miércoles, 4 de abril de 2018

Comentario literario para bacharelato: "A Galicia" F. Añón

O poema titulado "A Galicia" , premiado cun accésit nos Xogos Florais de 1861, de Francisco Añón, un dos poetas máis importantes do Perrexurdimento, movemento literario xurdido en Galicia no séc. XIX, grazas ao nacemento do galeguismo, é un himno. É dicir, unha composición solemne na que se enxalza a Galicia.
O poeta, de ideoloxía liberal, participou no movemento chamado provincialismo, que defendía a unidade territorial, cultural e económica de Galicia (opoñíanse á partición en provincias e defendían a necesidade de levar o galego ao ensino) e recuperou o uso do galego como lingua literaria. Tivo unha biografía azarosa e aventureira, sendo desterrado a Portugal pola súa participación no levantemento militar de 1846, que rematou co fusilamento dos seus cabecillas (os mártires de Carral). Viaxou a Londres como secretario dun lord inglés. Tamén foi desterrado ou fuxiu de Portugal por publicar un poema coñecido como Hino dos povos. Non é que fose un liante; é que a liberdade de expresión non era o forte no século do absolutismo!
A súa obra poética publicouse espallada en revistas e xornais, non sendo recollida en libro ata despois da súa morte (publicación póstuma en 1878).
Podedes ler máis información sobre o autor e tamén ver unha foto pouco coñecida del aquí.
No texto demostra un gran dominio da linguaxe e un coñecemnto do mundo clásico, como corresponde a un home cunha profunda formación lingüística que cultivou a poesía en tres idiomas: galego, portugués e castelán.
En canto ao xénero literario, pertence á poesía lírica, xa que nel predomina a expresión dos sentimentos por parte do autor.
A perspectiva adoptada é a da 1ª persoa, como observamos nos verbos ou nos determinantes: coido, meu, vin...etc. esta diríxese a un interlocutor mudo: Galicia.
A temática é variada: social (situación de Galicia, cambios grazas á industria), intimista (situación anímica do poeta, costumista (paisaxe e tradicións que debuxan unha imaxe da terra). Os temas tamén son varios, aínda que un sería o principal e os outros secundarios: a situación de decadencia de Galicia, os sentimentos do autor polo seu desterro, ou pintura da paisaxe e costumes, a chegada da industria e os cambios que aporta.
A estrutura
Podemos dividir o texto tendo en conta a súa temática en varias partes:
- a 1ª comprende a estrofa 1, onde fala da situación de postración de Galicia, que empeza a cambiar.
- a 2ª abrangue as estrofas 2, 3 e 4,  5 e 6 que tratan sobre a visión de Galicia do poeta (vista desde a distancia nun soño).
- a 3ª abrangue a estrofa 7, onde fala dos cambios que introduciu a chegada da industria.
- a 4ª son o resto das estrofas (8, 9 e 10), que tratan sobre os sentimentos do autor ao espertar do soño: dor, desexo de voltar, saudade.
Argumento
O poeta convida a Galicia a espertar da postración en que se atopa, porque xa se entrevén sinais dos novos tempos que chegan. A continuación fala da súa nostalxia pola terra onde foi feliz na infancia e describe a súa beleza e características. Un capítulo importante no que é Galicia resérvallelo aos personaxes ilustres da terra, que lle deron valor e prestixio. Fala da chegada da industria e os cambios que supón e dos seus sentimentos de angustia e desexo de volver a ela antes de morrer.
Análise da linguaxe
Comeza o poema cunha interxección ("Ai!"), coa que o poeta expresa os seus sentimentos de dor. Vén logo o imperativo: esperta (función apelativa da linguaxe: chamada de atención ao receptor) e a continuación a aposición "adorada Galicia". É unha apóstrofe, coa que indica o seu profundo amor á terra (non é só amor, é un grao máis: a adoración; idolátraa).
Logo explica por que é importante que Galicia reaccione: empézanse a ver (enxergar= entrever, albiscar) sinais de mellora que conducirán a un futuro venturoso para a nosa terra ("do teu rico porvir a alborada": metáfora: alborada=comezo, inicio; do teu rico porvir, hipérbato, e adxectivo anteposto ao nome: valor subxectivo). Esa nova situación faise patente pola alegría que amosan os galegos, que cantan e se dispoñen a mostrarse activos (espreguízanse·) ao tempo que amosan o seu desexo de recoñecemento e amor de parte da patria (metáfora e personificación: Galicia é a nai e os galegos desexan os seus bicos. Pode falarse tamén de metonimia: Fala de Galicia,o territorio, cando en realidade se refire aos seus habitantes, a quen pretende concienciar.
A seguir empeza a expoñer que lle sucede: lamenta estar lonxe da terra (unha circunstancia real que lle ocorreu: exilio) e desde ese afastamento dá a visión da súa Galicia soñada. Comeza falando do paraíso perdido da infancia (antítese: chan venturoso/negro destino). De novo aparecen personificacións que dan unha visión amable de Galicia: campos risoños; onde leda pasou miña infancia, hai un hipérbato que sitúa o adxectivo no comezo da oración para facer énfase nel. Remata a estrofa con novas pinceladas sensoriais que amosan Galicia como un lugar paradisíaco de suaves e agradables recendos (respirando a suave fragancia/ de xasmín, caravel, azahar:enumeración asindética, ritmo áxil).
Segue a descrición da paisaxe galega centrándose agora nas paisaxes máis características (mar, barcos, ceo), mediante sensacións visuais e auditivas que dan unha idea da súa beleza (coas palabras deseña paisaxes que imaxinamos perfectamente; remata cunha enumeración das cores do solpor (cando o sol vai as nubes pintando /de amarelo de lume e carmín.)
A continuación, segue falando doutras paisaxes características galegas, amosando a súa variedade: hai montañas, penedos, pero tamén veigas, vales, viñas, soutos, devesas. De novo usa a enumeración para amosar a riqueza da nosa terra e tamén fai valoracións positivas desta medainte a adxectivación: bos horizontes. Tamén hai alusión a sensacións visuais: brétema azul.
Pasa logo a mencionar sensacións auditivas e visuais agradables relacionadas coa terra, que lembran a alegría das festas populares (foliadas alegres escoito, voz pracenteira, contrasta con cando o ceo se viste de loito).
Finalmente, remata a visión do seu soño coa lembranza dos persoeiros que deron fama e prestixio á nosa terra, que el sitúa no mítico monte Pindo, asociado a crenzas populares e tradicións. Isto ten relación co monte Olimpo, onde se situaban os deuses gregos, e tamén é unha reminiscencia clásica que os personaxes gloriosos se adornen con mirtos e loureiros. Nesta estrofa usa un léxico culto: metáfora os fillos máis caros (=os fillos máis queridos); os fastos da historia (=as celebracións, as datas sinaladas). Os feitos protagonizados por estes personaxes quedarán gravados con diamante: iso dá unha idea do aprecio (diamante: connotacións dureza, luxo, prestixio) que merecen segundo el estes persoeiros, cuxo recordo permanecerá sempre vivo para os galegos.
A chegada do tren (metáfora:andrómena rara; comparación asubiando como unha serpente: o tren preséntase como algo ruidoso e ameazador) muda a paisaxe (das aldeas fai vilas) e remata coa tranquilidade e a paz das que falaba antes, o que influirá na inspiración do poeta: adeus cantos e musas tranquilas.
Na última parte do poema, o poeta esperta do soño e entón aparece outra visión de Galicia, máis real e tamén máis sombriza: esvaécese o seu soño "dourado" cunha estraña rapidez (comparación: como fume pasou de repente) e imponse a dor e o pranto (hipérbole e hipérbato: dos ollos chovíanme as bágoas; magoado o meu peito se sente; metonimia: normalmente dise que a mágoa ou os sentimentos están no corazón, e o peito será o continente, cando se quere falar do contido). Séntese como un refugallo abandonado á súa sorte e sente envexa da liberdade das andoriñas que poden voltar á terra cada primavera (maio por primavera, parte polo todo, metonimia). O recurso morfosintáctico do paralelismo sérvelle para insistir na idea de envexar outros seres ou elementos como as nubes e raios que se moven con liberdade para ir á terra.
El só pode ir a Galicia a través da saudade do seu pensamento (a saudade do seu pensamento voa, personificación) que obsesivamente se sitúa en Galicia. O desexo de voltar é tan forte que valora máis volver á terra que entrar no ceo (metáfora: a gloria, o paraíso, a felicidade eterna).
Hai certa estrutura circular, xa que nas últimas estrofas repítese a expresión "adorada Galicia" do comezo e o poeta volve dirixirse a Galicia como o seu interlocutor (De ti lonxe...A ti voa...).
No nivel léxico semántico destaca o uso dos seguintes campos semánticos: paisaxe, tradicións, sono e soño (sono= decadencia de Galicia, actitude pasiva; soño: imaxe idealizada); felicidade e tristeza, e verbos de sentido: ver, oír, sentir..., que teñen que ver cos núcleos relevantes de contido do texto.
No nivel morfolóxico destaca a abundancia de substantivos e adxectivos, relacionada coa descrición da paisaxe e características  de Galicia. Ás veces hai enumeracións asindéticas e outras veces rematan coa conxunción ao final. É frecuente o uso do hipérbato e tamén os encabalgamentos. Mostran que ao poeta lle custa conter as súas emocións, que ás veces amosa de maneira desbordante.
No nivel fónico, o poema está formado por 10 estrofas de versos na maioría decasílabos, agrupados de oito en oito (oitava), con rima consonante coa seguinte distribución:ABBCDDDC, EFFGEAAG, ...As estrofas presentan rimas diferentes e hai algún verso solto (ex. o rematado en garridas, vs. 34).
Conclusión: o poeta logra transmitirnos as emocións encontradas que esperta nel Galicia mediante unha linguaxe rica en léxico e tamén en recursos literarios, pero ao tempo fácil de entender, xa que usa un léxico concreto que representa a realidade do que é a Galicia que todos coñecemos: mar, veigas, bosques, auga, aires, festas populares, fermosos solpores... e dá unha visión esperanzadora dela, sempre que os galegos sexamos conscientes do que somos e o que valemos e loitemos polo futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario