O día 19 de xuño foi a derradeira viaxe deste curso do alumnado de Quiroga. Creo que os participantes volveron satisfeitos en xeral e tamén con ganas de descansar.
Despois de darmos algunha volta de máis no bus, rematamos chegando ao lugar previsto: o museo Massó cara ás 12 do mediodía. Alí explicáronnos como nacera a antiga fábrica de conservas no século XIX (primeiro nun vídeo e logo coa explicación dunha guía) e como fora desenvolvéndose e aumentando as súas instalacións, ata ser das máis importantes de Europa. Faláronnos de que a fábrica fora pioneira en moitos aspectos (por ex. nos dereitos dos traballadores ou no traballo en cadea) e tivera unha extraordinaria importancia para a poboación local (por ex. tiña un economato e tamén gardería). Máis tarde veu a súa decadencia e o peche. Cedeu terreos para a edificación dunha praza pública e fíxose o museo, aproveitando a curiosidade dun membro da familia, que gardaba interesantes obxectos relacionados co mundo da navegación marítima.
Exterior do Museo Massó en Bueu. Imaxe extraída de Museos de Galicia.
Na exposición víanse máquinas usadas para cocer ou esterilizar as conservas, fotos antigas que amosaban ringleiras de mulleres facéndoas, ou homes facendo as latas. Unha sala estaba dedicada á caza da balea, que en tempos tivo unha importancia extraordinaria. Nela víanse arpóns e ferramentas para despezar as baleas (algúns parecidos a fouces e outros como enormes coitelas cun longo mango), botas con tacos por baixo para non esvarar cando se traballaba ou obxectos feitos con partes da baleas, como as "ballenas" dos paraugas ou as partes duras empregadas para fabricar corsés. Tamén había ósos da columna (unha especie de "soá").
Unha das salas interiores do Museo Massó. Imaxe extraída de Museos de Galicia.
Tamén puidemos ver, nun alpendre anexo, unha lancha xeiteira, feita por carpinteiros de ribeira. Parece ser que é unha peza de grande valor por quedar só dúas mostras na Península; a outra está en Barcelona. Este tipo de embarcación desapareceu pola dificultade de acoplarlle un motor, pois a forma da proa e da popa é semellante. Con ela pescábase mediante a técnica chamada o xeito. Tamén conservan no mesmo cobertizo un bote polbeiro, de tamaño bastante máis reducido. Ao saírmos do museo visitamos a praza feita en antigos terreos de Massó e o peirao, onde tamén hai unha mostra de embarcacións tradicionais como a dorna. Nos fondos puidemos albiscar unha que outra estrela de mar así como pequenas crías de peixes.
Dorna portando nasas. Imaxe extraída de Wikipedia. CC - BY - SA (Elisardojm)
Logo, agardamos polo autobús para irmos comer á praia da Mourisca. O sol quentaba ben e algúns impacientábanse e foron estrearse pisando a area da praia.
Praia da Mourisca (Bueu). Imaxe extraída de turgalicia.
Finalmente, veu o autobús e comemos no "chiringuito" da praia. Tamén puidemos darnos un baño e abastecernos de bebidas para a camiñata da tarde por cabo Udra. Estivemos moi ben acompañados en todo momento por varios monitores que nos foron explicando a riqueza natural e paisaxística deste lugar pertencente ao Parque Natural Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. O sol pegaba forte en todo momento e había poucas sombras onde gorecerse. Camiñamos por sendeiros entre silvas, fentos, toxos cubertos de barbas de raposo (planta parasita que non fai a fotosíntese porque outra a fai por ela) ou cabrinfollos e tremedeiras, ás veces esvarando nas areas polas costas abaixo. Por iso agradecemos chegar á Aula da natureza para tomarmos un respiro.
Aula da Natureza en cabo Udra. Imaxe extraída da páxina do Concello de Bueu.
Vista desde cabo Udra. Imaxe extraída da páxina do Concello de Bueu.
No percorrido por esta fermosa paisaxe descubrimos que este espazo era usado antigamente para o pastoreo de cabras e ovellas ou para recoller batume (estrume) para as cortes. Desde nenos as xentes viñan co gando a este monte comunal; traían o gando dos veciños e facían quendas para coidalo. Para resgardarse do mal tempo, construían no monte "chozos"(na aula da natureza aparecían como chouzos), aproveitando as enormes pedras graníticas que hai nel. Ás veces mesmo durmían no monte por non pasar o traballo de andar moita distancia co gando (para evitar o desgaste que suporía para el o desprazamento). Tamén empregaban herbas do propio monte para curalo. Por ex. o trobisco, contra a diarrea (parece ser que llo ataban á res ao rabo e iso cortáballa).
O regreso ao autobús foi menos accidentado, por unha pista que permite o paso de vehículos desde a aula da natureza ata o Esqueiro, con máis sombra, aínda que botamos de menos os bosques do interior. Aquí case todo era eucalipto, e só de vez en cando atopabamos algún carballo ou castiñeiro.
Polas beiras había pampillos e falamos das alfombras do corpus, que tamén son tradición en Bueu.
Volvemos outro pouco á praia para refrescarnos da calor e irmos en mellores condicións para a viaxe de volta.
Á parte das interesantes explicacións recibidas e a atención dos guías durante a viaxe, puidemos ver a privilexiada flora das Rías Baixas con plantas como as buganvillias, a pasionaria (ou flor dos cravos da paixón de Cristo) que medraba mesmo entre silveiras ou a flor chamada ave do paraíso, nalgún xardín particular.
Pasionaria. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY (Thehero)
Ave do paraíso. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Poco a poco)
Buganvilla. IMaxe extraída da Wikipedia: CC - BY (BotMultichillT)
Cabrifollo. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Quibik)
Barbas de raposo. Imaxe extraída da WikiPedia: CC - BY - SA (Retama)
Do bou non nos falaron, pero ao lembrárllelo si coñecían o trabalinguas, que algúns rapaces aprenderon:
se non vou nun bou, non vou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario