viernes, 13 de enero de 2017

Ampliando o noso vocabulario

Nestas datas son tempos da caída da folla, de paisaxes outonais de enorme beleza e con esta desculpa imos tratar o tema dos nomes das árbores e arbustos en galego, para contibuírmos ao coñecemento do medio que nos rodea. En todos os cursos e en todas as etapas podemos ir dando pasiños para dominar mellor o léxico da nosa lingua. Nesta época do ano obsérvanse aínda con claridade os distintos tipo de folla, o carácter de árbore perenne ou caduca, só con prestarmos un pouco de atención ao que temos ao noso arredor.
Vou poñer por orde alfabética os nomes das árbores e arbustos máis correntes en Galicia coa correspondente definición. Vou evitar no posible o exceso de termos científicos e incluír algúns datos que nos poden servir para identificalos dun xeito doado. Tamén colgarei algunhas fotos.

abeleira árbore que ten como froito as abelás, célebre por saír nas cantigas de amigo chamadas bailadas.
abruñeiro árbore da familia das rosáceas que ten como froito o abruño, unha especie de ameixa brava.
acacia árbore que florece en primavera, ten flores en acios de cor amarela que logo dan unhas sementes nunha especie de vaíña. É invasora. Moi vistosa nas beiras do Sil. Tamén hai a chamada falsa acacia, que ten flores brancas en acio e follas compostas redondeadas,
aciñeira árbore parecida ao carballo.
acivro arbusto con follas espiñentas e froitos vermellos en forma de baia, antigamente empregado como adorno por Nadal, actualmente é unha especie protexida,
ameixeira árbore da familia das rosáceas que ten como froito a ameixa.
amieiro ou ameneiro árbore que medra nas beiras dos ríos ou outros lugares húmidos.
bevereira árbore semellante á figueira que produce béveras.
bido, bidueiro árbore cadicufolia con casca de cor branca e follas triangulares. Antigamente a súa madeira empregábase para facer paus de zoco e hogano aínda se emprega para afumar e curar os queixos de San Simón en Vilalba.
buxo arbusto do xénero Buxus , de follas perennes, flores sen corola e froitos nunhs cápsula. Emprégase en sebes de xardíns. Medra lentamente e a madeira é moi dura polo que se emprga para facer instrumentos musicais. Na fraseoloxía está presente en frases como "estar san coma un buxo": estar forte, robusto.
capudre árbore característica da alta montaña. As follas parécense ás do freixo e bota unhas vistosas baias vermellas.
castiñeiro árbore de gran porte que produce castañas e madeira. Esta emprégase para facer mobles.
carballo árbore de folla caduca moi abondosa en Galicia. Produce landras e dela faise leña para quentarse no inverno ou secar os chourizos.
carqueixa arbusto de flores amarelas que medra nos montes. Empregábase para estrume dos animais.
caxigo carballo novo.
cerdeira árbore da familia das rosáceas que produce as cereixas.
chopo árbore de madeira branca e branda. Medra en lugares húmidos, crece con rapidez. Tamén chamado lamigueiro, olmo ou ulmeiro.
ciroleira árbore da familia das ros´ceas. produce as cirolas.
codeso arbusto de pouca altura, con flores amarelas.
concheiro Tamén chamado nogueira. produce os conchos ou noces. É de folla caduca.
érbedo ou erbedeiro medra en montes e produce os érbedos. Estes empréganse para elaborar licores e doces ou como comida dos paxaros.
escambrón arbusto espiñento da familia das rosáceas, con copa arredondada  e densa, flores brancas e froitos en baga de cor vermella. Tamen chamado estripeiro.
espiño arbusto ou árbore que se atopa nos lindeiros ou prados, con flores brancas que florecen en primavera e picos no talo. Tamén chamado espiño albar.
estripeiro escambrón.
faia árbore da familia das fagáceas, da que quedan poucas en Galicia, haina en Quiroga. É caducifolia, con casca grosa de cor gris e follas verde cinsento.
fatoeiro árbore da familia das rosáceas. ten como froito o fatón.
figueira árbore con toros retortos e grandes raíces- produce os figos.
freixo árbore que se emprega para madeira. Recoñécese polas súas follas compostas e as inflorescencias en forma de acio.
guindeira árbore da familia das rosáceas, cuxo froito é a guinda.
lamigueiro Outro nome é chopo.
laranxeira árbore con flores brancas moi recendentes que produce as laranxas.
limoeiro árbore que ten como froito o limón.
loureiro árbore de follas perennes, brillantes e verdes que se usan como condimento nalgúns pratos.
maceira árbore da familia das rosáceas que ten como froito a mazá.
marmeleiro árbore da familia das rosáceas que ten como froito o marmelo. En outono recóllese o seu froito para facer doce de marmelo.
melocotoeiro Tamén recibe o nome de pexegueiro. É unha  árbore froiteira que florece en primavera e produce o melotón.
mimosa árbore da familia das mimosáceas.
nespereiro árbore da familia das rosáceas. Ten como froito a néspera.
nogueira árbore caducifolia de bastante porte. Produce noces  tamén madeira.
oliveira árbore presente en Galicia en zonas como Quiroga, ten como froito a oliva, da que se extrae aceite.
pereira árbore rosácea que ten como froito a pera.
pexegueiro árbore de pouco porte, con flores rosadas que florecen en primavera. ten como froito o pexego.
piorno arbusto de pouca altura, con flores brancas que florecen en primavera.
piñeiro árbore perenne con follas en forma de agulla. O piñeiro manso produce piñóns, O bravo só madeira.
plataneiro árbore con bastante porte e con follas de gran tamaño. Emprégase para dar sombra en xardíns.
pradairo árbore con inflorescencias parecidas ás do freixo; as follas parécense ás do plataneiro. medra preto dos ríos.
queiroga arbusto de flores rosadas que medra nos montes, por ex, no Courel, florece en primavera.
rebolo carballo novo. Unha devesa de rebolos é unha reboleira.
sabugueiro árbore de pouco porte, con talos ocos, flores brancas que florecen por San Xoán e que logo dan uns froitos de cor viño en acios. Pódense comer en marmelada.
salgueiro árbore da familia das salicáceas. Emprégase para facer leña ou varas para os fréxeles.
sanguiño árbore ou arbusto de casca vermella. Cítao Curros no seu poema "Nouturnio".
sobreira árbore da que se extrae a cortiza, empregada para facer tapóns ou para outros usos.
teixo árbore conífera, produce unhas baias negras velenosas, famoso por ser empregado polos galegos no monte Medulio para matarse e non entregarse aos romanos.
tilleira árbore da que se extrae tila, fanse infusións coas súas follas e flores.
toxo arbusto de flores marelas moi característico de Galicia. Empregábase para estrume dos animais, para facer esterco.
ulmeiro árbore chamada tamén amieiro, ameneiro, lamigueiro.
uz arbusto de flores brancas que medra nas ladeiras das montañas. Os toros de uz empregábanos antigamente os xamoneiros que compraban xamóns polas casas para furar o xamón e comprobar que non estaba perdido.
vimbieiro ou vimieiro ou bieiteiro arbusto caducifolio da familia das salicáceas con ramas alongadas e flexibles, amarelas e follas lanceoladas. Dá o vime ou vimbio, empregado para facer mobles ou cestos (castelán mimbre).
xenebreiro árbore que prodece un froito en forma de baga do que se fai a xenebra. Tamén chamado cimbro.
xesta arbusto de flores amarelas e semente en vaíña, empregado para facer leña, por ex. para roxar o forno do pan cando se coce.
xilbarbeira arbusto de follas triangulares. espiñentas que bota unhas baias de cor vermella. Antigamente empregábano os varrendeiros para facer vasoiras.



No hay comentarios:

Publicar un comentario