sábado, 28 de noviembre de 2015

Animando ao uso do galego.

Recentemente publicouse un vídeo que recomenda accións sinxelas que cadaquén pode facer na súa vida cotiá para contribuír á mellora da situación do galego. Vouno colgar aquí e espero que sexa do voso interese.



Tamén quería facer un recordatorio ao grande escritor Xosé Neira Vilas, que acaba de falecer onte na súa casa de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra) aos seus 87 anos. Onte escoiteino falar nun programa que deron na TVG e non puiden menos que lamentar non telo coñecido en persoa. Deixáronme engaiolada as súas palabras e a súa sabedoría, así como a súa fidelidade a Galicia e á lingua, que mantivo durante moitos anos de emigración fóra da Terra.
A nova da súa morte aparece nos principais xornais, onde se dá conta do seu forte impacto no mundo cultural galego. Podedes lela aquí. Especialmente interesante é o artigo de opinión de Carlos G. Reigosa en La voz de Galicia e o do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

Aínda sen enterrar a Neira Vilas, chéganos a nova do falecemento doutro gran intelectual galeguista, destacado sobre todo no eido do ensaio teolóxico, Xosé Chao Rego, outro "bo e xeneroso", como o anterior, que nos ensinou a amar Galiza e asentirnos orgullosos de termos unha cultura e unha lingua propias.

E para rematar, vou dar conta esta vez dunha nova alegre: deuse a coñecer o gañador do premio Blanco Amor deste ano, que recaeu no escritor Xavier Queipo.









mantivo a pesar dos longos anos que estivo na emigración en Buenos Aires e en Cuba.
En La voz de Galicia aparecen hoxe algúns interesantes artigos sobre el e tamén algún vídeo.

Sobre Manuel Mª e as Letras Galegas 2016

En xullo de 2015 a Real Academia Galega deu a coñecer quen ía ser o protagonista do Día das Letras Galegas no ano 2016.


 Nos xornais, todos eran a felicitarse pola elección de Manuel Mª, en contraste co sucedido o ano anterior (foi o nomeamento máis polémico que lembro). Isto pode verse en artigos de Sermos Galiza como o seguinte.
Creo que, en xeral, a xente respecta a este autor, coñece máis a súa obra e admíraa, grazas en parte a que moitos textos foron popularizados ao contar con versións musicais. 

Os que tivemos a sorte de coñecer o autor en vida sabemos que foi unha persoa afable, sinxela, pero tamén enérxica na defensa das súa ideas e coherente nas súas actuacións. É un home do pobo e que lle fala ao pobo, cunha linguaxe natural, simple e directa ás veces, mais noutras ocasións con linguaxe máis traballada e con notables acertos expresivos.
Un aspecto a salientar é o de ser un autor moi prolífico. Destaca sobre todo como poeta e cultivou as diferentes tendencias da poesía galega de posguerra: Escola da tebra, poesía paisaxística, poesía social e tamén poesía amorosa. Tamén escribiu varias obras teatrais.
Pertence á Xeración das Festas Minervais ou Xeración de 1950, caracterizada polos seguintes trazos:
- trátase de autores nacidos entre 1930 e 1940, polo que non viviron a guerra de maneira directa.
- participaron nos certames literarios da Universidade de Santiago chamados Festas Minervais.
- teñen formación universitaria e manifestan o seu compromiso político nacionalista uníndose a partidos políticos de esquerdas.
- mostran un forte compromiso coa lingua e manteñen unha práctica monolingüe en galego.

Algúns dos seus textos son xa emblemáticos como o adicado á "Terra Chá" (no que tenta captar a esencia da paisaxe da súa terra natal), que reproducimos:

 A Terra Chá somentes é:
un pobo aquí e outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
(recentemente cantado por Uxía)



ou outro cantado por Fuxan os ventos: "Non canta na chá ninguén"


Para Manuel Mª é moi importante Galicia, e a súa esencia é o idioma, como afirma no poema "A Fala". A fala é "a chave coa que abrimos o mundo", algo máxico que nos permite entendelo e descifralo. A fala mostra quen somos realmente, retrátanos fielmente; nela conflúen o pasado, o presente e o futuro: o ronsel que deixaremos no mundo cando nos vaiamos. É un fermoso poema, aparentemente sinxelo, mais profundo, co que moitos nos sentimos identificados.

Podedes ler o texto e escoitar a versión de Roi Casal en Son de poetas ou no vídeo.


Estes días (maio) tamén saíu en Sermos Galiza un vídeo, en que alumnos de escolas de Nova Zelandia recitan este poema. Non diredes que non chegou lonxe! Só un pouquiño máis alá de Pedrafita!!!







sábado, 14 de noviembre de 2015

Semana de Samaín de luxo

Hoxe, finalmente, puidemos gozar no Instituto coa música e coas latricadas de Sés. Supoño que a súa linguaxe rompedora impactaría bastante os rapaces. Esperemos que dea os seus froitos. Creo que as cabezas ben amobladas deberían ser os modelos a seguir pola xente nova.
Para lembrar este gran día e esta grande artista coruñesa, vou colgar un vídeo e tamén me gustaría reproducir a letra da súa canción "Non son fada nin princesa", que é das miñas preferidas.


Tamén se expuxeron no corredor as cabazas decoradas polo alumnado este ano. Volveu gañar o premio Adrián Álvarez, que se esmera neste tipo de traballos. A súa é a primeira.









O alumnado de 2º ESO escribiu contos de medo. Expoñeremos e colgaremos os mellores.