lunes, 5 de diciembre de 2016

Praceres de outono

O outono soemos asocialo a un tempo de colleitas, de fartura nas hortas, de froitos doces coma os figos, de cores ocres, douradas e vermellas, de olores fortes coma o do marmelo cocendo na cociña e inundando toda a estancia.
Tamén  se asocia coa poesía, co estado de ánimo melancólico, coa madurez da vida. Estar no outono da vida é aínda gozar das oportunidades que nos quedan e saborealas con fruición, como gozamos da suavidade e a morneza das raiolas do sol sobre a pel nos días desta estación.
É tempo de recollemento, de volta ás normas despois do verán, máis libre, de adaptarse a novos horarios máis ríxidos, a un novo centro de ensino, nalgúns casos.
Recóllense, sécanse, asóllanse e gárdanse as sementes para o ano seguinte, proxectando futuro e esperanza de nova vida.
É tempo de néboas e dos primeiros fríos, aínda suaves. Tempo de érbedos, bullós( Sarria), billós (Chantada), bullotes e viño novo.
O tempo do medo, coa chegada dos días curtos e a escuridade; de Santos e defuntos; de calacús e xogos infantís, de sentar arredor do lume.
Agardo que este outono nos traia sabores, olores, praceres para a vista... e que sexa unha bo punto de partida para un curso exitoso no que aprendamos, maduremos e fagamos actividades que nos fagan sentir plenitude, felicidade de estarmos vivos, de ser parte dun mundo marcado polo paso do tempo.

Neste comezo de curso recomendamos a lectura de :

Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas en Edicións Xerais.

Foi un libro de gran éxito,recomendado para os máis novos do instituto, axudaralles a ver a morte e o máis alá con outros ollos e faralles esquecer os receos e os noxos así como espertar arelas polas artes culinarias. O libro aporta entretemento asegurado ao tempo que ensina valores como a amizade, o anceio de superación, a tolerencia, etc...

Para o segundo ciclo de secundaria recomendaría As mans do medo, de Xosé Miranda, un libro recomendable para os que queiran inicirse no xénero de terror.

Sobre a riqueza toponímica de Galicia

Téñense feito moitas reflexións sobre a riqueza toponímica de Galicia (por ex. Méndez Ferrín argumentaba sobre o tema ou Ferro Ruibal). Hai un equipo de persoas traballando sobre isto dende hai uns anos (Gonzalo Navaza e outros) e vanse facendo importantes achegas para coñecermos esta vizosidade da que goza o noso fragmentado territorio (algúns tan interesantes como o de Xosé Lois Vilar, Talasonimia da costa sur de Galicia).
Por que é importante facer estes traballos? Pois pola simple razón de que este patrimonio está ameazado. A sociedade cambia e os nomes poden perderse, por ex. cando se transforma o territorio por mor das concentracións parcelarias, vías de comunicación  que o atravesan,... ou porque xa non quedan vellos que os lembren e os novos en moitos casos descoñécenos.
O tema está de actualidade, como vemos nos xornais de hoxe.
Pódese ver tamén neste artigo de la Voz de Galicia.

No Instituto queremos facer a nosa pequena achega con traballos de microtoponimia feitos por alumnos de 2º de ESO. Os traballos son de Déborah e Rubén López. Recolleron nomes de leiras dos concellos de Quiroga  (a primeira) e de  Ribas de Sil e San Xoán de Río (o segundo) tendo en conta información dos seus maiores.

A/ Recolleita de microtoponimia de Déborah:

No lugar de Campos de Vila atópanse as seguintes leiras:
  1. Barbeito
  2. A Rodela
  3. Prado Grande
  4. Silvela
  5. A Pendella
  6. O Baioco
  7. As Forcadiñas
  8. O Santo
  9. O Redondo
  10. A Curtiña
  11. A Campaza
En Pacios da Serra recolleu os seguintes:
  1. Gabianceira
E en Revide os seguintes:
  1. Pacio
  2. Marelante
  3. O Carrozo
  4. A Regata
Finalmente na Toca recolleu
  1. A Peza
B/ Recolleita de microtopónimos de Rubén López Rodríguez no concello de Ribas de Sil, no Cabezo:
  1. Espiñoso
  2. A Reboleira
E no de San Xoán de Río na aldea de A Cruz os seguintes nomes:
  1. As Carballeiras
  2. A Leira Grande
  3. A Rechave
  4. Os Reales
  5. O Agro
En Santa Cruz os seguintes:
  1. As Touzas
  2. A Cortiña
  3. A Poula
  4. A Fonteseca
  5. Os serranos
  6. O Avelledo (podería ser O Abeledo?)
  7. O Leirado
  8. A Aira de Riba
  9. O Corgo
  10. O Horto
En Cambela:
  1. A Fraga
  2. A Touza
  3. A Lama
En Vilardá:

  1. As Lampazoas
  2. As Cancelas



martes, 28 de junio de 2016

De roteiro literario por Quiroga

Con motivo das Letras Galegas adicadas a Manuel María, organizouse no centro un roteiro literario por Quiroga, á parte da charla que veu dar ao centro Xosé Estévez, vello amigo do chairego. Con estas actividades divulgouse a especial relación que tivo o autor con este municipio, as relacións persoais que el cultivou, os lugares que visitou e que motivaron o nacemento dalgúns poemas. Ao longo do roteiro visitamos eses lugares e fixemos diversas paradas para recitar os versos de Sonetos ao val de Quiroga, reeditados este ano con ilustracións feitas por rapaces dos centros educativos do concello.
A verdade é que foi moi emotivo participar cos rapaces, coñecer lugares cotiáns para eles, desfrutar da natureza, descubrir aspectos que descoñeciamos despois de anos traballando no centro. Eles portáronse moi ben e perderon os medos a recitar en público. O itinerario foi longo e un pouco fatigoso, pero mereceu a pena! Demos unha boa volta á contorna como podedes observar no mapa!


Despois dunha explicación das profesoras sobre Manuel Mª (Eva e Bea), a súa obra e a súa relación con Quiroga, na entrada do centro, o roteiro comezou coa visita guiada á igrexa de San Clodio, unha curiosa edificación da que primeiro observamos o exterior, no que destaca a súa ábsida do séc. XII, e o material empregado: pedra da zona cunha cor escura, vermella ("pedra cabaleira" tamén usada na igrexa de Montefurado). Logo vimos os restos do mosteiro medieval, nos que destaca a torre. Despois vimos o interior da igrexa.
O mosteiro parece ser que fora incendiado durante a guerra contra os franceses. No seu curioso pórtico renacentista hai unha pedra no lintel desprazada do seu lugar por mor do terremoto de Lisboa de 1755.
Logo albiscamos ao lonxe o pazo do Batanero e escoitamos anécdotas sobre esa familia. Recitamos poemas á beira do Sil (e vimos fabas lobas nas hortas).
Volvemos a Quiroga e escoitamos a explicación sobre algúns edificios relevantes da vila onde viviron diversos escritores: Pura Vázquez e Eduardo Moreiras. Algúns alumnos recitaron poemas na praza da vila. Seguimos andando por Quiroga e paramos onde en tempos houbo unha taberna frecuentada por Manuel Mª. Recitamos poemas. Vimos laranxeiras e limoeiros. e carteis curiosos ("BENENO").
Seguimos andando cara á Ermida, por medio de árbores e viñedos con paradas para recitarmos poemas.



Imaxes tomadas na Ermida

Na Ermida visitamos a igrexa e admiramos a arquitectura popular. Recitamos poemas. Vimos o esqueleto das pampórnigas, un pouco tristes, así espidiñas! Faláronnos do crismón. Pasamos máis aldeas, con vacas, abellas, paraxes senlleiras a carón do río xunto á Veiguiña, onde vivira Á. Fole.
Vimos algunhas casas singulares, outrora casas grandes pero en xeral descoidadas e bastante abandonadas, cerres de leiras con somieres, ventás curiosamente tapiadas, unha fonte potable, unha sebe de buxos na beira da estrada, un souto e a rentes del vacas e becerros pacendo tranquilamente.




Imaxes da Igrexa de San Clodio e restos do mosteiro medieval, pórtico renacentista






Comemos na Rodela, sentados na herba, acompañados por un can que non nos deixou en todo o roteiro. Alí están a impoñente casa da ferrería, un edificio de pedra con balcóns de ferro, algunhas edificacións tradicionais en non moi bo estado de conservación e algunha completamente derruída. Dan conta dun pasado mellor cando houbo na zona o auxe das ferrerías (chegou a haber sete na zona).






 Casa da Veiguiña 




Mostras de arquitectura popular

Pola tarde encamiñámonos a Hospital, que tamén mostra grandeza e decadencia nas súas edificacións. Recitamos poemas na praza da igrexa. A familia de Manuel Mª servira aos donos da Torre Penela, casa señorial da zona.




Imaxes tomadas no interior da igrexa de Hospital

Visitamos a igrexa e explicáronnos a súa importancia e feitos curiosos como que nela se armaban cabaleiros ou  a súa importancia no Camiño de Santiago.
Finalmente fomos ao castelo de Novais, e para chegar alí andamos un camiño bastante duro, moi irregular, con pedras e con marcas de rodeiras de carros marcadas na pedra. Alí admiramos a restauración que fixo o pai de Adrián dunha casa ao pé do castelo (e o coidado xardín), a torre do castelo e as impresionantes vistas desde alí dos montes e do val.



Logo visitamos o túnel de Montefurado e. finalmente Bendilló, onde nos levaron a unha almazara e nos explicaron o proceso de fabricación tradicional do aceite.








Recitamos poemas sen parar e o alumnado completou un cuestionario sobre aspectos que lles explicaron ao longo do percorrido. Foi un día completiño!


Santiago de Compostela e a literatura galega nun lugar destacado na Feira Internacional do Libro de Bos Aires

Galicia, Santiago e a literatura galega acadan protagonismo na FILBA 2016. Iso é unha maneira de pór de relevo a histórica relación que o noso país mantivo coa Arxentina. Interesa tamén fortalecer ese vínculo para favorecer o desenvolvemento futuro das dúas culturas.
Vemos pois que a nosa literatura interesa fóra das nosas fronteiras e viaxa polo mundo como o fan  as nosas xentes.
Cólgovos un interesante vídeo no que participan varios escritores galegos que acoden este ano á feira.




viernes, 15 de abril de 2016

Por unha dieta saudábel: a ONU proclama o ano 2016 Ano Internacional dos Legumes

Lendo un pouco casualmente atopei unha referencia ao feito de dedicarlle a ONU este ano aos legumes. Pareceume de interese a información que se expón con este motivo e quero traballar algo o tema, posto que tamén concirne aos centros de ensino educar para a saúde e é con información como se poden combater os malos hábitos alimenticios, ás veces froito do descoñecemento ou da comodidade e a despreocupación.

Á parte de ter consecuencias para a nosa saúde, o que comemos tamén ten importancia para o planeta, polo que non é indiferente que cultivamos, que consumimos, como se producen eses alimentos... Como consumidores debemos concienciarnos de que é imprescindible a sostibilidade. A esta contribúe tamén o mantemento da biodiversidade local.

Pensando un pouco boto en falta alimentos da miña infancia producidos na miña zona e que agora non estou certa de que se cultiven. Por exemplo era usual na miña casa sementar fabas de diversos tipos. En particular lembro as fabas brancas (de riñón"), os chaparros (pintos e brancos), varios tipos de fréxeles (baixos ou altos; de vaíña verde ou amarela), garavanzos, chícharos e tirabeques. Tamén había variedades que servían como alimento para os porcos: as fabas negras ou as fabas lobas. En particular fíxenme cunha semente destas últimas en Poboa de Brollón que é moi boa e de fácil cultivo.
Acabo de descubrir en Internet os chaparros pintos, mirando receitas de legumes. Alí chámanlles "caparrón pinto de La Rioja". Mesmo lle dedican unha festa gastronómica e comercialízano cru ou en conserva.

En espera dalgúns traballos do alumnado sobre o tema, vou publicar unha receita tradicional de fabada que facía miña nai.

Os ingredientes eran os seguintes:

1/2 kg de fabas brancas (chamáballes fabas de "riñón"; son brancas, algo máis pequenas cás de Lourenzá). Cómpre deixalas de remollo o día anterior en auga.
1 pataca ou uns grans de arroz
1 ou dúas cenorias
1 culleriña de pemento doce
Lingua de porco salgada (unha pouca cortada en rodelas ou anacos máis pequenos, ao gusto). Pódese poñer a remollo coas fabas para que perda algo de sal.
1 chourizo ou un choulán (en rodas)
1 cebola pequena
1 dente de allo
1 rama de pirixel
1 ou dúas culleradas de aceite de oliva

A preparación era moi sinxela:

Póñense os ingredientes, agás o arroz ou a pataca, en frío nunha cazola con auga e déixase cocer o tempo que precise (sobre hora e media). Cando levante fervura, báixase o lume para que siga cocendo lentamente. Cando xa case estean as fabas cocidas, engádese a pataca en anacos pequeniños ou uns grans de arroz. Se o precisa bótaselle un pouco sal.

Resulta un prato completo. Cunha peza de froita atrás xa iriamos coma reis!

Tamén vou incluír algunhas receitas que trouxo o alumnado de 2º de ESO.

Nos traballos observo a castelanización notable do léxico respecto á alimentación. En particular estamos incidindo neste aspecto na aula na unidade didáctica que traballamos estes días.

Receitas do alumnado:

1. Fabas rubias con paspallás guisado 

Ingredientes:

3 dentes de allo
2 botes de fabas rubias cocidas (ou ben 1/2 kg de fabas deixadas a remollo o día antes e cocidas)
1 cebola
4 paspallás guisados en conserva (ou frescos e guisados)
1 folla de loureiro
1 pemento vermello
200 g de salsa de tomate
1 rama de tomiño
un chorro de aceite
un pouco sal

Preparación:

Nunha tarteira botamos un pouco aceite de oliva e quentámolo; pochamos nel a cebola picada fina e o allo. Logo botamos o pemento cortado en anacos pequenos, o loureiro e o tomiño. Deixámolo pasar un pouco e logo engadimos o tomate. Refogamos un pouco máis para que perda algo de auga.
 A continuación engadimos as fabas (se son de bote é aconsellable escorrerlles a auga que traen e refrescalas) e as codornices guisadas partidas á metade con todo o seu mollo. Deixamos cocer todo xunto uns dez minutos e poñémolo a punto de sal.

(A receita tróuxoa Déborah)

Esta receita ten a vantaxe de ter unha preparación bastante rápida se empregamos conservas. As propiedades nutritivas son semellantes ás dos produtos frescos, pero debemos ter en conta que normalmente xa traen algo de sal. Isto tamén ocorre na seguinte, o cal dá facilidades para cociñar comidas nutricionalmente ricas aínda que teñamos pouco tempo.


2. Garavanzos con chourizo, touciño entrefrebado e arroz

Ingredientes:

400 g de garavanzos cocidos
100 g de arroz
3 chourizos
100 g de touciño entrefrebado
1 cebola
1 dente de allo
aceite e sal

Poñemos a quecer nunha cazola un pouco aceite e nel douramos a cebola picada, o allo, e logo o touciño picado e o chourizo. Incorporamos o arroz, logo a auga fervendo e salgamos. Deixamos cocer uns 15 minutos. A continuacion engadimos os garavanzos (escorridos e lavados se son de bote). Seguimos cocendo uns minutos máis, ata conseguir o punto desexado do arroz.
Para unha boa presentación, o prato non debe quedar moi basto. Se ten pouca auga, podemos engadirlle caldo ou auga, rectificándoo de sal.

(Esta receita é de Ariadna)

Póñovos un enlace á páxina do IES Francisco Asorey que fala sobre o tema.

Ë incrible o gran número e variedade de receitas que se poden facer con legumes, dende purés a potaxes ou ensaladas. Poñerei un enlace a algunhas que me semellaron interesantes:

- Receita de fabas de Lourenzá con ameixas
- Recetario de feixóns
- Máis receitas de fabas de Lourenzá

sábado, 9 de abril de 2016

Manualidades de Nadal

Este ano para celebrarmos o Nadal organizamos un taller de manualidades. En 4º de ESO fixemos adornos decorando bólas para a árbore de Nadal e tamén decoración de frascos de distintas maneiras e botellas con motivos invernais. Foron manualidades sinxelas que calquera pode realizar e con custos baixos, mais que permiten entreterse e tamén adestrar a creatividade. Tamén permiten relaxarse e facer algo xuntos.

Velaí unha mostra dos resultados:








Excursión a León

Como actividade da 2ª avaliación organizada polo Seminario de relixión, levamos a cabo unha viaxe a León coa participación de todo o alumnado da materia do instituto. Visitamos a catedral, Cáritas e o Museo diocesano.
De primeiras, produciunos impresión o frío que ía en León, en contraste co tempo que quedaba en Quiroga. Demos un pequeno paseo a pé para irmos á catedral, onde fixemos unha visita coa axuda dunha audioguía. O día non era moi claro para podermos apreciar a beleza das vidreiras da catedral. Con todo parecéronnos impresionantes. A audioguía explicaba con claridade ao comezo, pero logo liábaste algo coas capelas laterais. Pareceunos moi interesante a explicación sobre o retablo do altar da catedral e tamén sobre os arranxos feitos no século XIX que impediron que a catedral se derrubase.
Cando saímos, fixemos algunhas fotos para recordar a viaxe.






Imaxe cedida por Lucía Fierro

Logo agardamos un pouco pola persoa que ía conducirnos ao roupeiro de Cáritas. Unha vez alí, explicáronnos como funcionaba e o labor que facían os voluntarios. Todo estaba colocado como nun comercio, organizado por idade, sexo, roupa de verán ou inverno...etc, Os usuarios podían levar o que precisasen, por un prezo simbólico (deixaron de dar roupa gratis ao comprobar que algunha xente tiraba no contedor o que non lle gustaba), pero cun límite (creo que seis prendas e cada certo tempo).
Logo fomos a outro local de Cáritas, un edificio antigo bastante próximo á catedral. Alí un voluntario de Cáritas explicounos o labor que facía a organización en prol da xente pobre, que non se limita a solucionar necesidades económicas inmediatas soamente, senón tamén a compañar a moitas persoas que na actualidade están excluídas socialmente. 
Logo fomos comer e pasar un tempo de lecer nun centro comercial. E pola tarde visitamos o museo.
O aproveitamento da actividade non foi unha marabilla, pois xa non había tan boa disposición como á mañá. Coas explicacións dunha guía, aprendemos sobre diversos aspectos da arte e a representación das Virxes, sobre os restos dunha catedral románica anterior á gótica actual, sobre unha pía en que se facía bautismo por inmersión  ou sobre outras curiosidades como un órgano do século XVI ou un armario mudéxar e tamén algúns códices moi antigos, un deles con notas musicais sen pentagramas e que aínda non foron descifradas.

Colgo algunhas fotos máis do que vimos nesta viaxe.

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (davidjimenezllanes)

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (GobLiN 86)

File:Capilla de Santiago, catedral de León.jpg
Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (GobLiN 86)

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (GobLiN 86)