viernes, 27 de febrero de 2015

Compoñendo coplas de entroido

Este ano traballamos a caricatura en 3ª de ESO, partindo do texto de V. Risco da descrición de don Celidonio. Logo redactaron algunhas caricaturas sobre personaxes de actualidade. Yuri pintou unha caricatura de Pujol e eu redactei un texto relacionado con ela.
Podedes lelo:

Éche un home pequeniño;
visto desde atrás 
parece un meniño 
de doce anos non máis.

E se pon chistera
parece un calquera
mais a ti quen che dera
o farroco que el leva.

Viaxa a Suíza;
seica porta visa
e nos Pireneos
soe descansar.

Se algo lle preguntan
coa súa voz dispara
e coa cara dura
as críticas acala.

Gústanlle os honores,
gasta moito en flores
para a Ferrusola
contentar.

Eles fixeron un trato:
- Imos o mundo poboar;
aos nosos filliños da alma
nada lles pode faltar.

Paseando en Ferrari,
tamén en Jaguar,
que eles non son xente
como os demais!
Que eles non son xente
nada nada vulgar!!!

Tamén compuxen outra sobre o "amor ao diñeiro", moi de moda nos últimos tempos. Ata protagonizou no xornal "La Voz de Galicia" a viñeta do Día dos namorados.
Velaí a tedes:

A que sabe o diñeiro?
Gústalle a todo larpeiro;
sabe mellor que a cachucha 
e o chourizo ceboleiro.

Gustáballe a Zapatero.
 Subía os emolumentos
que de xeito vitalicio
pagan todos os seus vicios.

Dáse agora o paradoxo
de que un que Fraile lle chaman
gastaba millóns de euros
facendo o tranvía a Parla. (*)

Outrosí en Andalucía
o pelo ben lles lucía;
con tantos cursos pantasma
ían todos de parranda.

Por iso non nos estraña,
chamándose Monedero,
que o gusto polo diñeiro
o leve ao vertedeiro.(**)

E se de Wert imos falando
vemos que a todos "regala"
másteres dun bo pico de euros
polo que era unha ganga.

Con estes políticos
imos todos aforrar; 
eles levan o diñeiro
e nós imos traballar!


* Fraile foi obrigado a dimitir polo sobrecusto da construción do tranvía a Parla (Madrid)
** Monedero foi noticia por problemas con Facenda polos cartos percibidos do goberno de Venezuela (non sabemos como rematará a cousa!)


sábado, 14 de febrero de 2015

Sobre as mázcaras e o entroido

En moitos lugares estanse a revitalizar as tradicións do entroido galego. Isto permítenos descubrir a súa beleza e grandiosidade. O entroido galego conta con tradicións e figuras propias e características. Na festa a participación comunitaria é unha clave relevante. Abunda a diversión, subvértense todo tipo de normas, é frecuente a sátira e a burla e o pobo mostra a súa creatividade.
Buscando información sobre o tema, atopei un blog interesante: o da Sociedade Galega de Antropoloxía, que está a investigar sobre esta festa, dando a coñecer a nosa cultura ao resto de España e tamén no exterior.

Na publicación EnComún podemos ler que o Entroido Ribeirao estará presente en Lisboa nun encontro sobre entroidos ancestrais de Europa.

En La Voz de Galicia do 1 de Febreiro de 2015 podemos observar a espectacularidade dalgunhas tradicións que seguen manténdose actualmente, como o Colgamento do Meco en Xinzo de Limia.

Manter as tradicións e a cultura propia ten ademais un valor económico: no sur de Ourense, a hostelería obtén importantes beneficios durante estas datas grazas á chegada de visitantes.



Os felos de Maceda foron considerados por primeira vez este ano como entroido de Interese Turístico Galego.




Todas as imaxes foron extraídas de La Voz de Galicia.


Ademais, este ano, tivemos oportunidade de ver ao alumnado de Bacharelato mentres botaba unhas carreiriñas perseguido e tisnado polo oso de Salcedo e os seus criados. Aí vos deixo un vídeo.




Entroido

Para celebrar o Entroido o alumnado de 1º de ESO elaborou o compadre con roupas vellas, xornais, medias, cartón... Colocámolo na entrada do centro o día dos Compadres (xoves 5 de Febreiro). Bautizámolo co nome de Xan.






Para o xoves de Comadres fixemos o mesmo coa comadre, á que lle puxemos o nome de Carmucha. Os dous quedaban agardando para iren ás festas. Esperamos que as disfruten coma todos vós.



Ademais, o alumnado de 1º de ESO, fixo traballos sobre os entroidos tradicionais. En 3º de ESO, traballamos a caricatura literaria sobre personaxes de actualidade.





Día da Paz

Este curso para celebrar o Día da Paz o alumnado de 1º de ESO fixo co profesor de Atención Educativa, Fabio, esta pomba:



En 2º de BAC estabamos explicando a poesía de posguerra e comentamos os poemas "Cunetas" de Luís Pimentel e "Poema Nuclear" de Celso Emilio Ferreiro e reflexionamos sobre as consecuencias das guerras para a poboación civil. 
Velaí vos vai o texto:

Cunetas, Luís Pimentel

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

...........................................

Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non teréi palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.

------------------------ Lugo, marzo, 1937


Herrero Figueroa, Araceli (1981): Luis Pimentel: Obra inédita o no recopilada. (Lugo: Ediciones Celta)




Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Iago Pillado)