A nosa compañeira Conchi, a nova
secretaria, agasallounos cun interesante material sobre o tempo, grazas á
súa sogra, Erundina López Rivera (Castroportela de Courel) quen, con 93
anos, mantén as lembranzas e a memoria do pasado. O noso agradecemento
ás dúas pola súa colaboración para podermos transmitilo.
Entre o léxico sobre os fenómenos atmosféricos chamáronnos especialmente a atención as troneiras (nubes que presaxian o trono), inverneira (para o que outros chamamos invernía, o tempo típico do inverno con friaxe e choiva) ou traspoñerse o sol (para poñerse o sol). En Sarria recollín tamén unha fermosa expresión para o mesmo feito: meterse o sol no buraco.
Tamén son moi interesantes os ditos e refráns de Erundina sobre o tempo:
a) "Se vai a nube por Rendar,
colle o mallo e vai mallar."
"Se vén nubrado por Quiroga,
vulve pola capa nova."
"Se vai o nubrado polo Cebreiro,
colle a capa e o sombreiro".
b) "Por Santos, neve nos campos".
c) "Por San Vicente, hora crecente".
d) "Polo San Brais, dúas horas máis".
e) "Corre maio polo pan,
que te pilla San Xoán;
detrás vén Santa Mariña
para segar a gaveliña."
f) "En abril está a loba no cubil.
En maio son coma un gaio.
En San Xoán, bótanlle a carreira ó can.
En Santa Mariña,matan a cabritiña.
En agosto, sáltanlle ó boi no rostro".
Velaí algunhas fotos do Courel que nos cedeu Conchi e que permiten facerse unha idea da beleza das súas paisaxes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario