viernes, 4 de mayo de 2018

Comentarios literarios sobre Rosalía de Castro

Para comentar calquera texto, cómpre primeiro facermos unha lectura (ou varias, se fose preciso) atenta do mesmo. Tamén teremos que aclarar as dúbidas respecto ao léxico. Sabermos datos sobre o autor/-a e o contexto en que viviu e escribiu tamén pode ser de axuda.

Nun comentario completo haberá que comezar pola introdución, situando o texto na época ou movemento literario e no contexto histórico, indicando a data de publicación, a obra, o autor, o xénero literario. A continuación a voz, ou perspectiva desde a que nos fala. Logo virá a temática e o tema, o argumento e a estrutura. A seguir, a linguaxe nos diferentes planos de análise (nivel léxico. semántico, nivel morfosintáctico e nivel fónico. Incluiremos os recursos literarios de cada nivel e explicaremos o seu valor expresivo. Finalmente, tiraremos unha conclusión breve que derive da análise previa realizada.

Vou facer o comentario de "Un repoludo gaiteiro" de Rosalía de Castro. O poema podedes velo aquí.

Trátase dun poema incluído na primeiro libro en galego publicado por Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, publicado o 17 de maio de 1863. Con esta obra, que fixo que Rosalía fose recoñecida como poeta popular, comeza o Rexurdimento, un movemento literario que se produce na segunda metade do século XIX, grazas ao movemento galeguista. Os protagonistas do Rexurdimento pertencen á segunda xeración galeguista; son herdeiros do provincialismo e están vinculados ao rexionalismo. Tamén inflúe no rexurdimento o romanticismo, que fixo espertar o interese polas culturas de cada pobo e o liberalismo, que permitiu máis liberdade de expresión, o que favoreceu o cultivo do galego, tanto na literatura como na prensa.
O xénero literario é poesía lírica, xa que predomina a expresión de sentimentos.
O poema preséntanos unha voz en 3ª persoa que fala dun personaxe tipo: o gaiteiro. A temática é polo tanto costumista. O tema é a descrición do gaiteiro e as súas artes.
O argumento empeza coa descrición física e de carácter do gaiteiro, continúa dando detalles do que este soía facer cando acudía ás festas e remata cunha especie de conclusión que fala do mal que acaban as mozas que se deixan enganar polos seus engados.
A estrutura é a seguinte:
nas estrofas I e II fai un retrato do gaiteiro (físico + carácter).
nas estrofas III,IV e V fala da maneira de actuar do gaiteiro (engana as rapazas e namóraas).
na estrofa VI as rapazas acaban mal; el non se responsabiliza de nada.
 Polo que se refire á linguaxe, o poema comeza co emprego de abundantes adxectivos, para caracterizar o personaxe. O gaiteiro aparece ante a xente ben vestido (con pano de seda= sedán), repoludo (o ideal de beleza na época non sería o de hoxe; está mantidiño, non delgado), adornado con calidades como a de ser cumprido coma un príncipe (hai comparación e hipérbato); é dicir, con modais refinados, xentileza, amabilidade. Ademais adórnao coas calidades de cariñoso e falangueiro.
Tamén lle atribúe calidades que o fan único ("entre os mozos o primeiro e nas cidades sen par"). Érguese cedo para levar a súa música á xente e acostuma a proclamar as súas intencións de enganar as mozas coa súa "gaita", no retrouso que aparece ao final das estrofas. Nel xógase co dobre sentido da palabra gaita (isto xa aparece tamén noutras cantiga populares). É dicir, que domina varias artes, unhas mellores ca outras.
Entraba na vila con aires de señor "con aquel de señorío"), tocando a gaita e acompasándose co tambor. É dicir, camiñaba seguro de si mesmo, despregando a súa arte para ser admirado. E facendo das súas.
As mozas deixábanse engaiolar por el sen reparar no perigo nin tomar precaucións. Emprega recursos de repetición como o paralelismo (nivel morfosintáctico: todas por el reloucaban/todas por el se morrían) e antítese (se o tiñan lonxe choraban/se o tiñan cerca sorrían, nivel léxico semántico).
As mozas declarábanlle o seu amor e el respondíalles coa gaita.
Na estrofa seguinte emprega unha serie de metáforas (pombas=rapazas;símbolo: espiñas= dor, sufrimento) para subliñar as consecuencias par as mozas do namoramento do gaiteiro; é unha ameaza para elas, pois fere a súa dignidade. A luz á un símbolo; algo que se percibe polos sentidos, pero que se refire a algo abstracto. Déixanse deslumbrar polas apariencias, pero a realidade á terrible e imponse: o engano, a traición, a total falta de ética.
No retrouso da última estrofa queda claro iso: o gaiteiro non admite ningunha responsabilidade no ocorrido A culpa é delas; que non fosen"toliñas!".
Outros recursos de repetición: anáfora sempre, estrofa II; reduplicación cegas, cegas... que non vían (e pleonasmo; cegas xa significa que non vían). Todas, todas, reduplicación.
Na estrofa I aliteración, repetición de sons oclusivos: "como un príncipe cumprido".
O léxico céntrase en campos semánticos como a música: tocar, soprar, acompasaba, tambor, cantar; sentimentos: reloucaban, se morrían, sorrían, choraban; a natureza: debaixo dunha figueira; as reunións populares: festas, fiadas...
No nivel fónico, hai aliteracións ("co tambor se acompasaba", oclusivas, en relación co repiqueteo do tambor).
O poema divídese en seis estrofas de 10 versos octosílabos con rima asonante, coa seguinte distribución abbaaccddc,effeeccddc... Os dous últimos versos son un retrouso que se repite en todas as estrofas, pero que se modifica na última. Aquí queda ao descuberto a desvergonza do gaiteiro.
A conclusión á que chegamos despois de analizar o poema é a tremenda actualidade de Rosalía, que mesmo nun poema que fala de tradicións ou costumes, aproveita para deslizar unha mensaxe clara para as mulleres sobre os "malos amores".Algo do que se fala agora a propósito da igualdade.
A cousa non pode acabar ben para a muller mentres se manteña a desigualdade nas relacións amorosas e só se esixan valores morais e sensatez á metade da humanidade; o resto a vivir, que así é moi fácil!
O poema é unha advertencia a non deixarse enganar polas apariencias dos marabillosos e fermosos galáns!


No hay comentarios:

Publicar un comentario