Lemos con sorpresa en Sermos Galiza a nova da morte do escritor Xavier P. Do Campo e a derradeira entrevista que lle fixeron. Este ano tivemos a oportunidade de ler o seu derradeiro libro, a novela para adultos A nena co abrigo de astracán (Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de narrativa de 2017), publicada por Xerais, que vos recomendo vivamente ler, se queredes saber máis sobre o escritor e sobre o noso pasado.
O autor é coñecido especialmente pola súa aportación á literatura infantil e xuvenil, sendo os seus libros traducidos a varios idiomas e gañando premios mesmo nacionais (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995 por Cando petan na porta pola noite).
En 2º de ESO lemos este curso A casa da luz, que lles gustou bastante aos rapaces e sobre a que hai unha película.
Podedes ver un tráiler aquí.
Nos xornais segue o eco do recordo dos escritores que compartiron vivencias e ilusións con Xavier P. Do Campo. Por ex. en Praza pública colgaron varios vídeos. En Sermos Galiza aparecen valoracións dos seus colegas escritores.
Déixovos a opinión da crítica sobre a derradeira novela e tamén vos vou poñer a miña.
Lin a novela dun tirón en tres días. Creo que é a que máis me gustou sobre esta época da posguerra das que levo lido. Os protagonistas son os nenos, o cal é un acerto do autor. Fíxome pensar na xeración de meus pais, "nenos da guerra" coma os protagonistas. Meus pais non foron nenos abandonados, pero si viviron unha época dura nun ambiente hostil. Meu pai foi orfo da guerra, ao morrer seu pai na fronte cando tiña tres anos, e pouco despois, aos doce, morría súa nai. Quedou ao coidado dos avós, pero aínda así tivo que vivir circunstancias duras que puxeron en risco a súa saúde. Pola súa banda, miña nai criouse nunha familia numerosa, sendo a maior das irmás, polo que pouco puido asistir á escola, pois tiña que coidar deles. Seu pai foi a dúas guerras: a de África e a Civil, pero tivo a fortuna de regresar.
Hoxe vinme golpeada pola sorpresa da morte do escritor lugués Isidro Novo. Iso levoume a pensar en que estamos no mundo de prestado. Hai poucos días inda recibín un correo del (18 de xaneiro) con motivo de enviarlle unha palabra para a sección que el tiña na AELG de Palabras con memoria. Xa lle mandara bastantes con anterioridade e sempre me respondía axiña agradecendo as aportacións. Iso lévame a pensar que imos vellos cando pensamos que temos que gardar a memoria do que fomos, do que dixeron nosos pais (moitas veces fago por lembrar o que eles xa non poden lembrar, tristemente!). Hai uns anos convidárao a vir ao noso centro, e o alumnado lera e fixera ilustracións dos seus contos de "Carne de can". A mellor foi a de O areal dos ollomaos, feita por Marta, alumna de 4º de ESO, que logo fixo o bacharelato de artes. Lembro os seus enérxicos recitados de poemas propios, a súa vitalidade.
A última vez que o vin foi nas Xornadas de Literatura Oral en Lugo. Saudoume e vino coma sempre. Nelas interveu, como en anos anteriores, para presentar os ponentes e tamén para falar de Palabras con memoria, satisfeito porque o número recollido xa era considerable e non deixaba de medrar.
Este curso leremos en 1º de Bac. un libro del: a novela Un escuro rumor tralo silencio.
Só quería despedirme del afectuosamente e dicirlle: Isídro, amigo, que a viaxe che sexa leve!
Isto vai decaendo! E é mágoa! Custou que o alumnado participase e aportase cabazas decoradas. Finalmente, grazas a uns poucos e á vontade dos profesores logramos argallar unha actividade atraente de animación á lectura e de festa sorpresa. Aproveitamos para contar historias do pobo de medo e tamén introducimos literatura culta. A ambientación na Biblioteca quedou moi aparente. Gustoulles; sentíronse agasallados e interesados e pasárono ben. Estes de sempre que todo o queren saber dicían: "E de quen foi a idea? "
Pola Biblioteca foi pasando o alumnado dos diferentes cursos para ler. As lecturas foron seleccionadas polo Equipo de Dinamización Lingüística do centro.
Vou colgar algunhas desas historias, as contadas e as lidas ao ou por alumnado de 1º de Bac., e tamén algunha foto ilustrando sobre o que foi a actividade.
Hai un anos (nos 90), recollín algunhas historias contadas por xente de distintos lugares de Sarria para a miña tese de licenciatura e entre eleas seleccionei as que tiñan que ver coa temática do medo para compartilas co alumnado.
Comezamos por unha de "ánimas".
A avoa Mercedes, que en paz descanse, contábame que a unha veciña de Pape (Sarria), desde que lle morreu o pai, pasou unha tempada aparecéndosellle a súa ánima no horto da casa ao pé dun chanteiro das verzas. Un día díxolle que para el deixar de andar en pena, tiña que ir á parroquia e darlle unhas misas ao cura. En canto lle dixeron as misas, deixou de aparecerse.
E a miña avoa críao ao pé da letra!
E agora vai unha de "bruxas".
O meu tío avó Lisardo, o pobre xa vai na gloria, contoume que un home do seu lugar (Perros, Sarria) viña unha noite ás tantas para a casa, pois estivera de matanza na casa da irmá e, ao volver para a casa, viu as bruxas.
Ao día seguinte apareceu todo arrabuñado tirado nun camiño.
Preguntáronlle que lle pasara e el dixo que estivera toda a noite pelexando coas bruxas.
O que paou en realidade foi que bebera algo de coñac de máis. No camiño enganchou nas silvas e botouse a golpes a elas.
Pero, -di meu tío-, non sei se hai bruxas ou non, pero desde que veu a luz eléctrica, estas desapareceron. Por se acaso, aí vai unha forma de escorrentalas:
Hai que botar un pouco leite no forno cando está roxo para coce-lo pan e logo pasarlle un restrelo de amañar o liño. Ao día seguinte, aparece a bruxa coa cara toda arrabuñada.
Finalmente, unha de "mortos".
A miña veciña Lola de Melle, que en gloria estea, era unha muller moi disposta e moi afable. Un día contoume como eran antes os velorios. Dicía que ela non tiña medo a andar de noite polos camiños, a non ser que houbera morto na parroquia.
Un día morreu un veciño do lugar, e, cando morría alguén os veciños pasaban a noite enteira velándoo, rezando e acompañando a familia, contando historias e mesmo comendo algo cando lles daba a fame.
Nisto, estando todos en silencio arredor do cadáver, o morto levantou unha perna. A xente morría de medo!
- Que pasou?
Resulta que daquela nas casas os pisos eran de madeira e estarían vellos. Cando alguén pisou unha táboa, o piso estremeceuse e ... o morto ergueu a perna. As pernas tíñanllas atadas cun cordón (os mortos amortallábanos na casa os da familia e os achegados); soltouse e ..., velaí a explicación.
Podedes buscar en Internet outras historias de medo da literatura oral como A moza da curva ou sobre tráfico de órganos nos bazares chineses. Son lendas urbanas actuais que atoparedes en Galicia encantada.
O alumnado leu os seguintes textoa:
a) "Eu ben vin estar o moucho", de Rosalía de Castro
Eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.
¡Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo!
Unha noite, noite negra
como os pesares que eu teño,
noite filla das sombrisas
alas que estenden os medos;
hora en que cantan os galos,
hora en que xemen os ventos;
en que as meigas bailan, bailan,
xuntas co demo primeiro,
arrincando verdes robres,
portas e tellas fendendo,
todas de branco vestidas,
tendido-los brancos pelos
contra quen os cans oubean
agoirando triste enterro;
cando relumbrar se miran
antre os toxales espesos,
cal encendidas candeas
ollos de lobo famento;
e os ramallaxes dos montes
antre si murmuran quedos,
e as follas secas que espallan
os aires da noite inquietos,
en remuíños se xuntan
con longo estremecemento,
indo camiño da igrexa,
soia cos meus pensamentos,
cabo da fonte da Virxe,
pretiño do cimeterio,
dempois de sentir un sopro
que me deixou sin alento,
eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.
Arrepuiñadas todas
as carnes se me puñeron,
e os cabelos no curuto
fóronse erguendo direitos;
gotas de sudor corrían
a fío polo meu peito,
e trembaba como tremban
as augas cando fai vento,
na pía da fonte nova,
que sempre está revertendo.
Aquel moucho alí ficando,
cal si fose o mesmo demo,
fito a fito me miraba
cos seus ollos rapiñeiros,
que coidei que me roubaban
non máis que de lonxe velos.
De lume me paresían
e que me queimaron penso;
penso que eran tizós roxos
da fogueira dos infernos,
que polas niñas me entraron
hastra o corazón dereitos.
En el remorsos había
de amoriños pecadentos ...
¡Ai, quen ten deses amores,
non pode achar bon sosiego!
Chovía si Dios ten auga,
ventaba en todo-los ventos,
e ensarrapicada toda
a camiñar non me atrevo;
que o moucho, fita que fita,
me aspera naquel penedo;
mais acordeime da Virxe
que sempre conmigo levo;
résolle un Ave-María,
e cobrando novo alento,
como os paxaros do mare,
nadando paso o regueiro,
corro a enriba do valado,
brinco en baixo do portelo,
e dende alí berro entonces
con cantas forzas eu teño:
¡Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo!
Cólgovos un vídeo dese poema que fixeron uns rapaces de instituto.
b) Sobre a morte de Bieito, de Rafael Dieste.
Foi preto do camposanto cando eu sentín buligar dentro da caixa ao pobre Bieito. (Dos catro levadores do cadaleito eu era un).Sentino ou foi aprehensión miña? Entón non podería aseguralo. Foi un rebulir tan maino!....
Como a teimosa puvulla que rilla, rilla na noite, rilla desde entón no meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir. Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza e, pola tanto -comprendede, escoitade- polo tanto non podía , non debía dicir nada.
Imaxinade nun intre que eu dixese:
- O Bieito vai vivo.
Todas as testas dos velliños que portaban os cirios ergueríanse nun babeco aglaio. Tosos os pícaros que viñan estendendo a palma da man baixo o pingotear da cera, virían en remuíño arredor meu.
Apiñaríanse as mulleres a carón do cadaleito. Escorregaría por todos os beizos un murmurio arrepiado, insólito:
- O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo...!
Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén , desacompasándose, a grave marcha que xemía nos bronces da charanga. E eu sería o gran revelador, o salvador, eixe de todos os asombros e de todas as gratitudes. E o sol na miña face cobraría unha importancia imprevista.
Ah! E se entón, ao ser aberto o cadaleito, a miña sospeita resultaba falsa? Todo aquel magnoiasombro viraríase inconmensurable e macabro ridículo. Toda a arelante gratitude da nai e das irmás tornaríase despeito.(...) Comprendedes? Por iso non dixen nada.
Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ao da miña banda e, acubilllando a pregunta nun sorriso de retrouso deslicei:
- E se o Bieito fose vivo?
O outro riu picaramente coma quen di: "Que ocorrencias temos" e eu amplifiquei adrede o meu falso sorriso de retrouso.
Tamén me vin a rentes de dicilo no camposanto, cando xa o crego requeneaba.
"Cando o crego remate", pensei. Mais o crego acabou, e a caixa baixou á cova sen que eu puidese dicir nada.
Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro nas táboas do ataúde, subíronme ata a gorxa as verbas salvadoras... Estiveron a punto de xurdiren. mais entón acudiu novamente ao meu maxín a case seguranzza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada se o Bieito se atopaba morto e ben morto. Ademais o dicilo tan tarde acrecentaba o absurdo desorbitadamente. Como xustificar non o ter dito antes?Xa sei, xa sei, sempre se pode un explicar! E se tivese morto despois de o sentir eu remexerse, como quizais puidese adiviñarse por algún sinal? Un crime, si, un crime o me ter calado! Oíde xa o rebumbio da xente ...
- Pediu auxilio e non llo deron, malpocado!...
- El sentía chorar, quíxose erguer, non puido ...
- Morreu de espanto, saltoulle o corazón ao se sentir decer na cova...
- Velaí o tendes, coa cara torta do esforzo!
- E ese que o sabía, tan campante, aí a sorrir coma un pallaso!
- É parvo ou que?
Todo o día, meus amigos, andei tolo de remorsos. Vía ao pobre Bieito grafiñando as táboas nese espanto absoluto, máis alá de todo consolo e de toda conformidade, dos enterrados en vida. Chegoume a parecer que todos lían nos meus ollos adurmiñados e lonxanos a obsesión do delito.
E alá pola alta noite- non o puiden evitar- funme camiño do camposanto, coa solapa subida, ao arrimo dos muros.
Cheguei. O cerco por unha banda era baixiño; unhas pedras mal postas, apreixadas por hedras e silveiras. Paseino e fun dereito ao sitio... Deiteime no chan, apliquei a orella, e axiña o que oín xeoume o sangue. No seo da terra unhas unllas desesperadas rabuñaban nas táboas. Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho... Ía xa cara el cando fiquei suspenso. Polo camiño que pasa a rentes do camposanto sentíanse pasadas e rumor de fala. Viña xente. Entonces si que sería absurda, tola, a miña presencia alí, daquelas horas e cun sacho na man.
Ía dicir que o deixara enterrrar sabendo que estaba vivo?
E fuxín coa solapa subida, pegándome aos muros. A lúa era chea e os cans latricaban lonxe.
Sobre este conto hai unha curtametraxe que vos deixo aquí.
Tamén vou poñer unhas fotos das cabazas que nos axudaron a crear ambiente. Aí a tedes-