miércoles, 14 de mayo de 2014

"Penélope" de Díaz Castro

Este é o poema máis coñecido do autor. Trátase dunha magnífica composición, unha das máis fermosas sobre Galicia. 
O autor, Xosé Mª Díaz Castro, pertence á Xeración do 36. Polo tanto tocoulle vivir as duras circunstancias da guerra. Insírese na corrente humanística e clasicista iniciada por Aquilino Iglesia Alvariño (autor do primeiro libro de poesía publicado na posguerra, Cómaros verdes, 1947). O xénero literario é poesía lírica, xa que fala de emocións e sentimentos do poeta. En canto á temática, mestura paisaxismo e poesía social.
O título alude ao mito de Penélope, esposa de Ulises, quen, segundo conta a Odisea de Homero, agarda o retorno do seu home tecendo de día e destecendo de noite. Igualmente, Galicia espera pacientemente ver cumpridos os seus soños, pero o pouco que adianta é frustrado por un novo atraso.
O poema reflicte o carácter incerto e vacilante da historia da Galicia moderna (no século XIX pérdese a harmonía do Antigo Réxime sen haber unha solución de recambio; no comezo do XX, pese a algúns cambios, non se produce unha transformación económica e social profunda. Isto tivo como consecuencia directa a emigración).
O tema central é a esperanza constantemente frustrada de Galicia ou a frustración histórica da sociedade galega. Como temas secundarios aparecen os seguintes: a esperanza, a intrahistoria, a emigración.
A esperanza móstrase pouco dinámica ("se espreguiza") e é un elemento da intrahistoria, é dicir, do vivir cotián e milenario do pobo ("aran os bois e chove", "sabas de mil anos"); o inmobilismo que sucede a cada va esperanza parece consubstancial a ese vivir intrahistórico ("a tea dos teus soños non se move"). Entroncada tamén con ela está a emigración ("un bruar de navíos moi lonxanos"). A esperanza do regreso dos emigrantes semella afastada no espazo e no tempo ("traguerán os camiños algún día/a xente que levaron").
Polo que respecta á linguaxe,
a) no nivel fónico, o autor emprega o recurso do fonosimbolismo. Repite os fonemas vocálicos posteriores (o aberto e o pechado): "a tea dos teus sonos non se move" (verso 2)
"desorballando os prados coma sono" (verso 13). Así indica indica a escuridade anímica e visual. Tamén repite o fonema vocálico posterior /u/ no verso 15: "enterrando suco a suco o outono" para aludir a grisenta estación outoniza asociándoa a un estado de ánimo depresivo.
A métrica é lixeiramante irregular: o poema ten versos hendecasílabos, agás o 4º que é heptasílabo. A rima é consoante abrazada cada catro versos.
b) no nivel gramatical, o poema comeza cunha elipse verbal, repetida nos versos 1 e 16:"Un paso adiante i outro atrás, Galiza". Así céntrase a atención nos dous polos deste movemento pendular e no suxeito que a realiza, suprimíndose a forma verbal da acción. Deste xeito suxírese a inmobilidade.
O movemento pendular tradúcese gramaticalmente no uso de estruturas binarias:"un paso adiante i outro atrás", "suco vai, suco ven".
Hai tamén paralelismo entre dous versos referidos á frustración das ilusións: "i a tea dos teus sonos non se move", "a espranza nos teus ollos se espreguiza".
c) no nivel léxico-semántico, o campo semántico dominante é o da vida rural: aran, bois, suco, camiños, prados ...
Os topónimos indican o espazo concreto: Galiza, Parga, Pastoriza ... Os fenómenos naturais complementan esa asociación semántica: chuva, chove, desorballando ...
Como recursos deste nivel hai metáforas: os "pasos" son saltos cualitativos na evolución social; "a tea dos sonos" equivale ó conxunto das aspiracións de Galiza. A emigración está suxerida pola metonimia "bruar de navíos". O lento transcorrer do tempo non se ve alterado polos constantes "pasos" adiante e atrás que se anulan.
Tamén aparecen prosopopeas que humanizan a natureza e a Deus, únicas forzas nas que parece confiar o poeta: "a esperanza se espreguiza", os camiños "traerán a xente" ..., "o outono vaise enterrando".
d) no nivel pragmático, o emisor está fóra do texto, é omnisciente, pois domina de maneira panorámica a xeografía de Galicia e tamén as súas interioridades anímicas. O único receptor directo é Galicia, a quen se dirixen as dúas primeiras estrofas e é tamén o personaxe do poema.
A estrutura é circular pois o poema abre e pecha coas mesmas palabras. A estrutura interna réxese por un movemento pendular que non significa avance, nin sequera permanencia, senón atraso.
O poema foi unha chamada de atención para espertar as conciencias dos seus coetáneos sobre a Galicia real. Eles entendérono e sentíronse identificados con el. De aí o seu éxito.

A información deste comentario está tirada na súa maioría do libro Comentário de textos literários, de varios autores, Ed. Alhena, Madrid, 1986.

Unha das versións musicadas do texto podedes vela aquí:


martes, 13 de mayo de 2014

Tradicións relacionadas coa celebración da primavera

O curso pasado comezamos a investigar sobre a tradición dos maios en Galicia e realizamos por primeira vez no centro un maio, coa colaboración do Seminario de Tecnoloxía, entre os alumnos de 1º ESO e 4º ESO PDC e o profesorado de Lingua Galega. A cousa estivo animada: fíxose un maio figurativo con materiais recollidos no entorno que quedou bastante ben;  recitáronse cantigas dos maios (coa participación do alumnado de 1º e 3º de ESO) e asemade realizáronse outras actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas (como lecturas de textos teatrais do autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño, realizadas polo alumnado dos diferentes cursos). Para amenizar o acto, incluíronse tamén audicións de música galega, separando as distintas partes da actuación dos alumnos.
No presente curso, o alumnado de 3º de ESO buscou información sobre outras tradicións europeas ou mundiais de celebración da chegada da primavera e iso permitiunos coñecer, á parte dos maios, tradicións doutros pobos que teñen que ver cos ciclos de renovación da vida e dos froitos que se dan en diferentes lugares e que contan con orixes moi antigas.
Os estudosos falan de que estas tradicións, con diferentes festas e ritos, se remontan á Prehistoria e tamén teñen relación co mundo grecorromano (culto a Ceres, Demeter, maia...).
Clodio González Pérez divide estas celebracións en agrarias e lúdicas ou festivas.
Entre as primeiras están algunhas como a de alumear o pan (que tiña por finalidade propiciar unha boa colleita), ou as enramadas (nas Rías Baixas hai a tradición de colocar ramos de xesta nas portas das casas o 1º de maio para afastar os malos espíritos; nos Ancares póñenllas ás vacas nos cornos e noutros lugares engalanan os barcos para propiciar un bo traballo).
Entre as segundas están os arcos de flores, os ramos de flores ou a árbore do maio (os mozos rouban unha árbore e colócana nunha praza, adórnana con flores e danzan arredor dela; a tradición ten relación coas cucañas que se fan en Castela; os mozos agatuñan pola árbore para obter a recompensa) e tamén os maios.
En canto aos tipos de maios, tradicionalmente falábase de dous: os humanos (un grupo de mozos cubertos de plantas e flores case por completo percorren as rúas cantando os maios; está vivo por ex. en Vilafranca do Bierzo) e os figurativos. Recentemente engadiuse outro tipo: os maios artísticos (reproducen escenas relacionadas coa vida cotiá do noso pobo con detalle e grande elaboración).
O noso será un maio figurativo, de forma cónica, feito cunha armazón de madeira e canas e rematado nunha cruz.

Finalmente, este ano empregamos no maio materiais como bugallos (Mari, a traballadora do bar e nai dun alumno, de San Clodio, díxonos que lles chamaban cantarolas, polo ruído que facían ao tiralas ao chan xogando, a modo de canicas; Xulia, alumna de 2º ESO recolleu algúns e tróuxoos), pampillos (as flores amarelas que se ven na 1ª foto), margaridas silvestres, fiúncho (=fiollo), fabacas, xestas, queiroas e piornos, rosas e calas. Na súa elaboración participou alumnado de 2º ESO e de 3º de PDC.

Recitamos poemas como O maio  de Manuel Curros Enríquez e algún outro máis.

                                   Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Flickr upload bot)

viernes, 9 de mayo de 2014

lunes, 28 de abril de 2014

Algúns refráns sobre o mel e as abellas

Con motivo de traballarmos cun texto xornalístico de El progreso en 2º ESO, quixemos procurar frases feitas ou refráns que teñan que ver co tema do texto: os doces. Na Wikipedia atopamos sobre todo refráns sobre o mel e as abellas.

Imos trascribir aquí uns cantos:

- Polo San Miguel sabe o touciño a mel (está moi bo).
- Marzo marzán, cara de can; a mediodía enzamea a colmea e á noite morre a abella (trata sobre a variabilidade do tempo nese mes).
- Ovellas e abellas nas túas devesas e non nas alleas (sacaraslle mái proveito ao que ti tes que ao doutro).
- Máis moscas se pillan con mel ca con fel (con suavidade conséguese máis que con dureza).
- Mais moscas xunta entena de mel que ola de vinagre (co mesmo significado ca o anterior).
- Unha mala abella revolve unha colmea.
- Todos ao mel todos ao fel (hai que estar ás duras e ás maduras).
- Non está feito o mel para a boca do burro.
- Non está feito o mel pró fuciño do porco (as cousas boas son para quen sabe aprecialas).
- Auga de agosto, azafrán, mel e mosto.
- Chuvia polo agosto é mel e mosto.

Tamén podedes ler cousas interesantes sobre o mel nesta páxina.


                          Abella sobre unha planta de romeo. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - NC.  

miércoles, 23 de abril de 2014

Nadal: A historia da flor de Pascua.

Conta unha lenda mexicana que a primeira flor de Pascua apareceu grazas ás oracións duns irmáns campesiños. Como non tiñan cartos para ofrecer un agasallo á igrexa en honor a Xesús, leváronlle un ramo de herbas que puxeron a carón do pesebre no templo.
Ao pouco tempo, abrollou, como por encantamento, a primeira "Flor da Santa Noite". Apareceu como unha brillante estrela de cores vermella e verde no lugar onde eles puxeran o ramo.
A flor de Pascua foi cultivada en México polos aztecas, moito antes da chegada do cristianismo ao hemisferio occidental. Inicialmente, a planta asociouse coas relixións no século XVII, ao usala os frades franciscanos de México nas procesións do Nadal.
En 1825 foi introducida en Estados Unidos por Joel Robert Poinsett, o primeiro embaixador de Estados Unidos en México. El era un eminente botánico e sementou as plantas no seu invernadoiro en Greenville, Carolina do Sur, e logo enviou gromos aos xardíns botánicos e aos seus colegas horticultores (por iso se chama tamén poinsetia).
A flor de Pascua ten case todo o ano as follas verdes; porén, estas póñense de cor vermella brillante na época do Nadal. Moitos pensan que estas follas son os pétalos da flor, e que a verdadeira flor son os pequenos acios amarelos que ten no centro das brácteas (unha bráctea é unha simple folla disfrazada de pétalo).


A decoración foi realizada polo alumnado de relixión do centro.
A coroa de Nadal realizárona algúns alumnos de 4º de ESO.











lunes, 31 de marzo de 2014

Flores ventureiras.

Aproveitei a tarde en Quiroga para pasear á beira do río e coller unha presa de flores ventureiras. Estas inzaban o campo da ribeira enchéndoo de cores e recendos. Os primachorros (tamén chamados ben me quer, biloreta, ponmerendas ou margarida dos prados) semellaban un manto florido; os panqueixos (cáncere ou cancro) desprendían un suave e agradable recendo; as humildes violetas florecían en ramos e os xacintos salvaxes medraban entre as árbores.
Isto tróuxome á lembranza o coñecido poema de Antón Avilés de Taramancos, "Ter unha casa en Chachauí"

                                  XACINTO SILVESTRE. (Imaxe tomada en A Seara, Cedrón)

PANQUEIXO. Imaxe extraída da Wikipedia: dominio público.


PRIMACHORRO. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY (Rotatebot)

Aí vos van uns anacos de poemas de Uxío Novoneyra, especialista da nosa poesía paisaxística.

PRIMACHORROS brancos!
panqueixo e amargueixos!
argana polos barrancos!
Folla podre nos reprexos!
...

NADA está lonxe.
Os campaíños das 
uces
cobren os montes
de furruxe.

UCES. Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Bdk)

domingo, 23 de marzo de 2014

23 de Marzo: Día Mundial da Meteoroloxía.

Este efeméride creouse para conmemorar  o nacemento da OMM (Organización Meteorolóxica Mundial) coa sinatura do convenio por parte dos seus primeiros trinta membros. Arestora conta con 185 membros. A súa finalidade é a cooperación internacional en servizos e observacións meteorolóxicas, para promover o intercambio rápido da información meteorolóxica e para publicar estatísticas.
Preocupados polo cambio climático, pretenden axudar a previr as catástrofes naturais relacionadas coa meteoroloxía. Así mesmo, o Día Meteorolóxico Mundial quere chamar a atención acerca dos efectos da contaminación no clima, insistindo na necesidade de tomar algún tipo de medidas.


Neste día, queremos lembrar a sabedoría popular que mostra como traballar a terra de acordo co tempo. Queremos agraderlle a Teresa ternos proporcionado esta información, recollida en Muxa-Piñeiro (Lugo).

A esfenda e a demouca é en febreiro, 
bótanse as patacas en marzo raioleiro
e seméntase tamén trigo marceiro.
Bótase o millo da xente por abril,
cando o cuco saíu do cubil;
en maio longo estará sachado il.
Polos días grandes de San Xoán
cóllese a nabiña e o lume novo fan,
mércanse as fouciñas para segar o pan.
No mes da sega o sol pica moi duro;
cando se sega o pan, o trigo está maduro;
mes de moito traballo e moito apuro [...]
O de setembro é o mes de San Miguel;
para apañar as patacas non hai mes coma el;
é tempo de ver se os trobos teñen mel.
No outono hai que ir ao San Froilán;
mozos, homes, vellos e nenos, todos van
e voltan de présa para outonar o pan.
Polo San Martiño o porco non ha de berrar,
o capón no poleiro non ha de cantar;
fanse regos nos prados para regar.
O tempo de Nadal é frío ventureiro
se temos leña no unlleiro;
chegarán os reises á entrada de xaneiro.


                                  Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Bluemoose)