miércoles, 4 de abril de 2018

Comentario literario para bacharelato: "A Galicia" F. Añón

O poema titulado "A Galicia" , premiado cun accésit nos Xogos Florais de 1861, de Francisco Añón, un dos poetas máis importantes do Perrexurdimento, movemento literario xurdido en Galicia no séc. XIX, grazas ao nacemento do galeguismo, é un himno. É dicir, unha composición solemne na que se enxalza a Galicia.
O poeta, de ideoloxía liberal, participou no movemento chamado provincialismo, que defendía a unidade territorial, cultural e económica de Galicia (opoñíanse á partición en provincias e defendían a necesidade de levar o galego ao ensino) e recuperou o uso do galego como lingua literaria. Tivo unha biografía azarosa e aventureira, sendo desterrado a Portugal pola súa participación no levantemento militar de 1846, que rematou co fusilamento dos seus cabecillas (os mártires de Carral). Viaxou a Londres como secretario dun lord inglés. Tamén foi desterrado ou fuxiu de Portugal por publicar un poema coñecido como Hino dos povos. Non é que fose un liante; é que a liberdade de expresión non era o forte no século do absolutismo!
A súa obra poética publicouse espallada en revistas e xornais, non sendo recollida en libro ata despois da súa morte (publicación póstuma en 1878).
Podedes ler máis información sobre o autor e tamén ver unha foto pouco coñecida del aquí.
No texto demostra un gran dominio da linguaxe e un coñecemnto do mundo clásico, como corresponde a un home cunha profunda formación lingüística que cultivou a poesía en tres idiomas: galego, portugués e castelán.
En canto ao xénero literario, pertence á poesía lírica, xa que nel predomina a expresión dos sentimentos por parte do autor.
A perspectiva adoptada é a da 1ª persoa, como observamos nos verbos ou nos determinantes: coido, meu, vin...etc. esta diríxese a un interlocutor mudo: Galicia.
A temática é variada: social (situación de Galicia, cambios grazas á industria), intimista (situación anímica do poeta, costumista (paisaxe e tradicións que debuxan unha imaxe da terra). Os temas tamén son varios, aínda que un sería o principal e os outros secundarios: a situación de decadencia de Galicia, os sentimentos do autor polo seu desterro, ou pintura da paisaxe e costumes, a chegada da industria e os cambios que aporta.
A estrutura
Podemos dividir o texto tendo en conta a súa temática en varias partes:
- a 1ª comprende a estrofa 1, onde fala da situación de postración de Galicia, que empeza a cambiar.
- a 2ª abrangue as estrofas 2, 3 e 4,  5 e 6 que tratan sobre a visión de Galicia do poeta (vista desde a distancia nun soño).
- a 3ª abrangue a estrofa 7, onde fala dos cambios que introduciu a chegada da industria.
- a 4ª son o resto das estrofas (8, 9 e 10), que tratan sobre os sentimentos do autor ao espertar do soño: dor, desexo de voltar, saudade.
Argumento
O poeta convida a Galicia a espertar da postración en que se atopa, porque xa se entrevén sinais dos novos tempos que chegan. A continuación fala da súa nostalxia pola terra onde foi feliz na infancia e describe a súa beleza e características. Un capítulo importante no que é Galicia resérvallelo aos personaxes ilustres da terra, que lle deron valor e prestixio. Fala da chegada da industria e os cambios que supón e dos seus sentimentos de angustia e desexo de volver a ela antes de morrer.
Análise da linguaxe
Comeza o poema cunha interxección ("Ai!"), coa que o poeta expresa os seus sentimentos de dor. Vén logo o imperativo: esperta (función apelativa da linguaxe: chamada de atención ao receptor) e a continuación a aposición "adorada Galicia". É unha apóstrofe, coa que indica o seu profundo amor á terra (non é só amor, é un grao máis: a adoración; idolátraa).
Logo explica por que é importante que Galicia reaccione: empézanse a ver (enxergar= entrever, albiscar) sinais de mellora que conducirán a un futuro venturoso para a nosa terra ("do teu rico porvir a alborada": metáfora: alborada=comezo, inicio; do teu rico porvir, hipérbato, e adxectivo anteposto ao nome: valor subxectivo). Esa nova situación faise patente pola alegría que amosan os galegos, que cantan e se dispoñen a mostrarse activos (espreguízanse·) ao tempo que amosan o seu desexo de recoñecemento e amor de parte da patria (metáfora e personificación: Galicia é a nai e os galegos desexan os seus bicos. Pode falarse tamén de metonimia: Fala de Galicia,o territorio, cando en realidade se refire aos seus habitantes, a quen pretende concienciar.
A seguir empeza a expoñer que lle sucede: lamenta estar lonxe da terra (unha circunstancia real que lle ocorreu: exilio) e desde ese afastamento dá a visión da súa Galicia soñada. Comeza falando do paraíso perdido da infancia (antítese: chan venturoso/negro destino). De novo aparecen personificacións que dan unha visión amable de Galicia: campos risoños; onde leda pasou miña infancia, hai un hipérbato que sitúa o adxectivo no comezo da oración para facer énfase nel. Remata a estrofa con novas pinceladas sensoriais que amosan Galicia como un lugar paradisíaco de suaves e agradables recendos (respirando a suave fragancia/ de xasmín, caravel, azahar:enumeración asindética, ritmo áxil).
Segue a descrición da paisaxe galega centrándose agora nas paisaxes máis características (mar, barcos, ceo), mediante sensacións visuais e auditivas que dan unha idea da súa beleza (coas palabras deseña paisaxes que imaxinamos perfectamente; remata cunha enumeración das cores do solpor (cando o sol vai as nubes pintando /de amarelo de lume e carmín.)
A continuación, segue falando doutras paisaxes características galegas, amosando a súa variedade: hai montañas, penedos, pero tamén veigas, vales, viñas, soutos, devesas. De novo usa a enumeración para amosar a riqueza da nosa terra e tamén fai valoracións positivas desta medainte a adxectivación: bos horizontes. Tamén hai alusión a sensacións visuais: brétema azul.
Pasa logo a mencionar sensacións auditivas e visuais agradables relacionadas coa terra, que lembran a alegría das festas populares (foliadas alegres escoito, voz pracenteira, contrasta con cando o ceo se viste de loito).
Finalmente, remata a visión do seu soño coa lembranza dos persoeiros que deron fama e prestixio á nosa terra, que el sitúa no mítico monte Pindo, asociado a crenzas populares e tradicións. Isto ten relación co monte Olimpo, onde se situaban os deuses gregos, e tamén é unha reminiscencia clásica que os personaxes gloriosos se adornen con mirtos e loureiros. Nesta estrofa usa un léxico culto: metáfora os fillos máis caros (=os fillos máis queridos); os fastos da historia (=as celebracións, as datas sinaladas). Os feitos protagonizados por estes personaxes quedarán gravados con diamante: iso dá unha idea do aprecio (diamante: connotacións dureza, luxo, prestixio) que merecen segundo el estes persoeiros, cuxo recordo permanecerá sempre vivo para os galegos.
A chegada do tren (metáfora:andrómena rara; comparación asubiando como unha serpente: o tren preséntase como algo ruidoso e ameazador) muda a paisaxe (das aldeas fai vilas) e remata coa tranquilidade e a paz das que falaba antes, o que influirá na inspiración do poeta: adeus cantos e musas tranquilas.
Na última parte do poema, o poeta esperta do soño e entón aparece outra visión de Galicia, máis real e tamén máis sombriza: esvaécese o seu soño "dourado" cunha estraña rapidez (comparación: como fume pasou de repente) e imponse a dor e o pranto (hipérbole e hipérbato: dos ollos chovíanme as bágoas; magoado o meu peito se sente; metonimia: normalmente dise que a mágoa ou os sentimentos están no corazón, e o peito será o continente, cando se quere falar do contido). Séntese como un refugallo abandonado á súa sorte e sente envexa da liberdade das andoriñas que poden voltar á terra cada primavera (maio por primavera, parte polo todo, metonimia). O recurso morfosintáctico do paralelismo sérvelle para insistir na idea de envexar outros seres ou elementos como as nubes e raios que se moven con liberdade para ir á terra.
El só pode ir a Galicia a través da saudade do seu pensamento (a saudade do seu pensamento voa, personificación) que obsesivamente se sitúa en Galicia. O desexo de voltar é tan forte que valora máis volver á terra que entrar no ceo (metáfora: a gloria, o paraíso, a felicidade eterna).
Hai certa estrutura circular, xa que nas últimas estrofas repítese a expresión "adorada Galicia" do comezo e o poeta volve dirixirse a Galicia como o seu interlocutor (De ti lonxe...A ti voa...).
No nivel léxico semántico destaca o uso dos seguintes campos semánticos: paisaxe, tradicións, sono e soño (sono= decadencia de Galicia, actitude pasiva; soño: imaxe idealizada); felicidade e tristeza, e verbos de sentido: ver, oír, sentir..., que teñen que ver cos núcleos relevantes de contido do texto.
No nivel morfolóxico destaca a abundancia de substantivos e adxectivos, relacionada coa descrición da paisaxe e características  de Galicia. Ás veces hai enumeracións asindéticas e outras veces rematan coa conxunción ao final. É frecuente o uso do hipérbato e tamén os encabalgamentos. Mostran que ao poeta lle custa conter as súas emocións, que ás veces amosa de maneira desbordante.
No nivel fónico, o poema está formado por 10 estrofas de versos na maioría decasílabos, agrupados de oito en oito (oitava), con rima consonante coa seguinte distribución:ABBCDDDC, EFFGEAAG, ...As estrofas presentan rimas diferentes e hai algún verso solto (ex. o rematado en garridas, vs. 34).
Conclusión: o poeta logra transmitirnos as emocións encontradas que esperta nel Galicia mediante unha linguaxe rica en léxico e tamén en recursos literarios, pero ao tempo fácil de entender, xa que usa un léxico concreto que representa a realidade do que é a Galicia que todos coñecemos: mar, veigas, bosques, auga, aires, festas populares, fermosos solpores... e dá unha visión esperanzadora dela, sempre que os galegos sexamos conscientes do que somos e o que valemos e loitemos polo futuro.

8 de marzo: Folga no Día da Muller Traballadora

Quero salientar o éxito da celebración este ano do Día da Muller Traballadora no que se refire á concienciación social, tan precisa para avanzar na igualdade entre homes e mulleres. Xa sei que as cousas non se solucionan con dedicarlles un dia ao ano; isto precisa unha loita máis espallada no tempo e continua. É algo parecido aos estudos; adquirir coñecementos e destrezas non se fai nun momentiño: require dedicación e constancia, perseverar no esforzo.
Para os interesados no tema, remítovos a algunha páxina de xornal que me semellou de interese. por ex. en Praza pública atopei isto sobre as razóns polas que é preciso insistir que hai aínda moita marxe para mellorar e avanzar cara á igualdade. En La voz de Galicia tamén aparecen artigos de opinión sobre o tema e eu destacaría este  e mais estoutro.
No xornal El País vin algo sobre o sileciamento histórico das figuras femininas. Podedes lelo aqui

miércoles, 28 de febrero de 2018

Despedir febreiro

O presente febreiro foi un mes que deu frebas, como di o refrán: "Febreiriño frebas dá; se non as deu xa as dará". Aproveitando este día de nevada, vendo a neve pola fiestra do meu cuarto, escribo.
Lendo a prensa atopei uns interesantes vídeos de youtoubeir@s. Gustoume sobre todo un que fala de receitas de San Valentín, esa celebración tan ... empalagosa e consumista (que invasión de peluches e rosas vermellas!), pasadiña de moda. vos queda. De paso, mostareillo á miña filla, tan reparada nas cousas comer, aínda que estes días andou coa tarefa de analizar-estudar un corazón de porco, despois de telo que mercar na carnicería.
Tamén aproveito para colgar un interesante vídeo do Portal das palabras sobre palabrasderosalia;o 24 de febreiro sería o 181 aniversario da nosa matriarca.

miércoles, 21 de febrero de 2018

Actualidade sobre o galego

Vou mostravos uns enlaces interesantes con novas sobre o galego onde contrasta vivamente o enfoque que se dá ao tema.
 Un fala da RAG (Praza pública: "A RAG alerta..."), que dá a voz de alarma sobre o que está a pasar co galego actualmente, mentres que o outro é un artigo de opinión de Román Rodríguez , Conselleiro de Educación e cultura (La voz de Galicia: "Unha sociedade sen problemas lingüísticos"), que di que todo vai de marabilla.
Ledes e sacades conclusións, Así analizades criticamente a prensa.
Hoxe sae unha entrevista a Rosario Álvarez en La Voz de Galicia. Moi moi interesante!

martes, 20 de febrero de 2018

Rosario Álvarez de visita en Quiroga: 2ª charla A ponte relacionada co galego

O pasado venres día 16 de febreiro tivemos a honra de recibirmos no  noso Instituto a ilustre profesora da USC  Rosario Álvarez Blanco. Despois dunha breve presentación de Ramón, o director, ela presentou a exposición titulada "O patrimonio lingüístico.¿De quen é a lingua?"
Para isto comezou por plantexarnos unha serie de preguntas para a reflexión. Por ex. De quen é a lingua? Que significa ser dono dunha lingua?
Habería, segundo a investigadora, varias posibles respostas. Se dicimos que a lingua é de todos, iso levaríanos a outras preguntas, como Quen ten responsabilidade sobre ela? Se é un ben colectivo, quen o coida? Pois pode pasar que ao ser de todos, ninguén se responsabilice dela. É dicir, isto implica que temos respecto á lingua dereitos e tamén deberes.
Este compromiso coa lingua veno demostrando a USC dende hai bastantes anos coa recolleita do galego vivo (dixo que hai 50 anos que está a recollerse este inmenso patrimonio e continuamente están aparecendo cousas novas). Así, mencionou as gravacións realizadas por toda Galicia (en 167 puntos do dominio lingüístico de fala galega), as investigacións sobre eses materiais que desembocaron no Atlas Lingüístico de Galicia, no que ela traballou.
 Actualmente segue a traballar sobre o tema do léxico no proxecto dirixido desde Santiago de Compostela e realizado en colaboración con universidades de Portugal e Brasil chamado Tesouro do léxico patrimonial do galego e do portugués. Por certo, agradézolle que mencionase que a miña tese de licenciatura sobre a fala de Sarria está recollida no Tesouro. E tamén que no seu día me axudase a revisar as transcricións das gravacións cando o realicei.
Este proxecto lévano a cabo especialistas, mais tamén nos animou a profesora a que contribuamos a amplialo coas nosas aportacións, como fixeron xa noutros centros de ensino. Indicounos unha serie de páxinas web onde se dan instrucións para a recollida sobre diversos temas relacionados coa nosa realidade. Por ex. xa se fixeron dentro do Plan Proxecta traballos de recollida de nomes de plantas (poden verse en fitofaladoiro. eu). Normalmente os nomes deses traballos conteñen o posesivo, por tratar sobre algo noso, que forma parte do acervo cultural da xente dun lugar.
Despois de recoller o léxico, faise o estudo (o da billarda é seu): elabóranse uns mapas que nos permiten ver as diferentes palabras para un concepto e a súa distribución xeográfica. Así observamos no mapa das denominacións da billarda que hai os seguintes nomes: billar, billarda ou billa. Estúdase a orixe desas denominacións. Neste caso ten relación co francés billarde, "baston". Obsérvase que hai denominacións que están en expansión, mentres outras ocupan un pequeno espazo e recúan, e plantéxanse hipóteses, que haberá que comprobar.
A denominación estornela, que ten raíz semellante a estorniño, viría do francés estournelle e chegaría ata Galicia a través dos monxes cistercienses. Ten que ver co ruído que fai ao golpear o pau pequeno co grande. Denominacións con menos extensión son univa ou anivá, e tamén lipe, do italiano lipa.
Tamén nos amosou o mapa dialectal dos nomes do paporroibo, con paporrubio como forma máis extendida, e outras como paifoco ou pisco. Neste caso a maior extensión das primeras débese á súa transparencia, pois permiten identificar con claridade o paxaro. Fronte a elas teñen menos extensión paifoco ("aparvado", "que carece de malicia e non é quen de defenderse de nada") ou pisco, que coincide co nome que ten en portugués.
Outro mapa que explicou foi o de dorna, a embarcación tradicional máis emblemática das Rías Baixas, cuxo nome viría dunha orixe descoñecida, prerromana, probablemente céltica. Facendo a comparación con outras linguas, descobren que en español existe a palabra dornajo, que é unha especie de "maseira", e en portugués dorna significa "recipiente, tina". Curiosamente, en Vilardevós unha dorna é un "recipiente para pisar uvas".
Finalmente, concluíu falando da enorme riqueza do patrimonio lingüístico galego, un tesouro para recoller e conservar. Como de costume, coa súa enerxía e entusiasmo, contaxiounos a todos da curiosidade e o pracer de ampliarmos os nosos coñecementos.
Foi unha marabilla tela entre nós despois de tantos anos!

En relación coa expresión de "ser dono dunha lingua" vou incluír o que dicía Á. Cunqueiro ao respecto:mil primaveras máis. Nomear as cousas é posuílas, facelas túas, achegalas afectivamente, nomear o teu mundo, o que coñeces de primeira man; é algo emocionante e que che dá vida. Gardemos palabras como tesouros e compartámolas para facer posible un futuro esperanzador para a nosa lingua.

viernes, 2 de febrero de 2018

Charlas de A Ponte no centro

Dende a Universidade de Santiago levan xa varios anos promovendo un achegamento entre a universidade e os centros de ensino por medio destas charlas. Este curso decidimos solicitalas  e houbo a sorte de que nos concederon dúas.
 A primeira celebrouse o pasado luns pola tarde. A ponente foi a profesora María Álvarez de la Granja, quen disertou sobre as frases feitas e a súa relación coa nosa idiosincrasia:"Cal ti es, así me dis", era o título da súa charla, dirixida ao alumnado de Bacharelato do centro.
Axudándose de proxeccións, foi explicando a diferenza entre frases feitas, refráns e fórmulas. Puxo exemplos dunhas e outras, intercalou vídeos  como o de Xesús Ferro Ruibal e o "Ben falado" e outro das autoras do dicionario de frases feitas e refráns de Xerais, do que tamén nos pasou un exemplar para botarlle unha ollada. Ao final,  demostrou o que viña a ser a súa tese fundamental: as frases e ditos expresan a maneira de ser nosa xenuina e auténtica.
A maioría das frases feitas que aparecían como exemplos eran bastante coñecidas, mais chamáronme a atención algunhas como Levar a alguén nas cadeliñas dos ollos ou a que comentaba no vídeo Ferro Ruibal de Ir coidarlle os pitos ao cura. A 1ª indica o gran aprecio que un ten por unha persoa; a segunda é sinónimo de morrer e explícase pola maneira en que están organizados os núcleos de poboación en Galicia, arredor da reitoral e a Igrexa.
Tamén destacou a autora que hai coincidencia en varias linguas nalgúns casos, como nas frases feitas en que aparecen palabras como man ou outras partes do corpo: botar unha man, ter de man, ou na man ou non pés has semellar a quen es... Iso débese á pertenza desas linguas a un territorio con características culturais comúns.
En xeral, a charla resultoulle ao alumnado entretida e interesante, polo que están expectantes agardando a próxima, prevista para o 16 de febreiro.

Póñovos un enlace á páxina súa no ILG

Isidro Novo, in memoriam

Hoxe vinme golpeada pola sorpresa da morte do escritor  lugués Isidro Novo. Iso levoume a pensar en que estamos no mundo de prestado. Hai poucos días inda recibín un correo del (18 de xaneiro) con motivo de enviarlle unha palabra para a sección que el tiña na AELG de Palabras con memoria. Xa lle mandara bastantes con anterioridade e sempre me respondía axiña agradecendo as aportacións. Iso lévame a pensar que imos vellos cando pensamos que temos que gardar a memoria do que fomos, do que dixeron nosos pais (moitas veces fago por lembrar o que eles xa non poden lembrar, tristemente!). Hai uns anos convidárao a vir ao noso centro, e o alumnado lera e fixera ilustracións dos seus contos de "Carne de can". A mellor foi a de O areal dos ollomaos, feita por Marta, alumna de 4º de ESO, que logo fixo o bacharelato de artes. Lembro os seus enérxicos recitados de poemas propios, a súa vitalidade.
A última vez que o vin foi nas Xornadas de Literatura Oral en Lugo. Saudoume e vino coma sempre. Nelas interveu, como en anos anteriores, para presentar os ponentes e tamén para falar de Palabras con memoria, satisfeito porque o número recollido xa era considerable e non deixaba de medrar.
Este curso leremos en 1º de Bac. un libro del: a novela Un escuro rumor tralo silencio.
Só quería despedirme del afectuosamente e dicirlle: Isídro, amigo, que a viaxe che sexa leve!

Podedes ler a nova no seguinte facendo click aquí:

Tamén é interesante unha entrevista que lle fixeron no xornal El progreso hai xa varios anos que podedes ver aquí: