viernes, 27 de abril de 2018

Charla de Pilar García Negro sobre Rosalía de Castro

Hoxe, 27 de abril de 2018, tivemos o honor de recibir no noso centro a ilustre profesora Pilar García Negro, que presentou Xosé Estévez, e que impartiu unha charla sobre Rosalía de Castro.
Falounos da importancia da obra rosaliana, que empezou con Cantares Gallegos, onde parte da poesía popular para falarnos de temas diversos, como amor, a emigración, a beleza da nosa paisaxe e da nosa lingua... E culmina con Follas Novas, que lle dá á autora relevancia de poeta universal.
Todo isto fóinolo explicando partindo da lectura e explicación do sentido de varios textos e poemas. Primeiro mencionou o prólogo de Cantares Gallegos, que amosa a faceta de Rosalía como ensaísta e como persoa plenamente consciente das intencións que pretende co seu traballo: amosar a beleza de Galicia e da súa lingua, fronte aos que a desprezan, reivindicar os seus valores. Logo leu e explicou poemas deste libro, como o que fala do papel que se atribúe ao home no amor e o papel da muller (pon en boca da muller estas palabras: o meu corazón che mando/ cunha chave para o abrir./ Nin eu teño máis que darche/ nin ti máis que me pedir. É dicir, os bos amores son aqueles en que non hai unha posición de dominio sobre a muller, os que permiten a esta manter a súa dignidade. O tema é ben actual!). Tamén comentou o poema "Castellanos de Castilla", sobre a emigración dos galegos para faceren a sega en Castela. Era un traballo duro e mal pago, onde os galegos deixaban literalmente a pel (o protagonista do poema morre e é a muller quen fai unha elexía ao seu amor e mostra o desprezo a Castela e á súa paisaxe, que contrapón á beleza da nosa terra. A protagonista é xa unha muller consciente que sabe quen é o inimigo, identifícao, o que é o primeiro paso para poder saír da súa situación.)
No caso de Follas Novas, explicou que de novo Rosalía era consciente da facer algo distinto do que fixera no primeiro libro. Que trata temas universais, o da emigración desde unha nova perspectiva: en
As viudas dos vivos e as viudas dos mortos, de Follas Novas. Fala das consecuencias sociais da emigración: as mulleres son as que deben levar a carga de todo pola falta dos homes. A pregunta Por que escribo? , no poema Silencio; os seus intereses como escritora noutro que fala da poesía feminina e a súa:" daquelas que cantan as pombas e as froles..." amosan unha nova temática. Por ser muller non renuncia a tratar calquera tema); a reivindicación de xustiza posta en voz dunha muller, aparece nun poema singular pola forza con que a muller se arrepón aos abusos, que non ten parangón en ningunha literatura ("A xustiza pola man", de Follas Novas). O poema Xan, fai unha inversión irónica dos papeis de home e muller.
A profesora fixo énfase tamén en que a figura de Rosalía foi falseada, facendo lecturas da súa obra considerándoa como choromiqueira, o que está lonxe do seu significado real. É unha poeta profunda, novidosa e universal, con mensaxes que aínda hoxe están plenamente vixentes, e que marca o inicio da poesia contemporánea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario