martes, 26 de junio de 2018

Morre Xavier P. do Campo. Recomendación: lectura para o verán

Lemos con sorpresa en Sermos Galiza a nova da morte do escritor Xavier P. Do Campo e a derradeira entrevista que lle fixeron. Este ano tivemos a oportunidade de ler o seu derradeiro libro, a novela para adultos A nena co abrigo de astracán (Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de narrativa de 2017), publicada por Xerais, que vos recomendo vivamente ler, se queredes saber máis sobre o escritor e sobre o noso pasado.
O autor é coñecido especialmente pola súa aportación á literatura infantil e xuvenil, sendo os seus libros traducidos a varios idiomas e gañando premios mesmo nacionais (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995 por Cando petan na porta pola noite).
En 2º de ESO lemos este curso A casa da luz, que lles gustou bastante aos rapaces e sobre a que hai unha película.
Podedes ver un tráiler aquí.
Nos xornais segue o eco do recordo dos escritores que compartiron vivencias e ilusións con Xavier P. Do Campo. Por ex. en Praza pública colgaron varios vídeos. En Sermos Galiza aparecen valoracións dos seus colegas escritores.
Déixovos a opinión da crítica sobre a derradeira novela e tamén vos vou poñer a miña.



Lin a novela dun tirón en tres días. Creo que é a que máis me gustou sobre esta época da posguerra das que levo lido. Os protagonistas son os nenos, o cal é un acerto do autor. Fíxome pensar na xeración de meus pais, "nenos da guerra" coma os protagonistas. Meus pais non foron nenos abandonados, pero si viviron unha época dura nun ambiente hostil. Meu pai foi orfo da guerra, ao morrer seu pai na fronte cando tiña tres anos, e pouco despois, aos doce, morría súa nai. Quedou ao coidado dos avós, pero aínda así tivo que vivir circunstancias duras que puxeron en risco a súa saúde. Pola súa banda, miña nai criouse nunha familia numerosa, sendo a maior das irmás, polo que pouco puido asistir á escola, pois tiña que coidar deles. Seu pai foi a dúas guerras: a de África e a Civil, pero tivo a fortuna de regresar. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario