A actividade consistía en buscar información sobre tradicións de celebración da chegada da primavera en distintos lugares do mundo. Eu atopei unha sobre Romanía: o martisor (e comprobei que Claudia, a nosa alumna romanesa, a coñecía). Entre as dos alumnos escollín dúas:
1. A chegada da primavera en Suíza
En Suíza, a primavera comeza, como no resto de hemisferio norte, o 21 de marzo e remata o 21 de xuño, cando chega o verán.
Durante esta estación os días van alongándose, o sol sae cada día un pouco antes, e ponse un pouco despois, sendo a noite máis curta e o día máis longo.
A primavera identifícase coa vida, co sol, co aire, coa cor e flores multicolores.
En Zurich, Suíza, a primavera comeza oficialmente co tradicional festival de "Secheseläuten", que se celebra normalmente o terceiro domingo e luns do mes de abril. Esta palabra significa "badaladas ás seis" e con elas os artesáns sinalaban a fin da xornada laboral.
A festa comeza o domingo co desfile polas rúas duns dous mil nenos vestidos con traxes tradicionais e históricos de Suíza, e o luns desfilan as asociacións de gremios e, ao remate, queiman un boneco de trapo en forma de boneco de neve chamado "Böögg", e que leva a cabeza chea de petardos. A queima faise ás seis da tarde, cando repican as campás da catedral. Isto significa a fin do inverno.
Crese que canto antes estale a cabeza do boneco, máis longo e caloroso será o verán.
Imaxe extraída de Flickr: CC - BY - NC - ND (tö)
David González Armesto, 3º ESO
2. Festival de primavera en Xapón
Tódolos anos, coa chegada da primavera, ocorre un dos eventos máis agardados no Xapón: a floración das cerdeiras.
As cerdeiras, "sakura" en xaponés, pasan a maior parte do ano como unha árbore simple con follas verdes. No inverno pérdenas, mais coa chegada da primavera cóbrense de fermosas flores. Nelas ven os xaponeses a esperanza, a renovación, a alegría, da que se contaxian as persoas.
Aproveitando o pouco tempo que dura este agasallo, os xaponeses celebran o seu festival de "hanami" (hana significa "flor" e -mi "ver") e reúnense coas familias a amizades para comer á sombra das cerdeiras e, compartindo a comida que todos aportan, celebran a vida. De feito as cerdeiras representan na sociedade xaponesa o efémero da vida humana, xa que as súas flores duran unha ou dúas semanas.
A antigüidade do hanami reflectiuse na arte xaponesa, e xa aparece mencionado en "Kojiki" (712), unha das primeiras obras de literatura. Na poesía da era "Heian" (794-1185), aparecen as cerdeiras como un símbolo da delicadeza da natureza e do ser humano.
Imaxe extraída da Wikipedia: dominio público.
Sabela Durán Cano, 3º ESO
No hay comentarios:
Publicar un comentario