miércoles, 30 de septiembre de 2015

Receitas saudábeis

Mirando en Internet hoxe atopei unhas receitas interesantes deste tempo de outono. Vou propoñervos algunhas, a ver se espertan as vosas ganas de experimentar na cociña. Así poderedes tirar partido dos froitos e da fartura das hortas nesta época do ano.

A/ A primeira é un prato de culler: Potaxe de polo con garavanzos ao pemento.

Precisaredes os seguintes ingredientes:

4 contramuslos de polo sen óso
200 g de garavanzos cocidos
1/2 pemento vermello
1/2 pemento verde
1 ceboliña
1 dente de allo
un pouco pemento doce e tamén algún picante
un pouco comiño moído (ao gusto)
4 culleradas de tomate pelado e picado
1 vaso de caldo ou auga, sal 
3 ou 4 follas de acelga ou unhas poucas espinacas
1/2 vaso de nata
un pouco de pementa negra moída
un pouco aceite de oliva virxe

A preparación é como segue:

Retirades a graxa e a pel ao polo e picádelo en anacos pequenos. A seguir limpades a cebola e picádela; limpades os pementos e cortádelos e tamén o dente de allo.
Logo poñedes nunha cazola un pouco aceite de oliva virxe a quentar. Salpimentades o polo e refogádelo nel durante uns cinco minutos e retirádelo. No mesmo aceite, pasades un pouco a cebola, e uns minutos despois engadídeslle o allo picado e despois os pementos e pochades todo a lume lento durante uns 10 minutos. Engadides o tomate e logo o pemento doce e o picante e remexedes. Pasades un pouco isto e engadides o polo, botades os garavanzos cocidos e cubrides todo con auga ou caldo e salgades. Levades a ebulición e logo baixádeslle o lume e deixádelo facer a lume lento durante uns 20 minutos. Incorporades entón as follas de acelga ou as espinacas cortadas a man e deixades cocer 10 minutos máis. Finalmente engadides a nata, removedes e deixades repousar 5 minutos antes de servir.

É un prato suculento e moi completo, apropiado para os primeiros fríos que van ir chegando, ademais de doado de facer. Se o facedes cocendo vós os garavanzos, cocédeos sós primeiro (deixándoos enteiros) e logo mesturádeos co resto dos ingredientes, como indica a receita.


Foto extraída de directoalpaladar.com

B/ Se o que vos apetece é unha sobremesa de outono, propóñovos facer mazás en masa follada.

Os ingredientes para catro persoas son:

 un anaco de masa follada (un paquete dos que venden no super), 4 mazás (mellor reinetas), 200 g de crema pasteleira, 80 g de azucre, 40 g de manteiga
Para a crema pasteleira: 250 ml de leite, 1 xema de ovo, 1 pel de limón, 1/2 vaíña de vainilla, 60 g de azucre, 20 g de maicena

A preparación é como segue:

Poñemos o leite a ferver nun cazo coa vainilla e o limón. Á parte mesturamos a xema, a maicena e o azucre.
Cando o leite estea quente, engadimos pouco a pouco a mestura e remexemos sen parar ata que espese. Logo deixámola enfriar recuberta de papel film.
Estiramos a masa follada e cortamos en catro partes. No medio de cada unha poñemos dúas culleradas de crema pasteleira e enriba a mazá, pelada e sen carozo. Engadimos o azucre e a manteiga e pechamos a masa enriba da mazá e poñémoslle un sombreiro (un anaco de masa circular enriba). Pintamos con ovo e metemos ao forno a 190º durante uns 30 minutos, ata que estean douradas. Servir algo quente.

A pinta é inmellorable! Animádevos e facédea. Sen dúbida vaivos gustar!

Foto extraída de directoalpaladar.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario