martes, 26 de junio de 2018

Comentario dun poema de Avilés de Taramancos

PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE
Todo canto amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.

Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu un namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.

De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.

E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primaveira.
Pequeno canto (1959).



O texto dedicoullo o autor a Fina Barrios, o seu amor adolescente, que morreu en plena xuventude.
Trátase de poesía lírica de temática intimista na que fala dos seus sentimentos, lembrando con nostalxia as vivencias de plenitude que compartiu coa amada. Todo iso desapareceu coa súa súbita morte. A perspectiva adoptada é a da 1º persoa.
En canto á estrutura, pódese falar de dúas partes:
- a 1ª son as dúas primeiras estrofas. Nelas fala da vida plena da que gozaba na súa xuventude, que rematou perdendo.
- a 2ª son as dúas seguintes. Fala da chegada da amada, que lle dá ganas de vivir, pero que tamén supón o fin da felicidade.
Podemos falar de estrutura circular xa que se repite a mesma expresión no inicio das dúas partes do texto: "todo canto amei".
Se analizamos a linguaxe con máis detemento, vemos que hai abundantes metáforas ou imaxes:
a) "a luz clara e vibrante da miña xuventude"
A xuventude asóciase á luz porque se entende que é unha etapa feliz, emocionante, esperanzadora, en que un ten todo por diante e moitas posibilidades que se abren. "Luz clara é un epíteto". E o adxectivo "vibrante" sería unha sinestesia: a luz percíbese pola vista; algo vibrante percíbese polo oído.
Todo ao seu redor amosa harmonía, sosego: "os bosques entrañables perfeitos de quietude". Pode entenderse como o "locus amoenus", o ambiente idílico propicio ao amor. Neles sitúa o vento, personificado, que se entretén e vive "un lecer antigo".
b) A seguinte estrofa segue expresando a plenitude da súa vida nese momento, con  outra metáfora mesturada co hipérbato: "entón era o silencio o meu mellor amigo"; a continuación vén:"era eu un namorado de todo canto vía"( anáfora "era"), "vivir era unha leda fermosa moradía". Todas estas metáforas falan dunha vida tranquila e tamén dunha actitude expectante ante as novas experiencias que van vindo e de felicidade. Todas esas vivencias aparecen situadas no pasado (uso do pret. imperfecto:era). "O mencer entraba recendendo a pantrigo" é unha personificación. Quere dicir que a chegada do día percibíaa grazas ao recendo do pantrigo recén cocido.Pode haber tamén sinestesia: o día percíbese pola vista, a luz, que el mestura coa sensación olfactiva.
c) Na terceira estrofa hai novas metáforas ou imaxes: a amada é identificada cun "caraveliño feble en terra ventureira", destacando a beleza e a fraxilidade física. A súa chegada fai que el sinta optimismo: "abrín unha nova fiestra para o día". De novo aparece a luz cun significado simbólico: connota positividade, felicidade.
d) O ton muda na última estrofa, onde volve aparecer "todo canto amei + pretérito" e iso identifícase cunha "lumieira". É dicir, o poeta considera que o amor foi tan breve e tan fugaz que case é algo irreal, unha especie de espellismo. A seguinte metáfora: todo canto amei foi "a fouce tan íntima que de cote se afía para ceifar dun pulo brutal a primaveira". Quere dicir que desde o comezo do seu amor xa había unha especie de ameaza para os namorados: a morte. A fouce simboliza a morte e a primavera refírese á xuventude.
Na linguaxe deste texto destaca ademais a coidada adxectivación, ás veces con varios adxectivos antepostos a un nome (ex. leda fermosa moradía), polo que adquiren un valor subxectivo.
 Mediante o uso de imaxes e simbolos o autor logra expresar a fondura dos seus sentimentos e a brutal pegada que supuxo para el a morte da súa amada en plena xuventude.

Noraboa aos que no exame fixestes un bo comentario deste texto: Carlos e Lola, de 4º de ESO. Espero que sigades gozando do gusto de ler e da boa poesía!

No hay comentarios:

Publicar un comentario