domingo, 23 de marzo de 2014

23 de Marzo: Día Mundial da Meteoroloxía.

Este efeméride creouse para conmemorar  o nacemento da OMM (Organización Meteorolóxica Mundial) coa sinatura do convenio por parte dos seus primeiros trinta membros. Arestora conta con 185 membros. A súa finalidade é a cooperación internacional en servizos e observacións meteorolóxicas, para promover o intercambio rápido da información meteorolóxica e para publicar estatísticas.
Preocupados polo cambio climático, pretenden axudar a previr as catástrofes naturais relacionadas coa meteoroloxía. Así mesmo, o Día Meteorolóxico Mundial quere chamar a atención acerca dos efectos da contaminación no clima, insistindo na necesidade de tomar algún tipo de medidas.


Neste día, queremos lembrar a sabedoría popular que mostra como traballar a terra de acordo co tempo. Queremos agraderlle a Teresa ternos proporcionado esta información, recollida en Muxa-Piñeiro (Lugo).

A esfenda e a demouca é en febreiro, 
bótanse as patacas en marzo raioleiro
e seméntase tamén trigo marceiro.
Bótase o millo da xente por abril,
cando o cuco saíu do cubil;
en maio longo estará sachado il.
Polos días grandes de San Xoán
cóllese a nabiña e o lume novo fan,
mércanse as fouciñas para segar o pan.
No mes da sega o sol pica moi duro;
cando se sega o pan, o trigo está maduro;
mes de moito traballo e moito apuro [...]
O de setembro é o mes de San Miguel;
para apañar as patacas non hai mes coma el;
é tempo de ver se os trobos teñen mel.
No outono hai que ir ao San Froilán;
mozos, homes, vellos e nenos, todos van
e voltan de présa para outonar o pan.
Polo San Martiño o porco non ha de berrar,
o capón no poleiro non ha de cantar;
fanse regos nos prados para regar.
O tempo de Nadal é frío ventureiro
se temos leña no unlleiro;
chegarán os reises á entrada de xaneiro.


                                  Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Bluemoose)

No hay comentarios:

Publicar un comentario