Mostrando entradas con la etiqueta traballos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta traballos. Mostrar todas las entradas

sábado, 14 de noviembre de 2015

Semana de Samaín de luxo

Hoxe, finalmente, puidemos gozar no Instituto coa música e coas latricadas de Sés. Supoño que a súa linguaxe rompedora impactaría bastante os rapaces. Esperemos que dea os seus froitos. Creo que as cabezas ben amobladas deberían ser os modelos a seguir pola xente nova.
Para lembrar este gran día e esta grande artista coruñesa, vou colgar un vídeo e tamén me gustaría reproducir a letra da súa canción "Non son fada nin princesa", que é das miñas preferidas.


Tamén se expuxeron no corredor as cabazas decoradas polo alumnado este ano. Volveu gañar o premio Adrián Álvarez, que se esmera neste tipo de traballos. A súa é a primeira.









O alumnado de 2º ESO escribiu contos de medo. Expoñeremos e colgaremos os mellores.

domingo, 4 de octubre de 2015

Poesía sobre paxaros

No pasado curso 2014-2015 traballamos en 1º de ESO a creatividade literaria na actividade chamada "Maio de Letras". Despois da falarmos das características da linguaxe poética, para celebrarmos o Día das Letras Galegas, propuxémoslle ao alumnado que fixese poemas breves dedicados a  paxaros.

Fixemos un mural que expuxemos no corredor do instituto. Vou colgar algúns dos resultados.

O pardal

Roubas trigo no poleiro
e millo na miña leira.
Pardal, ladrón do grao
que comprei o luns na feira.

Tes o niño nun furado
baixo da miña escaleira
con catro parrulos pelados,
que plumas nin a primeira.

Vas da parede ao tellado
e do tellado á figueira,
da figueira ao chan
e do chan á cerdeira.

Traballa, pardal, traballa,
coma a túa compañeira.
Saca eses polos adiante
para que túa dona te queira.

 David

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY -SA (Fedaro)


Cegoña da alta árbore,
branca e negra es.

Grandes ás para longas viaxes
ata chegar a esta verde paisaxe.

Niño fas en xaneiro 
e en agosto te vas.
Ti tes un gran peteiro
para aos cegoñinos fartar.

Cegoña da alta árbore,
branca e negra es.

Saúl

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY -SA (Kadellar)

O CORVO

Meu paxariño,
meu corviño,
que traes vestidiño
moi negriño. 

 Imaxe extraída da Wikipedia. CC - BY - SA (Drow)

Rubén López

O PAPAGAIO
forte e delgado
voa pola pradeira.
O papagaio,
forte e delgado.

Ariadna

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY (Flickr upload)


A CEGOÑA

No alto, vixiante,
está a cegoña pensante.
Vén desde lonxe
a terra de camiñantes.
 A cegoña, no alto,
failles compaña no campo.
Ten o seu niño 
a carón do río.

No espello da auga
vese a cegoña branca.

Carlos

Tamén colgo un meu sobre o paporrubio, en lembranza do que nos fai compaña cando imos á casa da aldea, voando a carón da cociña e pousándose nas árbores á nosa vista.

De póla en póla
vai pola eira.
Voa e revoa
sobre a pradeira.

De pronto pousa
nunha cancela
ou busca inquedo
a compañeira.

Fixo o seu niño
nunha maceira.
Cría os poliños;
fai a súa xeira.

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (PierreSelim)


viernes, 8 de mayo de 2015

De Letras Galegas

En 3º de ESO fixeron presentacións sobre o autor homenaxeado este curso, Xosé Fernando Filgueira Valverde. Polo momento, vou colgar a primeira, de Julia Álvarez. A seguinte é de Adrián Álvarez.



Letras Galegas 2015 from emexe199




Tamén vou colgar o pasapalabra sobre o autor feito polo CEIP A Ponte (Lugo), ademais de vídeos sobre o autor:







lunes, 30 de marzo de 2015

Día de Rosalía 2015

Seguindo a proposta da AELG, este ano celebramos o Día de Rosalía facendo vídeos co lema "Eu son Rosalía".

O alumnado de1º de ESO fixo estes vídeos:






viernes, 27 de febrero de 2015

Compoñendo coplas de entroido

Este ano traballamos a caricatura en 3ª de ESO, partindo do texto de V. Risco da descrición de don Celidonio. Logo redactaron algunhas caricaturas sobre personaxes de actualidade. Yuri pintou unha caricatura de Pujol e eu redactei un texto relacionado con ela.
Podedes lelo:

Éche un home pequeniño;
visto desde atrás 
parece un meniño 
de doce anos non máis.

E se pon chistera
parece un calquera
mais a ti quen che dera
o farroco que el leva.

Viaxa a Suíza;
seica porta visa
e nos Pireneos
soe descansar.

Se algo lle preguntan
coa súa voz dispara
e coa cara dura
as críticas acala.

Gústanlle os honores,
gasta moito en flores
para a Ferrusola
contentar.

Eles fixeron un trato:
- Imos o mundo poboar;
aos nosos filliños da alma
nada lles pode faltar.

Paseando en Ferrari,
tamén en Jaguar,
que eles non son xente
como os demais!
Que eles non son xente
nada nada vulgar!!!

Tamén compuxen outra sobre o "amor ao diñeiro", moi de moda nos últimos tempos. Ata protagonizou no xornal "La Voz de Galicia" a viñeta do Día dos namorados.
Velaí a tedes:

A que sabe o diñeiro?
Gústalle a todo larpeiro;
sabe mellor que a cachucha 
e o chourizo ceboleiro.

Gustáballe a Zapatero.
 Subía os emolumentos
que de xeito vitalicio
pagan todos os seus vicios.

Dáse agora o paradoxo
de que un que Fraile lle chaman
gastaba millóns de euros
facendo o tranvía a Parla. (*)

Outrosí en Andalucía
o pelo ben lles lucía;
con tantos cursos pantasma
ían todos de parranda.

Por iso non nos estraña,
chamándose Monedero,
que o gusto polo diñeiro
o leve ao vertedeiro.(**)

E se de Wert imos falando
vemos que a todos "regala"
másteres dun bo pico de euros
polo que era unha ganga.

Con estes políticos
imos todos aforrar; 
eles levan o diñeiro
e nós imos traballar!


* Fraile foi obrigado a dimitir polo sobrecusto da construción do tranvía a Parla (Madrid)
** Monedero foi noticia por problemas con Facenda polos cartos percibidos do goberno de Venezuela (non sabemos como rematará a cousa!)


sábado, 14 de febrero de 2015

Día da Paz

Este curso para celebrar o Día da Paz o alumnado de 1º de ESO fixo co profesor de Atención Educativa, Fabio, esta pomba:



En 2º de BAC estabamos explicando a poesía de posguerra e comentamos os poemas "Cunetas" de Luís Pimentel e "Poema Nuclear" de Celso Emilio Ferreiro e reflexionamos sobre as consecuencias das guerras para a poboación civil. 
Velaí vos vai o texto:

Cunetas, Luís Pimentel

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

...........................................

Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non teréi palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.

------------------------ Lugo, marzo, 1937


Herrero Figueroa, Araceli (1981): Luis Pimentel: Obra inédita o no recopilada. (Lugo: Ediciones Celta)




Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Iago Pillado)

jueves, 15 de enero de 2015

Manualidades de Nadal

    Este ano por Nadal fixemos algunhas manualidades nun taller que realizamos o derradeiro día antes das vacacións nos cursos de 1º de ESO e 3º de ESO.
    Consideramos que as manualidades permiten desenvolver destrezas e colaborar mellorando as relacións interpersoais e tamén permiten amosar e desenvolver  a propia creatividade. Dende logo, cun pouco empeño e non moitos materiais (algúns reciclados, como cartóns de papel hixiénico ou de papel de cociña, paus de xelados, estropallo...) saen algunhas cousas decentes. Velaí tedes unha mostra.









   O boneco realizárono os alumnos de Atención Educativa de 1º de ESO con Fabio. Tamén contamos coa colaboración de Gonzalo, profesor de plástica e da orientadora, Noah.

sábado, 10 de enero de 2015

Máis literatura popular

    A insistencia no interese que presenta a literatura popular e o feito de recollela volveu dar froito na interesante cantiga que aportou Rubén López Rodríguez, de 1º de ESO. A fonte foi súa avoa, Josefa López Martínez, de 72 anos, de Santa Cruz.
   Trátase dun parrafeo, unha cantiga dialogada entre dous mozos que pretenden. Presenta algunhas formas dialectais (andais, gastais, sois, pareceis, tu, algua) e algún castelanismo (calaveras, válganos Dios, clavei) e vulgarismo (pa, pos, salú).

   Velaí vos vai:

Un domingo pola tarde
cosendo estaba Carmiña,
sentada na aira ao sol
e cantando a Maruxiña.

Por detrás dela estaba
un rapaz que lle dicía:
- Estás contenta, Carmiña?
Pos Dios nos dea alegría!

- Válganos Dios, Manolo,
que a fe me metiches medo,
que co susto que levei
clavei a agulla nun dedo!

- Pois non te asustes, Carmiña,
que eso ben o sabes tu,
que ó meu lado non pereces
mentres Dios me dea salú.

- Quen se fía dos rapaces
que sodes o quinto demo
que pa engañar as mozas
pareceis anxiños do ceo.

- ( E vós ) andais apretadiñas,
pareceis (uns) parafusos,
e o que sois as rapazas...
sodes un fato de bruxas!

- E vós como as gastais,
porque sois (uns) calaveras
porque o ganao non vos chega
pa(ra) andar en borracheras.

- Tes unha lengua, Carmiña,
que a fe che chega pa sete.
Cando me viches borracho
pa dicir o que dixeche?

- O día 2 de febreiro,
polo día de San Blas
que me pediches un bico
e algua cousiña máis.

- Non cho pedín por borracho
nin por cousa parecida;
pedincho para saber
se algún cariño me tiñas!


(Imaxe extraída de taringa.net)




jueves, 20 de noviembre de 2014

Traballos de outono

Velaí algúns dos traballos realizados polo alumnado para celebrar o Samaín ou a propósito do outono no presente curso.

Os alumnos de 1º de ESO fixeron poemas coa axuda de Fabio, o profesor de Atención Educativa, que os ilustrou.









Outros alumnos de 1º de ESO e 3º de ESO realizaron diversos traballos como murais, contos ou tallaron cabazas para o Samaín.
















sábado, 8 de marzo de 2014

Coplas de entroido I.

O 28 de Febreiro houbo no instituto actividades de entroido. Bailaron os rapaces; os bailes e coreografías foron variados e vistosos. Recitaron coplas de entroido e contaron un conto (alumnado de 3º de ESO). Tamén houbo concurso de disfraces.
Degustamos doces destas datas que elaboraron as nais do alumnado de 4º de ESO.
Velaí unha das coplas, feita por Sandra, Andrea, Judith, Brenda e Sabela, de 3º.

Carnaval, carnavaliño,
hai festa no muíño;
veñen todos, ata o gato,
para pasar un bo rato.

Que vén o carnaval, 
todos queren cantar;
coas mans na cabeza, 
corremos a bailar.

Os disfraces son moi grandes,
son máis grandes ca os Andes,
de cores e deslumbrantes,
non coma os que había antes.

Vestirme de piruleta,
de zombie ou de chaqueta;
como imos gozar
neste máxico carnaval.

Vístete do que queiras,
como se vas de quenlla;
o que conta é saltar,
e un bo rato pasar.

Xogos para os nenos,
que ben o pasaremos,
comendo a merenda;
a ver quen acaba de primeira.

Poñemos antefaces,
con bonitos disfraces.
Doeranos a barriguiña
de comer tanta filloíña.

No carnaval hai flores
para comer na cea.
Non podemos parar,
que moi boas están.

Os nenos no carnaval,
divírtense que dá gusto.
O único motivo que hai
é que andan ao lusco fusco.

Tomade un pouco de fariña,
para facer unha orelliña.
Quero que chegue o carnaval,
para facer un gran festival.

Velaí a bandexa de doces realizada por 4º e outros postres tradicionais do Entroido.



sábado, 8 de febrero de 2014

Fotos do Samaín 2013-14.











Contos e lendas do alumnado II: Bos días.

Hoxe cheguei moi cedo ao instituto. A porta da entrada estaba aberta, pero todas as luces estaban apagadas.
Decidín subir a clase a ver se chegara algún compañeiro. Polos corredores non se vía nada; tiven que utilizar a lanterna do móbil para non tropezar.
Ao chegar a clase vin que non había ninguén. Deixei a mochila e saín para fóra, pero á carón dos baños vin unha sombra cuns ollos amarelos brillantes fitándome de maneira ameazante.
Saín correndo ata chegar á porta da entrada, que estaba cerrada. Dei a volta e de novo tropecei coa sombra de terroríficos ollos amarelos. Esta dicíame:
- Iván..., Iván..., esperta que xa son as oito.

Autor do conto: Iván González García, 1º Bac, Curso 2013-14.

Contos e lendas do alumnado I: A Maruxiña.

A Maruxiña era unha nena que vivían en Bustelo de Lor, preto do castro. Un día, mentres paseaba polos arredores, unhas mouras raptárona e agochárona no castro.
Ao ver que anoitecía e a nena non voltaba á casa, a súa nai preocupose moito e decidiu ir buscala. Chamouna berrando:
- Maruxiña! Maruxiiiiiiña!
Ao pouco tempo, saíu do castro unha moura de longos cabelos louros adornada cunha chea de impresionantes xoias de ouro e díxolle:
- Non hai Maruxiña nin Maruxón, que está picada no meu barreñón!
Entón a nai botouse a chorar, desesperada, e a moura díxolle que se quería volvela ver, tería que traerlle o ubre dunha vaca.
A muller, moi apesarada, volver correndo á casa e foi á corte e colleu a mellor vaca que tiña e quitoulle o ubre.
Ao chegar ao castro, a moura estaba agardándoa. Ela entregoullo e, como por arte de maxia, saíu a Maruxiña dunha abertura no chan do castro, toda descolorida e con cara de terror, e correu cara a súa nai.

 Imaxe extraída da Wikipedia: CC- BY- SA (Lmbuga)

Lenda recollida por: Antía Rodríguez Casanova, 4º ESO, Curso 2012-13.