Mostrando entradas con la etiqueta maio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta maio. Mostrar todas las entradas

domingo, 4 de octubre de 2015

Poesía sobre paxaros

No pasado curso 2014-2015 traballamos en 1º de ESO a creatividade literaria na actividade chamada "Maio de Letras". Despois da falarmos das características da linguaxe poética, para celebrarmos o Día das Letras Galegas, propuxémoslle ao alumnado que fixese poemas breves dedicados a  paxaros.

Fixemos un mural que expuxemos no corredor do instituto. Vou colgar algúns dos resultados.

O pardal

Roubas trigo no poleiro
e millo na miña leira.
Pardal, ladrón do grao
que comprei o luns na feira.

Tes o niño nun furado
baixo da miña escaleira
con catro parrulos pelados,
que plumas nin a primeira.

Vas da parede ao tellado
e do tellado á figueira,
da figueira ao chan
e do chan á cerdeira.

Traballa, pardal, traballa,
coma a túa compañeira.
Saca eses polos adiante
para que túa dona te queira.

 David

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY -SA (Fedaro)


Cegoña da alta árbore,
branca e negra es.

Grandes ás para longas viaxes
ata chegar a esta verde paisaxe.

Niño fas en xaneiro 
e en agosto te vas.
Ti tes un gran peteiro
para aos cegoñinos fartar.

Cegoña da alta árbore,
branca e negra es.

Saúl

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY -SA (Kadellar)

O CORVO

Meu paxariño,
meu corviño,
que traes vestidiño
moi negriño. 

 Imaxe extraída da Wikipedia. CC - BY - SA (Drow)

Rubén López

O PAPAGAIO
forte e delgado
voa pola pradeira.
O papagaio,
forte e delgado.

Ariadna

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY (Flickr upload)


A CEGOÑA

No alto, vixiante,
está a cegoña pensante.
Vén desde lonxe
a terra de camiñantes.
 A cegoña, no alto,
failles compaña no campo.
Ten o seu niño 
a carón do río.

No espello da auga
vese a cegoña branca.

Carlos

Tamén colgo un meu sobre o paporrubio, en lembranza do que nos fai compaña cando imos á casa da aldea, voando a carón da cociña e pousándose nas árbores á nosa vista.

De póla en póla
vai pola eira.
Voa e revoa
sobre a pradeira.

De pronto pousa
nunha cancela
ou busca inquedo
a compañeira.

Fixo o seu niño
nunha maceira.
Cría os poliños;
fai a súa xeira.

Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (PierreSelim)


martes, 13 de mayo de 2014

Tradicións relacionadas coa celebración da primavera

O curso pasado comezamos a investigar sobre a tradición dos maios en Galicia e realizamos por primeira vez no centro un maio, coa colaboración do Seminario de Tecnoloxía, entre os alumnos de 1º ESO e 4º ESO PDC e o profesorado de Lingua Galega. A cousa estivo animada: fíxose un maio figurativo con materiais recollidos no entorno que quedou bastante ben;  recitáronse cantigas dos maios (coa participación do alumnado de 1º e 3º de ESO) e asemade realizáronse outras actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas (como lecturas de textos teatrais do autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, realizadas polo alumnado dos diferentes cursos). Para amenizar o acto, incluíronse tamén audicións de música galega, separando as distintas partes da actuación dos alumnos.
No presente curso, o alumnado de 3º de ESO buscou información sobre outras tradicións europeas ou mundiais de celebración da chegada da primavera e iso permitiunos coñecer, á parte dos maios, tradicións doutros pobos que teñen que ver cos ciclos de renovación da vida e dos froitos que se dan en diferentes lugares e que contan con orixes moi antigas.
Os estudosos falan de que estas tradicións, con diferentes festas e ritos, se remontan á Prehistoria e tamén teñen relación co mundo grecorromano (culto a Ceres, Demeter, maia...).
Clodio González Pérez divide estas celebracións en agrarias e lúdicas ou festivas.
Entre as primeiras están algunhas como a de alumear o pan (que tiña por finalidade propiciar unha boa colleita), ou as enramadas (nas Rías Baixas hai a tradición de colocar ramos de xesta nas portas das casas o 1º de maio para afastar os malos espíritos; nos Ancares póñenllas ás vacas nos cornos e noutros lugares engalanan os barcos para propiciar un bo traballo).
Entre as segundas están os arcos de flores, os ramos de flores ou a árbore do maio (os mozos rouban unha árbore e colócana nunha praza, adórnana con flores e danzan arredor dela; a tradición ten relación coas cucañas que se fan en Castela; os mozos agatuñan pola árbore para obter a recompensa) e tamén os maios.
En canto aos tipos de maios, tradicionalmente falábase de dous: os humanos (un grupo de mozos cubertos de plantas e flores case por completo percorren as rúas cantando os maios; está vivo por ex. en Vilafranca do Bierzo) e os figurativos. Recentemente engadiuse outro tipo: os maios artísticos (reproducen escenas relacionadas coa vida cotiá do noso pobo con detalle e grande elaboración).
O noso será un maio figurativo, de forma cónica, feito cunha armazón de madeira e canas e rematado nunha cruz.

Finalmente, este ano empregamos no maio materiais como bugallos (Mari, a traballadora do bar e nai dun alumno, de San Clodio, díxonos que lles chamaban cantarolas, polo ruído que facían ao tiralas ao chan xogando, a modo de canicas; Xulia, alumna de 2º ESO recolleu algúns e tróuxoos), pampillos (as flores amarelas que se ven na 1ª foto), margaridas silvestres, fiúncho (=fiollo), fabacas, xestas, queiroas e piornos, rosas e calas. Na súa elaboración participou alumnado de 2º ESO e de 3º de PDC.

Recitamos poemas como O maio  de Manuel Curros Enríquez e algún outro máis.

                                   Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Flickr upload bot)