sábado, 14 de febrero de 2015

Día da Paz

Este curso para celebrar o Día da Paz o alumnado de 1º de ESO fixo co profesor de Atención Educativa, Fabio, esta pomba:



En 2º de BAC estabamos explicando a poesía de posguerra e comentamos os poemas "Cunetas" de Luís Pimentel e "Poema Nuclear" de Celso Emilio Ferreiro e reflexionamos sobre as consecuencias das guerras para a poboación civil. 
Velaí vos vai o texto:

Cunetas, Luís Pimentel

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

...........................................

Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non teréi palabras pra os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.

------------------------ Lugo, marzo, 1937


Herrero Figueroa, Araceli (1981): Luis Pimentel: Obra inédita o no recopilada. (Lugo: Ediciones Celta)




Imaxe extraída da Wikipedia: CC - BY - SA (Iago Pillado)

jueves, 29 de enero de 2015

Curtas sobre literatura


   Partindo dos contos de Ánxel Fole de Á lus do candil, fixéronse varias curtas. A 1ª está relacionada co conto "Os defuntos falaban castelao". A segunda co conto "Os lobos".

   Ánxel Fole foi un dos mestres do conto na posguerra e na súa obra hai dúas etapas:
- as obras da primeira están ambientadas no mundo rural, que coñeceu de primeira man cando se refuxiou no Courel e no Incio na posguerra, por medo a posibles represalias. As obras desta etapa sitúanse nesas terras.
- na segunda etapa volve vivir a Lugo e tamén muda a ambientación da súas obras, que agora é urbana.

   Os seus contos mesturan a realidade material de Galicia (paisaxe, costumes, xentes...) e a inmaterial (crenzas, supersticións...).







jueves, 15 de enero de 2015

Manualidades de Nadal

    Este ano por Nadal fixemos algunhas manualidades nun taller que realizamos o derradeiro día antes das vacacións nos cursos de 1º de ESO e 3º de ESO.
    Consideramos que as manualidades permiten desenvolver destrezas e colaborar mellorando as relacións interpersoais e tamén permiten amosar e desenvolver  a propia creatividade. Dende logo, cun pouco empeño e non moitos materiais (algúns reciclados, como cartóns de papel hixiénico ou de papel de cociña, paus de xelados, estropallo...) saen algunhas cousas decentes. Velaí tedes unha mostra.









   O boneco realizárono os alumnos de Atención Educativa de 1º de ESO con Fabio. Tamén contamos coa colaboración de Gonzalo, profesor de plástica e da orientadora, Noah.

sábado, 10 de enero de 2015

Máis literatura popular

    A insistencia no interese que presenta a literatura popular e o feito de recollela volveu dar froito na interesante cantiga que aportou Rubén López Rodríguez, de 1º de ESO. A fonte foi súa avoa, Josefa López Martínez, de 72 anos, de Santa Cruz.
   Trátase dun parrafeo, unha cantiga dialogada entre dous mozos que pretenden. Presenta algunhas formas dialectais (andais, gastais, sois, pareceis, tu, algua) e algún castelanismo (calaveras, válganos Dios, clavei) e vulgarismo (pa, pos, salú).

   Velaí vos vai:

Un domingo pola tarde
cosendo estaba Carmiña,
sentada na aira ao sol
e cantando a Maruxiña.

Por detrás dela estaba
un rapaz que lle dicía:
- Estás contenta, Carmiña?
Pos Dios nos dea alegría!

- Válganos Dios, Manolo,
que a fe me metiches medo,
que co susto que levei
clavei a agulla nun dedo!

- Pois non te asustes, Carmiña,
que eso ben o sabes tu,
que ó meu lado non pereces
mentres Dios me dea salú.

- Quen se fía dos rapaces
que sodes o quinto demo
que pa engañar as mozas
pareceis anxiños do ceo.

- ( E vós ) andais apretadiñas,
pareceis (uns) parafusos,
e o que sois as rapazas...
sodes un fato de bruxas!

- E vós como as gastais,
porque sois (uns) calaveras
porque o ganao non vos chega
pa(ra) andar en borracheras.

- Tes unha lengua, Carmiña,
que a fe che chega pa sete.
Cando me viches borracho
pa dicir o que dixeche?

- O día 2 de febreiro,
polo día de San Blas
que me pediches un bico
e algua cousiña máis.

- Non cho pedín por borracho
nin por cousa parecida;
pedincho para saber
se algún cariño me tiñas!


(Imaxe extraída de taringa.net)




domingo, 28 de diciembre de 2014

En defensa do galego

Parece ser que defender o galego en Galiza aínda precisa xustificación. Mesmo se acusa a algunhas persoas de viviren do galego. Eu non vou dar argumentos para defenderme por querer que sigamos sendo quen somos.
Simplemente vouvos deixar un vídeo feito por xente nova que non renuncia á súa lingua e que se sente orgullosa dela. Mesmo reivindican o galego propio da súa zona xeográfica.




Ademais de erguerse voces en defensa do galego en Galicia, tamén empezan a oírse fóra dela. Isto pode verse no seguinte vídeo.




viernes, 21 de noviembre de 2014

Sobre violencia de xénero

Buscando información sobre a violencia de xénero con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de Novembro, atopei algúns materiais interesantes no blog trafegandoronseis. En particular, recoméndovos os Haikus ilustrados de varios autores galegos sobre o tema.

jueves, 20 de noviembre de 2014

Traballos de outono

Velaí algúns dos traballos realizados polo alumnado para celebrar o Samaín ou a propósito do outono no presente curso.

Os alumnos de 1º de ESO fixeron poemas coa axuda de Fabio, o profesor de Atención Educativa, que os ilustrou.









Outros alumnos de 1º de ESO e 3º de ESO realizaron diversos traballos como murais, contos ou tallaron cabazas para o Samaín.