lunes, 31 de marzo de 2014

Flores ventureiras.

Aproveitei a tarde en Quiroga para pasear á beira do río e coller unha presa de flores ventureiras. Estas inzaban o campo da ribeira enchéndoo de cores e recendos. Os primachorros (tamén chamados ben me quer, biloreta, ponmerendas ou margarida dos prados) semellaban un manto florido; os panqueixos (cáncere ou cancro) desprendían un suave e agradable recendo; as humildes violetas florecían en ramos e os xacintos salvaxes medraban entre as árbores.
Isto tróuxome á lembranza o coñecido poema de Antón Avilés de Taramancos, "Ter unha casa en Chachauí"

                                  XACINTO SILVESTRE. (Imaxe tomada en A Seara, Cedrón)

PANQUEIXO. Imaxe extraída da Wikipedia: dominio público.


PRIMACHORRO. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY (Rotatebot)

Aí vos van uns anacos de poemas de Uxío Novoneyra, especialista da nosa poesía paisaxística.

PRIMACHORROS brancos!
panqueixo e amargueixos!
argana polos barrancos!
Folla podre nos reprexos!
...

NADA está lonxe.
Os campaíños das 
uces
cobren os montes
de furruxe.

UCES. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Bdk)

domingo, 23 de marzo de 2014

23 de Marzo: Día Mundial da Meteoroloxía.

Este efeméride creouse para conmemorar  o nacemento da OMM (Organización Meteorolóxica Mundial) coa sinatura do convenio por parte dos seus primeiros trinta membros. Arestora conta con 185 membros. A súa finalidade é a cooperación internacional en servizos e observacións meteorolóxicas, para promover o intercambio rápido da información meteorolóxica e para publicar estatísticas.
Preocupados polo cambio climático, pretenden axudar a previr as catástrofes naturais relacionadas coa meteoroloxía. Así mesmo, o Día Meteorolóxico Mundial quere chamar a atención acerca dos efectos da contaminación no clima, insistindo na necesidade de tomar algún tipo de medidas.


Neste día, queremos lembrar a sabedoría popular que mostra como traballar a terra de acordo co tempo. Queremos agraderlle a Teresa ternos proporcionado esta información, recollida en Muxa-Piñeiro (Lugo).

A esfenda e a demouca é en febreiro, 
bótanse as patacas en marzo raioleiro
e seméntase tamén trigo marceiro.
Bótase o millo da xente por abril,
cando o cuco saíu do cubil;
en maio longo estará sachado il.
Polos días grandes de San Xoán
cóllese a nabiña e o lume novo fan,
mércanse as fouciñas para segar o pan.
No mes da sega o sol pica moi duro;
cando se sega o pan, o trigo está maduro;
mes de moito traballo e moito apuro [...]
O de setembro é o mes de San Miguel;
para apañar as patacas non hai mes coma el;
é tempo de ver se os trobos teñen mel.
No outono hai que ir ao San Froilán;
mozos, homes, vellos e nenos, todos van
e voltan de présa para outonar o pan.
Polo San Martiño o porco non ha de berrar,
o capón no poleiro non ha de cantar;
fanse regos nos prados para regar.
O tempo de Nadal é frío ventureiro
se temos leña no unlleiro;
chegarán os reises á entrada de xaneiro.


                                  Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Bluemoose)

domingo, 9 de marzo de 2014

Historia da Lingua Galega.

Recomendamos estes vídeos sobre historia da lingua galega, útiles especialmente para primeiro de bacharelato.


sábado, 8 de marzo de 2014

Coplas de entroido I.

O 28 de Febreiro houbo no instituto actividades de entroido. Bailaron os rapaces; os bailes e coreografías foron variados e vistosos. Recitaron coplas de entroido e contaron un conto (alumnado de 3º de ESO). Tamén houbo concurso de disfraces.
Degustamos doces destas datas que elaboraron as nais do alumnado de 4º de ESO.
Velaí unha das coplas, feita por Sandra, Andrea, Judith, Brenda e Sabela, de 3º.

Carnaval, carnavaliño,
hai festa no muíño;
veñen todos, ata o gato,
para pasar un bo rato.

Que vén o carnaval, 
todos queren cantar;
coas mans na cabeza, 
corremos a bailar.

Os disfraces son moi grandes,
son máis grandes ca os Andes,
de cores e deslumbrantes,
non coma os que había antes.

Vestirme de piruleta,
de zombie ou de chaqueta;
como imos gozar
neste máxico carnaval.

Vístete do que queiras,
como se vas de quenlla;
o que conta é saltar,
e un bo rato pasar.

Xogos para os nenos,
que ben o pasaremos,
comendo a merenda;
a ver quen acaba de primeira.

Poñemos antefaces,
con bonitos disfraces.
Doeranos a barriguiña
de comer tanta filloíña.

No carnaval hai flores
para comer na cea.
Non podemos parar,
que moi boas están.

Os nenos no carnaval,
divírtense que dá gusto.
O único motivo que hai
é que andan ao lusco fusco.

Tomade un pouco de fariña,
para facer unha orelliña.
Quero que chegue o carnaval,
para facer un gran festival.

Velaí a bandexa de doces realizada por 4º e outros postres tradicionais do Entroido.