domingo, 28 de diciembre de 2014

En defensa do galego

Parece ser que defender o galego en Galiza aínda precisa xustificación. Mesmo se acusa a algunhas persoas de viviren do galego. Eu non vou dar argumentos para defenderme por querer que sigamos sendo quen somos.
Simplemente vouvos deixar un vídeo feito por xente nova que non renuncia á súa lingua e que se sente orgullosa dela. Mesmo reivindican o galego propio da súa zona xeográfica.




Ademais de erguerse voces en defensa do galego en Galicia, tamén empezan a oírse fóra dela. Isto pode verse no seguinte vídeo.




viernes, 21 de noviembre de 2014

Sobre violencia de xénero

Buscando información sobre a violencia de xénero con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de Novembro, atopei algúns materiais interesantes no blog trafegandoronseis. En particular, recoméndovos os Haikus ilustrados de varios autores galegos sobre o tema.

jueves, 20 de noviembre de 2014

Traballos de outono

Velaí algúns dos traballos realizados polo alumnado para celebrar o Samaín ou a propósito do outono no presente curso.

Os alumnos de 1º de ESO fixeron poemas coa axuda de Fabio, o profesor de Atención Educativa, que os ilustrou.









Outros alumnos de 1º de ESO e 3º de ESO realizaron diversos traballos como murais, contos ou tallaron cabazas para o Samaín.
















domingo, 12 de octubre de 2014

Adiviñas

Un matrimonio maior de Farbán que coñecín o mes pasado, aínda que eles coñecen a maior parte da miña familia, contoume estas dúas adiviñas. Para intrigarvos un pouco, non vou dar de momento as solucións.

1. Que cousiña cousa é que canto máis alta está máis pronto se lle chega?

                                 Imaxe extraída da Wikipedia: CC (dominio público)

2. Que cousiña cousa será: métese o duro no mol e cólgalle o piringol?

Unha variante da segunda é:

3. Que cousiña cousa é: métese o duro no brando e vai abaneando?

                                            sanci.es

Engado outra que me dixera hai un tempo Xosefa, que forma parte do persoal non docente do centro, e que está relacionada co outono.

4. Cando pinguele pingaba, funguele fungaba. E cando pinguele non pingaba, funguele non fungaba.


                                  Imaxe extraída da Wikipedia: CC-BY-SA (BenHur)


(Imaxe extraída de Wikipedia: CC - BY - SA (Lord Koxinga)














A formación da Lingua Galega


viernes, 27 de junio de 2014

Frases feitas e refráns sobre o tempo.

XANEIRO:

- Xaneiro que non enche o regueiro, non é colleiteiro.
- Xaneiro xeadeiro.
- Xaneiro xeadeiro, febreiro porraqueiro, marzo espanadeiro, abril augas mil.
- En xaneiro planta o teu alleiro.
- Xaneiro porraqueiro, nin boa meda nin (bo) palleiro.
- Xaneiro heloso, febreiro febroso, marzo airoso, abril chuviñoso, maio pardo, San Xoán claro, Santa Marina clariño, agosto arder, setembro beber.
- En xaneiro, sete lobos  no carreiro.
- O lobo en xaneiro, sete e sete no carreiro; en abril, cátame no cubil; en maio, xa son bon gaio; en Santa Mariña, cátame pola cabritiña; en Santos, xa mato o toro nos campos (Christian, Vilardomato).
- San Amaro verdadeiro é o 15 de xaneiro (Adriana, Monforte).
- O 1 de xaneiro, o salto dun carneiro.
- No xaneiro, sete e sete no carreiro.
- Se no xaneiro canta a ra, no maio xa calará.
- San Antonio verdadeiro o 17 de xaneiro e a súa festa lle fan o 13 de San Xoán.
- Se queres ter bo alleiro, bótao no mes de xaneiro.
- En xaneiro, as verzas saben a carneiro, en maio darllas ao criado e en outono, volven ao mesmo dono.
- En xaneiro sube ao outeiro; se ves verdear, ponte a chorar; se ves blanqear, ponte a cantar.
- En xaneiro, torretiñas de pan a medrar.

FEBREIRO:

- A xeada de febreiro, mata a vaca e mailo leiro.
- Febreiro frebas dá; se non as deu xa as dará.
- Febreiro, frebas dá; se non a deu xa as dará, ou no principio ou no final.
- En febreiro, cada chouta seu regueiro.
- Febreiriño corto, cos seus vinteoito; se tivese máis catro, non quedaría can nin gato, nin rato no burato, nin cornas ao carneiro, nin orellas ao pigureiro (Adriana).
- Vaite febreiro, cos teus días vinteoito, que se duraras máis catro, non quedaba can nin gato (Fabio).
- Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se duraras máis catro, non quedaba can nin gato, nin hastas ao carneiro, nin orellas ao pigureiro (meu, Sarria).
- En febreiro, entra o sol en calquera regueiro.
- No febreiro, se ves verdegar, súbete ao alto, e ponte a chorar e, se ves negrear, ponte a cantar.
- En febreiro, soniño de carneiro; en marzo, soniño no brazo.

MARZO:

- Cando o marzo maiea, maio marcea.
- Marzo ventoso, abril chuviñoso.
- Se en marzo oes tronar, prepara as cubas e mais o lagar.
- Marzo airoso, abril chuviñoso, sacan a maio florido e fermoso.
- Se o cuco non vén entre marzo e abril, o cuco morreu ou non quere vir (Miriam López).
- Marzo marcial, cara de lobo, cara de can.
- Marzo espigarzo.
- Marzo marzán, pola maña cara de rosa, pola tarde cara de can.
- O sol de marzo mata a dama no palacio, o sol de abril mata ao porco no cubil, e o de maio mátao no pasto (meu, Sarria).
- Marzo marzoco, treboadas e raiolas; a marzo gabo cando non retorce o rabo (Eva, Terra Chá)
- Cando marzo retorce o rabo, non deixa ovella nin pastor sano (Eva, Terra Chá)


ABRIL:

- Abril, augas mil.
- Augas de abril, caben todas nun barril.
- Abril augas mil, caben todas na boca dun barril.
- En abril, espigas mil (Alicia, Becerreá).
- O sol de abril mata a porca no cubil.
- O abril frío e mollado enche o cileiro e farta o gado.
- En abril, augas mil, e que non salian do seu carril.
- Abril frío e fornos quentes, alegría pos meus dentes (Eva).
- Abril sempre será ruín ao entrar ou ao salir.

MAIO:

- Maio paio, San Xoán claro, valen máis cós bois e o carro.
- Detrás de maio vén San Xoán e despois Santa Mariña.
- Maio sen ballós é como home sen collós.
- Auga en maio, pan todo o ano.
- En maio, aínda a vella queima o tallo.
- Maio pardo, San Xoán claro, valen máis que  mula e o carro.
- Maio pardo e San Xoán claro en Santa Mariña dan o resultado.
- No maio, a vella queima o saio.
- Ata o corenta de maio, non quites o saio.
- Días de maio, días de amargura; inda non amanece, xa é noite escura (refírese á longura dos días que os fai penosos para o que traballa duro).
- En maio, de sono caio, xa coa maiola, xa co traballo (Eva, Terra Chá)

XUÑO (SAN XOÁN):

- Mes de San Xoán, mes de fogueiras, sardiñas e pan.
- San Xoán claro, vale máis cás mulas e o carro.
- En San Xoán, anda o cabalo ruán no pan (Alicia, Becerreá).
- A auga de San Xoán, leva o viño e non dá pan.
- No San Xoán, a sardiña molla o pan.
- Por San Xoán saca as patacas e recolle o pan (Lucía Glez., Quiroga).
- En San Xoán tanto queixo coma pan.

XULLO:

- Cando Santiago é normal, pouca auga na fonte e menos no manantial.
- Cando o Santiago non mexa, Santa Ana levanta a saia (se non chove o día de Santiago, chove ao día seguinte; meu, Sarria).

AGOSTO:

- No mes de agosto, tosto.
- A chuvia no mes de agosto non é auga, é mel e mosto.
- Agosto, frío no rostro.
- A lama de agosto bota ao home a pedir.
- A lama de agosto e o vento de abril, Deus nos libre dil (Teresa).
- En agosto secan os montes e en setembro as fontes.

SETEMBRO:

- As castañas, en agosto arder e en setembro beber.
- Setembro froiteiro, ledo e festeiro (Christian , Vilardomato).
- San Miguel das uvas maduras, moito me tardas, pouco me duras.
- San Miguel das uvas maduras, tarde vés e pouco duras.
- Choiva outoneira por San Mateo, a primeira. Vendima feita e palleiro cerrado, fóra criado (Lucía Glez.).

OUTUBRO

- Ano de moitos ourizos, non prepares o canizo (Lucía Glez.).
- Por San Froilán, mete a rella e terás pan (Lucía Glez.).

NOVEMBRO:

- De Santos a Navidades, inverno de verdade.
- Polo San Martiño, saca ao porco do camiño (meu; alude ao costume de botar os porcos pacer fóra no bo tempo. Logo métense na corte para cebalos).
- Polo San Martiño, mata o porquiño.
- En Santos, neve nos campos.
- Dos Santos ao Nadal, bo é chover e mesmo nevar (Christian).
- Polo San Martiño, mátase o porquiño.
- Por Santos, neve nos altos.
- Polo día de Santos, neve nos campos.
- No mes de Santos, neve nos campos.
- Por San Martiño, acaba a sementeira, barra o teu viño (Lucía Glez.).

DECEMBRO:

- En decembro, fume na lareira e auga na lameira (Christian, Vilardomato, Ribas de Sil).
- O mes de Navidad, non plantes horto nin vaias ao horto nin capes porco.
- Non esperes para Nadal o que non recolliches en maio.

jueves, 26 de junio de 2014

Cousas do Courel

A nosa compañeira Conchi, a nova secretaria, agasallounos cun interesante material sobre o tempo, grazas á súa sogra, Erundina López Rivera (Castroportela de Courel) quen, con 93 anos, mantén as lembranzas e a memoria do pasado. O noso agradecemento ás dúas pola súa colaboración para podermos transmitilo.

Entre o léxico sobre os fenómenos atmosféricos chamáronnos especialmente a atención as troneiras (nubes que presaxian o trono), inverneira (para o que outros chamamos invernía, o tempo típico do inverno con friaxe e choiva) ou traspoñerse o sol (para poñerse o sol). En Sarria recollín tamén unha fermosa expresión para o mesmo feito: meterse o sol no buraco.

Tamén son moi interesantes os ditos e refráns de Erundina sobre o tempo:

a) "Se vai a nube por Rendar,
colle o mallo e vai mallar."

 "Se vén nubrado por Quiroga,
vulve pola capa nova."

 "Se vai o nubrado polo Cebreiro,
colle a capa e o sombreiro".

b) "Por Santos, neve nos campos".

c) "Por San Vicente, hora crecente".

d) "Polo San Brais, dúas horas máis".

e) "Corre maio polo pan,
que te pilla San Xoán;
detrás vén Santa Mariña
para segar a gaveliña."

f) "En abril está a loba no cubil.
En maio son coma un gaio.
En San Xoán, bótanlle a carreira ó can.
En Santa Mariña,matan a cabritiña.
En agosto, sáltanlle ó boi no rostro".

 (o texto refírese ao proceso que segue o lobo segundo vai medrando)

Velaí algunhas fotos do Courel que nos cedeu Conchi e que permiten facerse unha idea da beleza das súas paisaxes.