Mostrando entradas con la etiqueta comentario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta comentario. Mostrar todas las entradas

miércoles, 14 de mayo de 2014

"Penélope" de Díaz Castro

Este é o poema máis coñecido do autor. Trátase dunha magnífica composición, unha das máis fermosas sobre Galicia. 
O autor, Xosé Mª Díaz Castro, pertence á Xeración do 36. Polo tanto tocoulle vivir as duras circunstancias da guerra. Insírese na corrente humanística e clasicista iniciada por Aquilino Iglesia Alvariño (autor do primeiro libro de poesía publicado na posguerra, Cómaros verdes, 1947). O xénero literario é poesía lírica, xa que fala de emocións e sentimentos do poeta. En canto á temática, mestura paisaxismo e poesía social.
O título alude ao mito de Penélope, esposa de Ulises, quen, segundo conta a Odisea de Homero, agarda o retorno do seu home tecendo de día e destecendo de noite. Igualmente, Galicia espera pacientemente ver cumpridos os seus soños, pero o pouco que adianta é frustrado por un novo atraso.
O poema reflicte o carácter incerto e vacilante da historia da Galicia moderna (no século XIX pérdese a harmonía do Antigo Réxime sen haber unha solución de recambio; no comezo do XX, pese a algúns cambios, non se produce unha transformación económica e social profunda. Isto tivo como consecuencia directa a emigración).
O tema central é a esperanza constantemente frustrada de Galicia ou a frustración histórica da sociedade galega. Como temas secundarios aparecen os seguintes: a esperanza, a intrahistoria, a emigración.
A esperanza móstrase pouco dinámica ("se espreguiza") e é un elemento da intrahistoria, é dicir, do vivir cotián e milenario do pobo ("aran os bois e chove", "sabas de mil anos"); o inmobilismo que sucede a cada va esperanza parece consubstancial a ese vivir intrahistórico ("a tea dos teus soños non se move"). Entroncada tamén con ela está a emigración ("un bruar de navíos moi lonxanos"). A esperanza do regreso dos emigrantes semella afastada no espazo e no tempo ("traguerán os camiños algún día/a xente que levaron").
Polo que respecta á linguaxe,
a) no nivel fónico, o autor emprega o recurso do fonosimbolismo. Repite os fonemas vocálicos posteriores (o aberto e o pechado): "a tea dos teus sonos non se move" (verso 2)
"desorballando os prados coma sono" (verso 13). Así indica indica a escuridade anímica e visual. Tamén repite o fonema vocálico posterior /u/ no verso 15: "enterrando suco a suco o outono" para aludir a grisenta estación outoniza asociándoa a un estado de ánimo depresivo.
A métrica é lixeiramante irregular: o poema ten versos hendecasílabos, agás o 4º que é heptasílabo. A rima é consoante abrazada cada catro versos.
b) no nivel gramatical, o poema comeza cunha elipse verbal, repetida nos versos 1 e 16:"Un paso adiante i outro atrás, Galiza". Así céntrase a atención nos dous polos deste movemento pendular e no suxeito que a realiza, suprimíndose a forma verbal da acción. Deste xeito suxírese a inmobilidade.
O movemento pendular tradúcese gramaticalmente no uso de estruturas binarias:"un paso adiante i outro atrás", "suco vai, suco ven".
Hai tamén paralelismo entre dous versos referidos á frustración das ilusións: "i a tea dos teus sonos non se move", "a espranza nos teus ollos se espreguiza".
c) no nivel léxico-semántico, o campo semántico dominante é o da vida rural: aran, bois, suco, camiños, prados ...
Os topónimos indican o espazo concreto: Galiza, Parga, Pastoriza ... Os fenómenos naturais complementan esa asociación semántica: chuva, chove, desorballando ...
Como recursos deste nivel hai metáforas: os "pasos" son saltos cualitativos na evolución social; "a tea dos sonos" equivale ó conxunto das aspiracións de Galiza. A emigración está suxerida pola metonimia "bruar de navíos". O lento transcorrer do tempo non se ve alterado polos constantes "pasos" adiante e atrás que se anulan.
Tamén aparecen prosopopeas que humanizan a natureza e a Deus, únicas forzas nas que parece confiar o poeta: "a esperanza se espreguiza", os camiños "traerán a xente" ..., "o outono vaise enterrando".
d) no nivel pragmático, o emisor está fóra do texto, é omnisciente, pois domina de maneira panorámica a xeografía de Galicia e tamén as súas interioridades anímicas. O único receptor directo é Galicia, a quen se dirixen as dúas primeiras estrofas e é tamén o personaxe do poema.
A estrutura é circular pois o poema abre e pecha coas mesmas palabras. A estrutura interna réxese por un movemento pendular que non significa avance, nin sequera permanencia, senón atraso.
O poema foi unha chamada de atención para espertar as conciencias dos seus coetáneos sobre a Galicia real. Eles entendérono e sentíronse identificados con el. De aí o seu éxito.

A información deste comentario está tirada na súa maioría do libro Comentário de textos literários, de varios autores, Ed. Alhena, Madrid, 1986.

Unha das versións musicadas do texto podedes vela aquí: