jueves, 15 de enero de 2015

Manualidades de Nadal

    Este ano por Nadal fixemos algunhas manualidades nun taller que realizamos o derradeiro día antes das vacacións nos cursos de 1º de ESO e 3º de ESO.
    Consideramos que as manualidades permiten desenvolver destrezas e colaborar mellorando as relacións interpersoais e tamén permiten amosar e desenvolver  a propia creatividade. Dende logo, cun pouco empeño e non moitos materiais (algúns reciclados, como cartóns de papel hixiénico ou de papel de cociña, paus de xelados, estropallo...) saen algunhas cousas decentes. Velaí tedes unha mostra.









   O boneco realizárono os alumnos de Atención Educativa de 1º de ESO con Fabio. Tamén contamos coa colaboración de Gonzalo, profesor de plástica e da orientadora, Noah.

sábado, 10 de enero de 2015

Máis literatura popular

    A insistencia no interese que presenta a literatura popular e o feito de recollela volveu dar froito na interesante cantiga que aportou Rubén López Rodríguez, de 1º de ESO. A fonte foi súa avoa, Josefa López Martínez, de 72 anos, de Santa Cruz.
   Trátase dun parrafeo, unha cantiga dialogada entre dous mozos que pretenden. Presenta algunhas formas dialectais (andais, gastais, sois, pareceis, tu, algua) e algún castelanismo (calaveras, válganos Dios, clavei) e vulgarismo (pa, pos, salú).

   Velaí vos vai:

Un domingo pola tarde
cosendo estaba Carmiña,
sentada na aira ao sol
e cantando a Maruxiña.

Por detrás dela estaba
un rapaz que lle dicía:
- Estás contenta, Carmiña?
Pos Dios nos dea alegría!

- Válganos Dios, Manolo,
que a fe me metiches medo,
que co susto que levei
clavei a agulla nun dedo!

- Pois non te asustes, Carmiña,
que eso ben o sabes tu,
que ó meu lado non pereces
mentres Dios me dea salú.

- Quen se fía dos rapaces
que sodes o quinto demo
que pa engañar as mozas
pareceis anxiños do ceo.

- ( E vós ) andais apretadiñas,
pareceis (uns) parafusos,
e o que sois as rapazas...
sodes un fato de bruxas!

- E vós como as gastais,
porque sois (uns) calaveras
porque o ganao non vos chega
pa(ra) andar en borracheras.

- Tes unha lengua, Carmiña,
que a fe che chega pa sete.
Cando me viches borracho
pa dicir o que dixeche?

- O día 2 de febreiro,
polo día de San Blas
que me pediches un bico
e algua cousiña máis.

- Non cho pedín por borracho
nin por cousa parecida;
pedincho para saber
se algún cariño me tiñas!


(Imaxe extraída de taringa.net)




domingo, 28 de diciembre de 2014

En defensa do galego

Parece ser que defender o galego en Galiza aínda precisa xustificación. Mesmo se acusa a algunhas persoas de viviren do galego. Eu non vou dar argumentos para defenderme por querer que sigamos sendo quen somos.
Simplemente vouvos deixar un vídeo feito por xente nova que non renuncia á súa lingua e que se sente orgullosa dela. Mesmo reivindican o galego propio da súa zona xeográfica.




Ademais de erguerse voces en defensa do galego en Galicia, tamén empezan a oírse fóra dela. Isto pode verse no seguinte vídeo.




viernes, 21 de noviembre de 2014

Sobre violencia de xénero

Buscando información sobre a violencia de xénero con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de Novembro, atopei algúns materiais interesantes no blog trafegandoronseis. En particular, recoméndovos os Haikus ilustrados de varios autores galegos sobre o tema.

jueves, 20 de noviembre de 2014

Traballos de outono

Velaí algúns dos traballos realizados polo alumnado para celebrar o Samaín ou a propósito do outono no presente curso.

Os alumnos de 1º de ESO fixeron poemas coa axuda de Fabio, o profesor de Atención Educativa, que os ilustrou.









Outros alumnos de 1º de ESO e 3º de ESO realizaron diversos traballos como murais, contos ou tallaron cabazas para o Samaín.
















domingo, 12 de octubre de 2014

Adiviñas

Un matrimonio maior de Farbán que coñecín o mes pasado, aínda que eles coñecen a maior parte da miña familia, contoume estas dúas adiviñas. Para intrigarvos un pouco, non vou dar de momento as solucións.

1. Que cousiña cousa é que canto máis alta está máis pronto se lle chega?

                                 Imaxe extraída da Wikipedia: CC (dominio público)

2. Que cousiña cousa será: métese o duro no mol e cólgalle o piringol?

Unha variante da segunda é:

3. Que cousiña cousa é: métese o duro no brando e vai abaneando?

                                            sanci.es

Engado outra que me dixera hai un tempo Xosefa, que forma parte do persoal non docente do centro, e que está relacionada co outono.

4. Cando pinguele pingaba, funguele fungaba. E cando pinguele non pingaba, funguele non fungaba.


                                  Imaxe extraída da Wikipedia: CC-BY-SA (BenHur)


(Imaxe extraída de Wikipedia: CC - BY - SA (Lord Koxinga)














A formación da Lingua Galega