domingo, 4 de octubre de 2015

Poesía sobre paxaros

No pasado curso 2014-2015 traballamos en 1º de ESO a creatividade literaria na actividade chamada "Maio de Letras". Despois da falarmos das características da linguaxe poética, para celebrarmos o Día das Letras Galegas, propuxémoslle ao alumnado que fixese poemas breves dedicados a  paxaros.

Fixemos un mural que expuxemos no corredor do instituto. Vou colgar algúns dos resultados.

O pardal

Roubas trigo no poleiro
e millo na miña leira.
Pardal, ladrón do grao
que comprei o luns na feira.

Tes o niño nun furado
baixo da miña escaleira
con catro parrulos pelados,
que plumas nin a primeira.

Vas da parede ao tellado
e do tellado á figueira,
da figueira ao chan
e do chan á cerdeira.

Traballa, pardal, traballa,
coma a túa compañeira.
Saca eses polos adiante
para que túa dona te queira.

 David

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY -SA (Fedaro)


Cegoña da alta árbore,
branca e negra es.

Grandes ás para longas viaxes
ata chegar a esta verde paisaxe.

Niño fas en xaneiro 
e en agosto te vas.
Ti tes un gran peteiro
para aos cegoñinos fartar.

Cegoña da alta árbore,
branca e negra es.

Saúl

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY -SA (Kadellar)

O CORVO

Meu paxariño,
meu corviño,
que traes vestidiño
moi negriño. 

 Imaxe extraída da Wikipedia. CC - BY - SA (Drow)

Rubén López

O PAPAGAIO
forte e delgado
voa pola pradeira.
O papagaio,
forte e delgado.

Ariadna

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY (Flickr upload)


A CEGOÑA

No alto, vixiante,
está a cegoña pensante.
Vén desde lonxe
a terra de camiñantes.
 A cegoña, no alto,
failles compaña no campo.
Ten o seu niño 
a carón do río.

No espello da auga
vese a cegoña branca.

Carlos

Tamén colgo un meu sobre o paporrubio, en lembranza do que nos fai compaña cando imos á casa da aldea, voando a carón da cociña e pousándose nas árbores á nosa vista.

De póla en póla
vai pola eira.
Voa e revoa
sobre a pradeira.

De pronto pousa
nunha cancela
ou busca inquedo
a compañeira.

Fixo o seu niño
nunha maceira.
Cría os poliños;
fai a súa xeira.

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (PierreSelim)


No hay comentarios:

Publicar un comentario