jueves, 26 de junio de 2014

Mitos de Romanía e Moldavia sobre a chegada da primavera: martisor

1.O mozo que liberou o Sol

Un dos mitos sobre a tradición narra que o Sol baixou á Terra camuflado na imaxe dunha fermosa doncela. Un zmeu secuestrouna e meteuna na cadea nun palacio. Daquela, os paxaros detiveron o seu canto, os nenos perderon a ledicia e as ganas de xogar e todo o mundo ficou sumido na desesperación.
Ao saber o que pasaba, un mozo afouto decidiu dirixirse ao palacio para liberar a doncela. Cando deu localizado a prisioneira, desafiou ao zmeu a unha loita, conseguindo liberala, e o Sol elevouse iluminando de novo toda a Terra; chegou a primavera e volveu a dita ao mundo. Pero o valoroso mozo, ferido de morte na batalla, agonizaba e o seu sangue esparexíase pola terra entrando en contacto coa neve, e alá onde o sangue e a neve se fundían nacían unhas flores con forma de campaíña que anunciaban a primavera.
Os campesiños honraron a memoria do mozo ligando nun mesmo fío dúas flores, unha branca e outra vermella. Esta simbolizaba o amor pola beleza e lembraba o sacrificio do heroe, e a branca a primeira flor da primavera.

O Mărțișor é un obxecto de diversas formas, mesmo unha xoia, no que se engarzan as dúas cores. É moi popular e mesmo se vende nas rúas como recordo típico.

2.A loita da primavera co inverno

Outro mito, con orixe en Moldavia, di que o primeiro día do mes de marzo a fermosa Primavera chega á beira dun bosque e observa como, nun claro, hai un arbusto cheo de espiñas e baixo a neve nacen unhas flores con forma de campaíña. A Primavera decide axudar a que medren e, para iso, tenta arredar a neve e as espiñas, mais o Inverno, enfurecido, convoca o vento e a lazada (xeada), ordenándolles destruílas. Entón, as flores quedan totalmente conxeladas.
A Primavera tenta protexelas coas mans, feríndose cunha espiña. Da ferida abrolla unha pinga de sangue que, ao caer sobre as flores, devólvelles a vida, e así a Primavera vence o Inverno. Por iso as cores do martisor son o vermello do sangue e o branco da neve.

A tradición pervive en Romanía e Moldavia na maioría das aldeas e vilas. En marzo e a principios de abril pendúranse os martisori nas árbores e crese, que pedindo nese momento un desexo, este ha de cumprirse. Nas zonas rurais de Transilvania pendúrase das portas das casas, das fiestras ou dos cornos dos animais domésticos para escorrentar os malos espíritos.


Póñovos algunhas imaxes do mărțișor para que vos fagades unha idea de como é.


Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Turbojet)

Imaxe extraída de Flickr: CC - BY - NC (olahus)


No hay comentarios:

Publicar un comentario