viernes, 28 de febrero de 2014

Entroido no IES de Quiroga.

A orixe deste termo é o latín INTROITUM ("entrada"). Tamén recibe o nome de Carnaval, do latín CARNE VALE ("adeus a carne"). O mesmo sentido teñen as Carnestolendas.
Trátase, xa que logo, dunha festa popular de benvida á primavera e despedida do inverno e é unha época de carne en varios sentidos..., antes do período de abstinencia da Coresma, que comeza no día do mércores de cinza.
As orixes desta celebración que se estende por toda Europa son ancestrais e trátase dunha celebración de orixes pagás que logo incorporou elementos cristiáns.
O entroido caracterízase por ser unha festa popular onde todos participan, onde se rompen barreiras entre clases sociais, o mundo ponse ao revés, pódese cambiar de identidade, de sexo, desaparecen os prexuíxos e distincións... é tempo de excesos e de xolda. Pódese comer e beber ao límite, rirse do máis sagrado ou facer cousas que non se farían habitualmente, ás veces amparándose no anonimato que proporcionan as máscaras.
As celebracións comezaban co domingo fareleiro. Mozos e mozas corrían o entroido perseguíndose e manchándose con borralla (cinsa), farelos (casca do gran que se separa da fariña) ou fariña. Tamén se chama domingo borrallento ou das trapalladas.
Seguía os xoves de compadres: as mozas fan bonecos que representan homes e tratan de queimalos, mentres os mozos tentan roubárllelos.
Domingo corredoiro ou olleiro: lánzanse formigas e fariña (Laza) ou olas (Xinzo). O xogo consiste en pasar olas duns a outros. O que a deixe caer ten que pagar unha rolda de viño para todos.
Xoves de comadres: os homes fan bonecos que representan mulleres. Elas tentan roubalos.
Domingo de entroido: festa coa a familia e entroido (abunda a carne de porco: cachola, lacón, dente, soá, chourizos, grelos... e de sobremesa filloas, orellas e outros doces).
Martes de entroido: comida coa familia, celebración dos "testamentos" (coplas nas que se recollían os acontecementos destacados do ano) e enterro ou queima do entroido. Isto significa que rematou o carnaval.
Mércores de cinza: en moitas vilas celébrase o enterro da sardiña.
Os disfraces de carnaval foron dende sempre moi variados no mundo rural. Estes caracterizábanse por ser feitos con medios modestos, utilizando elementos que atopaban no propio entorno, pero moi creativos. Era frecuente que os homes se vestisen de mulleres e ó revés, que fosen vestidos de curas ou de monxas, ou simplemente poñían a roupa do revés para simbolizar a inversión do carnaval. Usaban roupas vellas, palla ou pólas de árbores, sombreiros de palla, cornos e peles de animais... A cara pintábana con sarrio ou, simplemente cubríana cunhas medias de muller.
Xunto a estas máscaras sinxelas perviven aínda hoxe disfraces máis ricos e vistosos. Os máis coñecidos son: os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo de Limia, os xenerais do Ulla, os boteiros e foliós de Viana do Bolo, as pitas de Eiroás en Ourense, os merdeiros en Vigo, o oso de Salceda en Póboa do Brollón, os volantes de chantada, os vergalleiros de Sarreaus.
O entroido invítanos a gozar do espertar da vida despois do inverno (a hibernación do oso) celebrándoo coa familia e os colegas en fraternidade e boa compañía.
En Quiroga, como noutras zonas do sur de Lugo, recuperouse a tradición de facer os compadres e as comadres.


No hay comentarios:

Publicar un comentario