposto a facer o manifesto, pero chegado o momento querían volverse atrás ao examinar as dificultades que supoñía.
Finalmente, foron arrincando e aportando ideas, que fomos xuntando e dándolles coherencia ata acadar un resultado satisfactorio. Escolleron o pseudónimo "Senlleira".
Para empezarmos, tomamos como base o manifesto do ano pasado, onde aparecían frases feitas (trazo característico do galego popular) e citas do autor homenaxeado nas Letras Galegas xunto con ideas que os autores asociaban con Galicia.
Relacionamos iso co lema deste ano: "O galego, sen cancelas", ben atractivo. Fomos incorporando características da linguaxe publicitaria, como a apelación aos receptores (vocativos, imperativos), a visión esperanzada e optimista  do galego proxectado no futuro. Saíronnos cousas relacionadas coa comunicación, coa identidade, coas raíces, coa terra e a paisaxe, coas palabras, coa simboloxía da auga, coa liberdade... e fixemos unhas cantas metáforas xeitosas. Introducimos frases feitas relacionadas con falar e situámolas nun contexto axeitado.
Mencionamos obras de Carlos Casares ou expresións que el dixo, xunto con ensinanzas doutros autores relevantes da nosa literatura  ou doutros ámbitos da cultura (Por ex. de U. Novoneyra tomamos a idea da pequenez do home perdido na paisaxe; de Castelao, que o idioma é a maior obra de arte do noso pobo; de Sés a idea de opoñérmonos á extinción...).

Vou colgar o texto para que o poida ver o resto do alumnado ou quen queira en xeral.

Oe, rapaz! Ven aquí!
Mira que che imos contar!

Escoita, anímate, imos falar ...
dicir, expresarnos, comunicar ...
porque "o falar non ten cancelas".
Se as hai, nós imos movelas;
choutamos por riba delas.

Porque somos
"un país de palabras":
mel, queiroa, orballo, colo ...
Un país ferido polo vento,
que non amaina.
Un vento forte coma un furacán
que unha e outra vez,
sen piedade golpea.
Mais despois da tempestade
virá a calma.
Xa sabes...
nunca choveu
que non escampara
nin houbo tormenta
que non rematara.

Anda, rapaz, ven, fala.
Porque temos un mundo por descubrir.
Temos todo por vivir!
"Non falamos por falar"
pois temos unha versión que dar
sobre nós.

Falaremos do tempo ...
dos avós, dos bullós,
dos roxós a ferver no lume,
das paixós que nos consumen,
de ser nós,
auténticos e xenuínos.
porque non queremos cancelas,
nin muros,
nin imposiciós.

Porque o galego é para nós
o agasallo que nos deron,
a fonte da que bebemos,
a ledicia e a dor,
a calor do lume,
o sol do verán,
o agarimo da nai,
os "verdes castros",
os bidos e os amieiros,
dunha paisaxe ancestral
de fondas raigames
na que só somos átomos.

Unidos, fagámonos fortes,
collamos pulo e brinquemos
por riba de innúmeros obstáculos
que nos queren coutar.
Non caiamos no absurdo,
na autodestrución,
opoñámonos á extinción.

Nós podemos crear
un río de palabras:
avó, pai, filla;
vimbio e arxila;
vida para compartila.
Queremos
deixarlle ao mundo
algo peculiar.
Pon o teu gran;
preservemos o capital!

A semente amodiño
ha froitificar
e ha formar
unha fervenza
de auga clara
que caia sobre nós,
imunde o noso ser,
e, sen deixar fío enxoito,
como chuvia miúda,
aloumiñe
e faga en nós
levedar
a arela de libertá
para sermos
canteiros
da "maior obra de arte"
do noso pobo.

Oe, rapaz!
Sigue a loita
e rompe as cancelas!
Tocaremos teito!
Por nós! Polo galego!
Por acadar no mundo
o posto que merecemos!



No hay comentarios:

Publicar un comentario