Mostrando entradas con la etiqueta primavera. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta primavera. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de mayo de 2015

Primavera 2015

   Estamos a ter unha primavera húmida. O sol madrugou de máis na Semana Santa e agora está a vir o mal tempo, con días de chuvia e algunha que outra sarabiada, que estragan as árbores froiteiras cando as flores están a converterse en froitos. Con todo, os montes locen coas cores das queiroas, as carqueixas, as uces, os toxos en flor e renovan os verdes das follas dos bidos, ameneiros, castiñeiros ....
   Anceiamos xa o bo tempo, cando as raiolas do sol fagan medrar as plantas, engrosen os froitos e melloren o noso ánimo coa súa morneza (tanta humidade non é boa para os nosos ósos cansos). Entón cultivaremos flores, admirando a beleza da natureza, axudando ao seu esplendor.
   Polo momento tivemos narcisos e xacintos, fráxiles e delicados tulipáns, violáceos pensamentos, camelias rosas.... Encheuse de flores como pompóns o mundo, de flores lila o lilo. Pronto virán as mapoulas, revivirán os xeranios e as peonías, abrirán as coridas e recendentes rosas. Medrarán os liliums e as dalias, rebentarán os gladíolos, preparándose para o seu esplendor no verán.
   Eles miden o tempo, mostran o efémero da vida mais tamén a beleza e a alegría que fai a natureza renovarse e volver unha e outra vez, reinventándose, reinventándonos.
   Penso que somos privilexiados por vivir nun entorno cunha enorme variedade na súa flora. Sería interesante que o coñecésemos ben, que saibamos os nomes das nosas plantas, dos elementos naturais que configuran o noso medio. Por iso vou poñer algunhas fotos e algún léxico relativo a este campo semántico.







Son fotos das miñas mapoulas e da flor do mundo.

Peonía. Foto extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (663highland)

Uz. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Esculapio)

 Carqueixa. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Xemenendura)


jueves, 26 de junio de 2014

Mitos de Romanía e Moldavia sobre a chegada da primavera: martisor

1.O mozo que liberou o Sol

Un dos mitos sobre a tradición narra que o Sol baixou á Terra camuflado na imaxe dunha fermosa doncela. Un zmeu secuestrouna e meteuna na cadea nun palacio. Daquela, os paxaros detiveron o seu canto, os nenos perderon a ledicia e as ganas de xogar e todo o mundo ficou sumido na desesperación.
Ao saber o que pasaba, un mozo afouto decidiu dirixirse ao palacio para liberar a doncela. Cando deu localizado a prisioneira, desafiou ao zmeu a unha loita, conseguindo liberala, e o Sol elevouse iluminando de novo toda a Terra; chegou a primavera e volveu a dita ao mundo. Pero o valoroso mozo, ferido de morte na batalla, agonizaba e o seu sangue esparexíase pola terra entrando en contacto coa neve, e alá onde o sangue e a neve se fundían nacían unhas flores con forma de campaíña que anunciaban a primavera.
Os campesiños honraron a memoria do mozo ligando nun mesmo fío dúas flores, unha branca e outra vermella. Esta simbolizaba o amor pola beleza e lembraba o sacrificio do heroe, e a branca a primeira flor da primavera.

O Mărțișor é un obxecto de diversas formas, mesmo unha xoia, no que se engarzan as dúas cores. É moi popular e mesmo se vende nas rúas como recordo típico.

2.A loita da primavera co inverno

Outro mito, con orixe en Moldavia, di que o primeiro día do mes de marzo a fermosa Primavera chega á beira dun bosque e observa como, nun claro, hai un arbusto cheo de espiñas e baixo a neve nacen unhas flores con forma de campaíña. A Primavera decide axudar a que medren e, para iso, tenta arredar a neve e as espiñas, mais o Inverno, enfurecido, convoca o vento e a lazada (xeada), ordenándolles destruílas. Entón, as flores quedan totalmente conxeladas.
A Primavera tenta protexelas coas mans, feríndose cunha espiña. Da ferida abrolla unha pinga de sangue que, ao caer sobre as flores, devólvelles a vida, e así a Primavera vence o Inverno. Por iso as cores do martisor son o vermello do sangue e o branco da neve.

A tradición pervive en Romanía e Moldavia na maioría das aldeas e vilas. En marzo e a principios de abril pendúranse os martisori nas árbores e crese, que pedindo nese momento un desexo, este ha de cumprirse. Nas zonas rurais de Transilvania pendúrase das portas das casas, das fiestras ou dos cornos dos animais domésticos para escorrentar os malos espíritos.


Póñovos algunhas imaxes do mărțișor para que vos fagades unha idea de como é.


Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Turbojet)

Imaxe extraída de Flickr: CC - BY - NC (olahus)


martes, 24 de junio de 2014

Redaccións dos alumnos sobre tradicións relacionadas coa chegada da primavera

A actividade consistía en buscar información sobre tradicións de celebración da chegada da primavera en distintos lugares do mundo. Eu atopei unha sobre Romanía: o martisor (e comprobei que Claudia, a nosa alumna romanesa, a coñecía). Entre as dos alumnos escollín dúas: 

1. A chegada da primavera en Suíza 

En Suíza, a primavera comeza, como no resto de hemisferio norte, o 21 de marzo e remata o 21 de xuño, cando chega o verán.
Durante esta estación os días van alongándose, o sol sae cada día un pouco antes, e ponse un pouco despois, sendo a noite máis curta e o día máis longo.
A primavera identifícase coa vida, co sol, co aire, coa cor e flores multicolores.
En Zurich, Suíza, a primavera comeza oficialmente co tradicional festival de "Secheseläuten", que se celebra normalmente o terceiro domingo e luns do mes de abril. Esta palabra significa "badaladas ás seis" e con elas os artesáns sinalaban a fin da xornada laboral.
A festa comeza o domingo co desfile polas rúas duns dous mil nenos vestidos con traxes tradicionais e históricos de Suíza, e o luns desfilan as asociacións de gremios e, ao remate, queiman un boneco de trapo en forma de boneco de neve chamado "Böögg", e que leva a cabeza chea de petardos. A queima faise ás seis da tarde, cando repican as campás da catedral. Isto significa a fin do inverno.
Crese que canto antes estale a cabeza do boneco, máis longo e caloroso será o verán.

Imaxe extraída de Flickr: CC - BY - NC - ND ()

                   David González Armesto, 3º ESO

2. Festival de primavera en Xapón

Tódolos anos, coa chegada da primavera, ocorre un dos eventos máis agardados no Xapón: a floración das cerdeiras.
As cerdeiras, "sakura" en xaponés, pasan a maior parte do ano como unha árbore simple con follas verdes. No inverno pérdenas, mais coa chegada da primavera cóbrense de fermosas flores. Nelas ven os xaponeses a esperanza, a renovación, a alegría, da que se contaxian as persoas.
Aproveitando o pouco tempo que dura este agasallo, os xaponeses celebran o seu festival de "hanami" (hana significa "flor" e -mi "ver") e reúnense coas familias a amizades para comer á sombra das cerdeiras e, compartindo a comida que todos aportan, celebran a vida. De feito as cerdeiras representan na sociedade xaponesa o efémero da vida humana, xa que as súas flores duran unha ou dúas semanas.
A antigüidade do hanami reflectiuse na arte xaponesa, e xa aparece mencionado en "Kojiki" (712), unha das primeiras obras de literatura. Na poesía da era "Heian" (794-1185), aparecen as cerdeiras como un símbolo da delicadeza da natureza e do ser humano.

 Imaxe extraída da Wikipedia: dominio público.

                   Sabela Durán Cano, 3º ESO

martes, 13 de mayo de 2014

Tradicións relacionadas coa celebración da primavera

O curso pasado comezamos a investigar sobre a tradición dos maios en Galicia e realizamos por primeira vez no centro un maio, coa colaboración do Seminario de Tecnoloxía, entre os alumnos de 1º ESO e 4º ESO PDC e o profesorado de Lingua Galega. A cousa estivo animada: fíxose un maio figurativo con materiais recollidos no entorno que quedou bastante ben;  recitáronse cantigas dos maios (coa participación do alumnado de 1º e 3º de ESO) e asemade realizáronse outras actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas (como lecturas de textos teatrais do autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, realizadas polo alumnado dos diferentes cursos). Para amenizar o acto, incluíronse tamén audicións de música galega, separando as distintas partes da actuación dos alumnos.
No presente curso, o alumnado de 3º de ESO buscou información sobre outras tradicións europeas ou mundiais de celebración da chegada da primavera e iso permitiunos coñecer, á parte dos maios, tradicións doutros pobos que teñen que ver cos ciclos de renovación da vida e dos froitos que se dan en diferentes lugares e que contan con orixes moi antigas.
Os estudosos falan de que estas tradicións, con diferentes festas e ritos, se remontan á Prehistoria e tamén teñen relación co mundo grecorromano (culto a Ceres, Demeter, maia...).
Clodio González Pérez divide estas celebracións en agrarias e lúdicas ou festivas.
Entre as primeiras están algunhas como a de alumear o pan (que tiña por finalidade propiciar unha boa colleita), ou as enramadas (nas Rías Baixas hai a tradición de colocar ramos de xesta nas portas das casas o 1º de maio para afastar os malos espíritos; nos Ancares póñenllas ás vacas nos cornos e noutros lugares engalanan os barcos para propiciar un bo traballo).
Entre as segundas están os arcos de flores, os ramos de flores ou a árbore do maio (os mozos rouban unha árbore e colócana nunha praza, adórnana con flores e danzan arredor dela; a tradición ten relación coas cucañas que se fan en Castela; os mozos agatuñan pola árbore para obter a recompensa) e tamén os maios.
En canto aos tipos de maios, tradicionalmente falábase de dous: os humanos (un grupo de mozos cubertos de plantas e flores case por completo percorren as rúas cantando os maios; está vivo por ex. en Vilafranca do Bierzo) e os figurativos. Recentemente engadiuse outro tipo: os maios artísticos (reproducen escenas relacionadas coa vida cotiá do noso pobo con detalle e grande elaboración).
O noso será un maio figurativo, de forma cónica, feito cunha armazón de madeira e canas e rematado nunha cruz.

Finalmente, este ano empregamos no maio materiais como bugallos (Mari, a traballadora do bar e nai dun alumno, de San Clodio, díxonos que lles chamaban cantarolas, polo ruído que facían ao tiralas ao chan xogando, a modo de canicas; Xulia, alumna de 2º ESO recolleu algúns e tróuxoos), pampillos (as flores amarelas que se ven na 1ª foto), margaridas silvestres, fiúncho (=fiollo), fabacas, xestas, queiroas e piornos, rosas e calas. Na súa elaboración participou alumnado de 2º ESO e de 3º de PDC.

Recitamos poemas como O maio  de Manuel Curros Enríquez e algún outro máis.

                                   Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Flickr upload bot)