viernes, 27 de febrero de 2015

Compoñendo coplas de entroido

Este ano traballamos a caricatura en 3ª de ESO, partindo do texto de V. Risco da descrición de don Celidonio. Logo redactaron algunhas caricaturas sobre personaxes de actualidade. Yuri pintou unha caricatura de Pujol e eu redactei un texto relacionado con ela.
Podedes lelo:

Éche un home pequeniño;
visto desde atrás 
parece un meniño 
de doce anos non máis.

E se pon chistera
parece un calquera
mais a ti quen che dera
o farroco que el leva.

Viaxa a Suíza;
seica porta visa
e nos Pireneos
soe descansar.

Se algo lle preguntan
coa súa voz dispara
e coa cara dura
as críticas acala.

Gústanlle os honores,
gasta moito en flores
para a Ferrusola
contentar.

Eles fixeron un trato:
- Imos o mundo poboar;
aos nosos filliños da alma
nada lles pode faltar.

Paseando en Ferrari,
tamén en Jaguar,
que eles non son xente
como os demais!
Que eles non son xente
nada nada vulgar!!!

Tamén compuxen outra sobre o "amor ao diñeiro", moi de moda nos últimos tempos. Ata protagonizou no xornal "La Voz de Galicia" a viñeta do Día dos namorados.
Velaí a tedes:

A que sabe o diñeiro?
Gústalle a todo larpeiro;
sabe mellor que a cachucha 
e o chourizo ceboleiro.

Gustáballe a Zapatero.
 Subía os emolumentos
que de xeito vitalicio
pagan todos os seus vicios.

Dáse agora o paradoxo
de que un que Fraile lle chaman
gastaba millóns de euros
facendo o tranvía a Parla. (*)

Outrosí en Andalucía
o pelo ben lles lucía;
con tantos cursos pantasma
ían todos de parranda.

Por iso non nos estraña,
chamándose Monedero,
que o gusto polo diñeiro
o leve ao vertedeiro.(**)

E se de Wert imos falando
vemos que a todos "regala"
másteres dun bo pico de euros
polo que era unha ganga.

Con estes políticos
imos todos aforrar; 
eles levan o diñeiro
e nós imos traballar!


* Fraile foi obrigado a dimitir polo sobrecusto da construción do tranvía a Parla (Madrid)
** Monedero foi noticia por problemas con Facenda polos cartos percibidos do goberno de Venezuela (non sabemos como rematará a cousa!)


No hay comentarios:

Publicar un comentario