O curso pasado comezamos a investigar sobre a tradición dos maios en Galicia e realizamos por primeira vez no centro un maio, coa colaboración do Seminario de Tecnoloxía, entre os alumnos de 1º ESO e 4º ESO PDC e o profesorado de Lingua Galega. A cousa estivo animada: fíxose un maio figurativo con materiais recollidos no entorno que quedou bastante ben; recitáronse cantigas dos maios (coa participación do alumnado de 1º e 3º de ESO) e asemade realizáronse outras actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas (como lecturas de textos teatrais do autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, realizadas polo alumnado dos diferentes cursos). Para amenizar o acto, incluíronse tamén audicións de música galega, separando as distintas partes da actuación dos alumnos.
No presente curso, o alumnado de 3º de ESO buscou información sobre outras tradicións europeas ou mundiais de celebración da chegada da primavera e iso permitiunos coñecer, á parte dos maios, tradicións doutros pobos que teñen que ver cos ciclos de renovación da vida e dos froitos que se dan en diferentes lugares e que contan con orixes moi antigas.
Os estudosos falan de que estas tradicións, con diferentes festas e ritos, se remontan á Prehistoria e tamén teñen relación co mundo grecorromano (culto a Ceres, Demeter, maia...).
Clodio González Pérez divide estas celebracións en agrarias e lúdicas ou festivas.
Entre as primeiras están algunhas como a de alumear o pan (que tiña por finalidade propiciar unha boa colleita), ou as enramadas (nas Rías Baixas hai a tradición de colocar ramos de xesta nas portas das casas o 1º de maio para afastar os malos espíritos; nos Ancares póñenllas ás vacas nos cornos e noutros lugares engalanan os barcos para propiciar un bo traballo).
Entre as segundas están os arcos de flores, os ramos de flores ou a árbore do maio (os mozos rouban unha árbore e colócana nunha praza, adórnana con flores e danzan arredor dela; a tradición ten relación coas cucañas que se fan en Castela; os mozos agatuñan pola árbore para obter a recompensa) e tamén os maios.
En canto aos tipos de maios, tradicionalmente falábase de dous: os humanos (un grupo de mozos cubertos de plantas e flores case por completo percorren as rúas cantando os maios; está vivo por ex. en Vilafranca do Bierzo) e os figurativos. Recentemente engadiuse outro tipo: os maios artísticos (reproducen escenas relacionadas coa vida cotiá do noso pobo con detalle e grande elaboración).
O noso será un maio figurativo, de forma cónica, feito cunha armazón de madeira e canas e rematado nunha cruz.
Finalmente, este ano empregamos no maio materiais como bugallos (Mari, a traballadora do bar e nai dun alumno, de San Clodio, díxonos que lles chamaban cantarolas, polo ruído que facían ao tiralas ao chan xogando, a modo de canicas; Xulia, alumna de 2º ESO recolleu algúns e tróuxoos), pampillos (as flores amarelas que se ven na 1ª foto), margaridas silvestres, fiúncho (=fiollo), fabacas, xestas, queiroas e piornos, rosas e calas. Na súa elaboración participou alumnado de 2º ESO e de 3º de PDC.
Finalmente, este ano empregamos no maio materiais como bugallos (Mari, a traballadora do bar e nai dun alumno, de San Clodio, díxonos que lles chamaban cantarolas, polo ruído que facían ao tiralas ao chan xogando, a modo de canicas; Xulia, alumna de 2º ESO recolleu algúns e tróuxoos), pampillos (as flores amarelas que se ven na 1ª foto), margaridas silvestres, fiúncho (=fiollo), fabacas, xestas, queiroas e piornos, rosas e calas. Na súa elaboración participou alumnado de 2º ESO e de 3º de PDC.
Recitamos poemas como O maio de Manuel Curros Enríquez e algún outro máis.
Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Flickr upload bot)
Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Flickr upload bot)
No hay comentarios:
Publicar un comentario