viernes, 28 de febrero de 2014

Entroido no IES de Quiroga.

A orixe deste termo é o latín INTROITUM ("entrada"). Tamén recibe o nome de Carnaval, do latín CARNE VALE ("adeus a carne"). O mesmo sentido teñen as Carnestolendas.
Trátase, xa que logo, dunha festa popular de benvida á primavera e despedida do inverno e é unha época de carne en varios sentidos..., antes do período de abstinencia da Coresma, que comeza no día do mércores de cinza.
As orixes desta celebración que se estende por toda Europa son ancestrais e trátase dunha celebración de orixes pagás que logo incorporou elementos cristiáns.
O entroido caracterízase por ser unha festa popular onde todos participan, onde se rompen barreiras entre clases sociais, o mundo ponse ao revés, pódese cambiar de identidade, de sexo, desaparecen os prexuíxos e distincións... é tempo de excesos e de xolda. Pódese comer e beber ao límite, rirse do máis sagrado ou facer cousas que non se farían habitualmente, ás veces amparándose no anonimato que proporcionan as máscaras.
As celebracións comezaban co domingo fareleiro. Mozos e mozas corrían o entroido perseguíndose e manchándose con borralla (cinsa), farelos (casca do gran que se separa da fariña) ou fariña. Tamén se chama domingo borrallento ou das trapalladas.
Seguía os xoves de compadres: as mozas fan bonecos que representan homes e tratan de queimalos, mentres os mozos tentan roubárllelos.
Domingo corredoiro ou olleiro: lánzanse formigas e fariña (Laza) ou olas (Xinzo). O xogo consiste en pasar olas duns a outros. O que a deixe caer ten que pagar unha rolda de viño para todos.
Xoves de comadres: os homes fan bonecos que representan mulleres. Elas tentan roubalos.
Domingo de entroido: festa coa a familia e entroido (abunda a carne de porco: cachola, lacón, dente, soá, chourizos, grelos... e de sobremesa filloas, orellas e outros doces).
Martes de entroido: comida coa familia, celebración dos "testamentos" (coplas nas que se recollían os acontecementos destacados do ano) e enterro ou queima do entroido. Isto significa que rematou o carnaval.
Mércores de cinza: en moitas vilas celébrase o enterro da sardiña.
Os disfraces de carnaval foron dende sempre moi variados no mundo rural. Estes caracterizábanse por ser feitos con medios modestos, utilizando elementos que atopaban no propio entorno, pero moi creativos. Era frecuente que os homes se vestisen de mulleres e ó revés, que fosen vestidos de curas ou de monxas, ou simplemente poñían a roupa do revés para simbolizar a inversión do carnaval. Usaban roupas vellas, palla ou pólas de árbores, sombreiros de palla, cornos e peles de animais... A cara pintábana con sarrio ou, simplemente cubríana cunhas medias de muller.
Xunto a estas máscaras sinxelas perviven aínda hoxe disfraces máis ricos e vistosos. Os máis coñecidos son: os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo de Limia, os xenerais do Ulla, os boteiros e foliós de Viana do Bolo, as pitas de Eiroás en Ourense, os merdeiros en Vigo, o oso de Salceda en Póboa do Brollón, os volantes de chantada, os vergalleiros de Sarreaus.
O entroido invítanos a gozar do espertar da vida despois do inverno (a hibernación do oso) celebrándoo coa familia e os colegas en fraternidade e boa compañía.
En Quiroga, como noutras zonas do sur de Lugo, recuperouse a tradición de facer os compadres e as comadres.


jueves, 27 de febrero de 2014

27 de Febreiro en Quiroga.

Os quirogueses mostran a súa creatividade enchendo a rúa principal de compadres e de comadres, ante o asombro dos viandantes que veñen á feira.






viernes, 14 de febrero de 2014

Poemas de amor

Aquí vos quedan un par de poemas de amor  para celebrar este día:

Regreso ao teu corpo
no que me afundo
para esquecelo todo.

Afondo en ti,
xa me levas
no claro día dos teus ollos.

Mergúllome no mel
da túa herba e dos teus
labios.

Sinto un río
de bolboretas lenes
enchendo as miñas veas
mar arriba a desbordarme.

Xulio L. Valcárcel


antollouseme un  tostador de pan
quero un obxeto que nos recorde
que vaia amarelando con nós
como a natacha e collo rebandas do pan de onte
que me dixo miña avoa que se fai así
e téñoche as tostas listas para cando te ergas

¿e se te vas
ou mercas un coche?
e se te vas ou mercas un coche
eu sigo facendo as tostas todas as mañáns
e énchoas de bicos e de natacha
e pégoas nos retrovisores 
fíxenllo unha vez ao cura por berrarme
porque eu era así de baixiña e non chegaba á auga bendita
e pagounas ca nai de meu pai e meu pai ofreceulle unhas ostias ó cura
e botáronnos da igrexa de toda
se te vas ou mercas un coche
mellor leva contigo o tostador do pan.

María Lado


Se vos gustaron estes poemas, tedes máis no taboleiro de Dinamización Lingüística no corredor do primeiro andar. E non esquezades recitarllos a alguén!

domingo, 9 de febrero de 2014

24 de Febreiro, Día de Rosalía de Castro.

A AELG propón a celebración do Día de Rosalía de Castro, no aniversario do seu nacemento, nos distintos centros escolares. Aquí podedes ver a presentación realizada polo CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu (Pontevedra).

No noso centro fixemos un recital de poemas no que participou o alumnado de diversos cursos e tamén un mural no corredor con fragmentos de poemas e ilustracións, con reelaboracións a partir de textos rosalianos. Ao final quedou bastante aceptable. O mellor a imaxe de Rosalía tomada dos billetes de 500 pesetas, realizada por Fabio, o profesor de latín. Velaí a tedes.


sábado, 8 de febrero de 2014

Fotos do Samaín 2013-14.











Contos e lendas do alumnado II: Bos días.

Hoxe cheguei moi cedo ao instituto. A porta da entrada estaba aberta, pero todas as luces estaban apagadas.
Decidín subir a clase a ver se chegara algún compañeiro. Polos corredores non se vía nada; tiven que utilizar a lanterna do móbil para non tropezar.
Ao chegar a clase vin que non había ninguén. Deixei a mochila e saín para fóra, pero á carón dos baños vin unha sombra cuns ollos amarelos brillantes fitándome de maneira ameazante.
Saín correndo ata chegar á porta da entrada, que estaba cerrada. Dei a volta e de novo tropecei coa sombra de terroríficos ollos amarelos. Esta dicíame:
- Iván..., Iván..., esperta que xa son as oito.

Autor do conto: Iván González García, 1º Bac, Curso 2013-14.

Contos e lendas do alumnado I: A Maruxiña.

A Maruxiña era unha nena que vivían en Bustelo de Lor, preto do castro. Un día, mentres paseaba polos arredores, unhas mouras raptárona e agochárona no castro.
Ao ver que anoitecía e a nena non voltaba á casa, a súa nai preocupose moito e decidiu ir buscala. Chamouna berrando:
- Maruxiña! Maruxiiiiiiña!
Ao pouco tempo, saíu do castro unha moura de longos cabelos louros adornada cunha chea de impresionantes xoias de ouro e díxolle:
- Non hai Maruxiña nin Maruxón, que está picada no meu barreñón!
Entón a nai botouse a chorar, desesperada, e a moura díxolle que se quería volvela ver, tería que traerlle o ubre dunha vaca.
A muller, moi apesarada, volver correndo á casa e foi á corte e colleu a mellor vaca que tiña e quitoulle o ubre.
Ao chegar ao castro, a moura estaba agardándoa. Ela entregoullo e, como por arte de maxia, saíu a Maruxiña dunha abertura no chan do castro, toda descolorida e con cara de terror, e correu cara a súa nai.

 Imaxe extraída da Wikipedia: CC- BY- SA (Lmbuga)

Lenda recollida por: Antía Rodríguez Casanova, 4º ESO, Curso 2012-13.

martes, 4 de febrero de 2014

A LINGUA: ESE PATRIMONIO QUE NOS DEIXARON.

FIN DE SEMANA NA ALDEA (1 Febreiro 2014)
Día de invernía, propio para estar tras do lume, día con moitas caras: tan pronto chove como cae auga nevada ou xarabia (pedra); sopra o curisco ou nevarisca (caen pequenas felepas de neve). Por momentos, hai rafadas de sol e podemos contemplar o ciclo da auga (esta evapórase e ascende cara ao ceo). No lusque fusque a xeada veu conxelar a pedra que quedara no chao.
O mellor nestes días é un caldiño de fillas (de repolo) ben quentiño á carón do lume de lareira e unha pouca empanada, mirando arder os cepos. Din que en xaneiro as verzas saben a carneiro, e en febreiro tamén.


  Imaxe extraída de Flickr: CC- BY- NC-SA (Lucas Peev)

EN NEGRIÑA DESTACAMOS AS PALABRAS RECOLLIDAS EN SARRIA.